Desde a AS-PG queremos destacar o esforzo do profesorado galego por adaptarse ás instrucións que a consellaría foi publicando durante estes meses, que modificaban o seu traballo e por resolver os problemas que foron xurdindo neste novo sistema de ensino-aprendizaxe, sen percibir o recoñecemento por parte das institucións.
Na primeira parte deste terceiro trimestre, a consellería publicou catro anuncios con instrucións distintas, que eran coñecidas polos profesionais do ensino e polos equipos directivos a través do portal.
Hai poucos días, o día 12 de maio, todos os departamentos dos centros enviaron á inspección educativa as súas programacións coas modificacións pertinentes e tomáronse acordos sobre o sistema de cualificación do alumnado. Porén, o terceiro trimestre xa levaba andando catro semanas.
Consideramos que houbo pouca previsión por parte da consellaría, que tiña competencias para ter organizado mellor a tarefa do profesorado co que tería evitado a incerteza coa que traballou e tería achegado tranquilidade a todos os que formamos parte do ensino: alumnado, familias e docentes.
Desde a Xunta lanzouse a información de que a crise do coronavirus está superada, pero a realidade é que os expertos din que non hai estudos fiables da evolución desta crise máis alá dos datos de hospitalización e mortes
É inxusto que descarguen nos equipos directivos a responsabilidade de salvagardar a saúde dos profesionais e do alumnado. A estas alturas non se sabe de que medios van dispoñer ou de que cartos van dispoñer ou como van adquirir material como máscaras, luvas, pantallas, xel para protexer, etc.
A consellería está ocultando á poboación a unha realidade. Incorporarse ás clases implica riscos de aumentar contaxios. É algo que a poboación ten que asumir se decide enviar aos seus fillos.
Canto ao alumnado de 2º BACH
- O profesorado está moi implicado traballando con este alumnado. Están a facer un labor que vai máis alá do seu deber porque están preocupados polo alumando e queren que vaian nas mellores condicións.
- Neste momento están atendidos e atendidas na súa maioría e teñen unha idade preuniversitaria que lles permite dominar unha serie de medios técnicos similares aos que van ter dentro duns meses na universidade (aulas virtuais)
O alumnado de 2º BACH debe enfrontarse ás ABAU, unhas probas que sempre lles xeneraron dúbidas e inseguridades. Máis aínda neste caso cando non saben aínda como se van realizar as probas.
Alumnado de 2º FP
Agora sería o momento para realizar as prácticas e presentar os proxectos finais o que pode ser realizado de maneira telemática para evitar o risco de reunir nunha mesma habitación durante varias horas a alumnado con varios profesores e profesoras
As medidas que se tomarán deben ser negociadas, explicadas e cómpre que o profesorado sexa escoitado e tido en conta. Desde a AS-PG queremos que a nosa consellería xestione e non delegue nos equipos directivos a responsabilidade de protexer a alumnado e profesorado nesta crise sanitaria.