Feb 142009
 

Xosé Mexuto

As prioridades de Botín son claras: Cristinao ten que ser branco, o esplendor debe voltar á herba do Bernabéu, hai que mercar o antídoto contra Messi. Nun golpe de efecto destinado a indicar ás masas que o último magnate aínda dispón de cash abondo, o amo do Santander disque lle vai prestar ao Real Madrid 70 millóns de euros para que o pan e o circo non falte na casa de nengún probo traballador do Estado. Así, Cristiano Ronaldo enrolarase na tribo do noble y bélico adalid para se pór á altura de lendas como Di Stéfano e Zidane. As xaculatorias de ZP foron por fin atendidas! Retorna o crédito! Volve a liquidez! A maquinaria pode volver a porse en marcha e a producir plusvalía! Xa hai alternativa ao tixolo e ao cemento: está no dribling vertixinoso do espigado estremo da Madeira, no instinto de killer que o levou a coroarse como máximo goleador da Premier League, na súa fotoxenia de top model. O combate singular con Lionel está servido. Dun lado, o glamour dun futbolista que, como Beckham, ten ar de estrela do cinema, unha sorte de Leonardo Dicaprio cunha luva no pé esquerdo. Doutro, a sinxeleza e falta de todo artificio dun xenio arxentino que, a falta de verbo florido, semella ter a cabeza no seu sitio, máis na onda de Di Stéfano que de Maradona.

Desculpen o excurso futbolístico: vou ir xa ao miolo do asunto e o miolo do asunto é que o capital financeiro non ten fácil arreglo: sempre acaba xogándose os cartos á ruleta francesa. O fútbol é unha xigantesca burbulla especulativa, cuspidiña á do sector inmobiliario e mantida grazas a Papá Estado. Iso foi así durante a ditadura e iso é así durante a democracia. Foi así cos clubes e é así coas sociedades anónimas. Parecería, pois, que Botín se volve equivocar ao colocar capital nun negocio ruinoso. Ou quizá non, quizá Botín sexa un aprendiz de arúspice con certa capacidade para predicir o futuro. Quizá saiba que vai pasar no curto prazo cos terrenos nos que se ubica o Santiago Bernabéu. Quizá soña con substituír as gallopadas de Cristiano sobre o relvado con rañaceos de luxo. Ou sexa, o ladrillo outra vez.

 Posted by at 00:00

Sorry, the comment form is closed at this time.