Feb 232009
 

Do pouco que lembro das clases de Crítica literaria, está o concepto de literalidade, como calidade da obra literaria que pode ser lida a través do tempo e non perde nunca interese, enriquecéndose coas lecturas que imos facendo dela.
Porén iso non implica a descontextualizacion dun poema, nin que esquezamos os motivos que o converteron en obra escrita. E falo a propósito de Cabanillas, do seu poema “En pé!” que o outro día foi citado por Núñez Feijóo nun mitin electoral, polo mesmo candidato que sostén que derrogará o Decreto 124 que concreta que se debe impartir en galego no ensino.
Cando Cabanillas escribe o poema “En pé!”, dedícallo a Lois Porteiro Garea, un compañeiro das irmandades da fala, do que Cabanillas dicía que era dos que levaba na fronte unha estrela. É un poema escrito en honra dun “irmán”, dun loitador pola Terra, pola lingua, por Galiza.
A prensa recolle que Feijóo citou os catro primeiro versos do poema: “en pé, sereos, a limpa fronte erguida, envoltos na brancura da luz que cai de riba”, e tamén di que pasou desapercibida a cita do poema, e claro, porque foron escollidos só estes versos orfos da palabra coa que se inicia o poema: “Irmáns!”, e dos que continúan a estrofa e forman con eles un todo: “o corazón aberto a toda verba amiga, e nunha man a fouce e noutra man a oliva, ó redor da bandeira azul e branca, ó redor da bandeira de Galicia, cantémo-lo dereito á libre, nova vida!”. Non foi pouco o que deixou atrás o popular, pois, verdadeiramente, os versos por el citados e os que lle seguen forman unha unidade de significado inequívoca, que, aínda que Cabanillas non poida dicírnolo da súa voz, están nas antípodas do que defende este candidato (tal vez Cabanillas se remexeu na súa tumba o sentirse así citado).
Feijóo “esqueceu” a primeira palabra do poema, e incluíu o poeta no seu discurso. Mais como é posíbel que quen hoxe promete que nos privará das escasas ferramentas que temos para normalizar o noso idioma cite ao cambadés, ao poeta máis representativo das Irmandades da Fala, outro irmán máis dos que decidiron loitar polo noso idioma e empregalo sempre e en todo lugar. Por que non cita Feijóo os versos que falan da bandeira, da fouce e da liberdade… Por que non segue lendo que a patria foi escravizada polos reis de Castela, vendida por traidores na noite da Frouxeira, que están asoballados e que “O día do Medulio con sangre quente e roxa mercámo-lo dereito a libre, honrada chouza!”… Tal vez porque non foron escritos para el, nin para outros, os versos que pechan o poema: “berremos alto e forte “¡A nosa Terra é nosa!”.
Hai quen pensa que en campaña electoral todo é posíbel, que todo vale para pedir o voto, e aínda por riba estamos no Entroido, tempo de disfraces e caretas. Mais non, non vale todo, ou non debería valer.
Eu recoméndolle a Núñez Feijoo que lea o poema enteiro, se non o leu, que lea todo o libro de Da terra asoballada, mesmo que lea as obras completas deste poeta central da nosa historia literaria, mais que lea o que Cabanillas escribiu, e que, antes de citar unha obra literaria, teña moi en conta cal é o seu significado exacto.

Marta Dacosta
23 de febreiro 2008

 Posted by at 21:03

Sorry, the comment form is closed at this time.