Set 052008
 

A esta altura non pode haber ninguén tan inxenuo como para pensar que os ataques contra a cooficialidade do galego, o catalán e o vasco non están dirixidas orgánica e politicamente. O sarillo tece unha madeixa expansiva que parte do centro madrileño para intimidar dentro das nacións con lingua propia. En principio móveno grupos mediáticos poderosos e os seus dogmáticos voceiros intelectuais e empresariais, en pleno aggiornamento da España imperial. Encárganse tamén de mantelo activo no tempo.

Os ecos miméticos e patéticos resoan no curral da tribo, neste caso a galega, especie que debe ser extinguida por asimilación. Vén de tocarlle a quenda á “Junta Directiva” do denominado “Club Financiero de Vigo”. Advirtamos que nunca practicou o bilingüismo. O galego está absolutamente excluído das súas actuacións. Xa saben, teñen pretensións de finura corporativa, reacia a lixarse vinculándose á lingua orixinaria de Galiza, pobo do que sen dúbida algúns proveñen. A verdade é que os señores da “Junta”, máis que empresarios, son burócratas. Chapotean nun mar de subvencións oficiais, aforro dos galegos e galegas, prestacións de servizos pagos por moitos galego-falantes. Chegado o momento oportuno, sentencian ao servizo dunha causa política, contraria aos dereitos humanos máis elementares e á mínima consideración co dereito básico dun pobo. Fano hipocritamente, agachados nunha suposta análise empresarial.

Hipocrisía e ficción caracterizan o seu discurso. A hipocrisía de defenderen un bilingüismo que nin admiten nin practican. Non hai máis que ver cal é o status do galego e dos galegos-falantes nunha boa parte dese mundo empresarial que din representar. Ficción, que falsifica a realidade até a inversión total, especialmente no referido ao ensino e a atención aos cidadáns. O desequilibrio e a imposibilidade de emprego afectan especialmente á lingua galega. Teñen un bo exemplo nos centros educativos onde adoitan levar os seus fillos. En nome da globalización, queren máis españolización. En nome da liberdade, aspiran a estar por enriba das institucións democráticas e as súas tímidas propostas para amparar os usos do galego. A súa ofuscación ideolóxica é tanta que, mesturando idioma con economía, chegan mesmo a inverter a norma que confirma: os países desenvolvidos, con economía produtiva, identifícanse co seu idioma, mesmo sendo minoritario, e normalizan o seu uso na sociedade (precisamente Finlandia, Noruega, Holanda, …).

Hai unha evidente ósmose económica entre Galiza e o norte de Portugal. Provocarán coa súa mentalidade algún efecto positivo estes “empresarios” nas relacións transfonteirizas? Até cando seguirán sen albiscar a potencialidade do máis próximo, a comezar polo idioma propio? Unha cuestión política e económica crucial, ofuscada, embafada, por unha ideoloxía que nos nega e despreza.

 Posted by at 19:47

Sorry, the comment form is closed at this time.