Xuñ 072009
 

O novo ministro de Fomento, José Blanco, estreouse afirmando que todos sabiamos que a conexión por alta velocidade con Madrid, concretamente o tramo Ourense-Lubián, non podía estar en funcionamento en 2012.  O que sabemos é que o BNG sempre foi vangarda na esixencia da modernización da infraestrutura ferroviaria interior de Galiza e as súas conexións co exterior (Portugal e a Meseta), de forma específica no Congreso dos Deputados, desde 1996 até hoxe. A nosa presenza alí foi decisiva para os Gobernos do PP vérense obrigados a incluír, polo menos en teoría, Galiza no seu plano de infraestruturas ferroviarias de alta velocidade, do que aparecía ostentosamente excluída. Acabaron por asumir, após moito debate e denuncia, un deseño con duplicación de vía, electrificación e variantes no Eixo Atlántico (A Coruña-Vigo) á altura do ano 2001. Planificouse a súa execución con tal lentitude que, aínda hoxe oito anos máis tarde, está máis da metade dos seus 160 quilómetros sen acabar. Se o ritmo destas obras acabou mellorando unha migalla foi pola presión do BNG para aumentar as partidas orzamentarias a el destinadas, a cambio do apoio aos orzamentos do estado desde 2005, xa con goberno PSOE. Asemade, consecuentemente, logramos que o concepto Eixo Atlántico abranguese desde Ferrol á fronteira portuguesa e esiximos, para apoiar os Orzamentos desde 2006, que se axilizasen os trámites administrativos e se contemplasen os adecuados soportes financeiros para os tramos Ferrol-A Coruña e Vigo (saída sur)- fronteira portuguesa. Descubrimos que a intención do Goberno era non facer nada neles até rematar o itinerario A Coruña-Vigo. Resístese a actuar, malia os compromisos adquiridos. As partidas que o BNG consegue non se executan alí. Todo o máis desvíanse para o Eixo Atlántico en obras. Conta coa conivencia ou a pasividade da autoridade local ,caso de Ferrol, que non ditamina o proxecto de entrada na cidade. Tampouco cumpriu o compromiso de sacar o estudo informativo do itinerario Ferrol-Betanzos a información pública no último semestre de 2008. O BNG negociou co Ministerio a  adaptación do itinerario actual, con dupla vía,electrificación e compatibilidade para viaxeiros e mercadorías, cun criterio de rendibilidade social (útil para viaxes de proximidade, media distancia e longa distancia). Para este 2009 figura unha partida de 15 millóns de euros, negociada por Francisco Jorquera. De Betanzos á Coruña todo está na brétema co pretexto da oposición desatada no concello de Cambre… Mesmo foi o BNG quen  lles tivo que advertir que en Uxes faltaba un by pass para os trens poderen circular directamente en dirección Santiago.
Ningún Goberno de España mostrou especial querencia, para alén de pomposas declaracións nas oportunas cimeiras hispano-lusas, por tomaren a serio a conexión Vigo-fronteira portuguesa-Porto, insistentemente reclamada polo BNG, como fixemos coa conexión Lugo-Ourense, incidindo en que executasen os proxectos de variantes sempre anunciados ou en obra e nunca iniciados ou rematados… Foi sintomática, unha vez vencida a resistencia, a relativa facilidade con que se asumiu o tramo “central”  Santiago-Ourense, ancho internacional e só para viaxeiros, concesión simbólica e, en consecuencia, o único que vai estar executado nun período de tempo algo asumíbel (2012),entre un Eixo Atlántico, con ancho ibérico, e o tramo Ourense-Lubián non se sabe en qué estado a esa altura.Representa a falta de planificación e coerencia dos deseños que nos aplican, a improvisación e a resposta á reivindicación e presión política desde criterios alleos.
Foi esta presión do BNG sobre o Goberno PSOE, a cambio do apoio aos Orzamentos de 2006, 2007 e 2008, a que acabou por provocar a licitación dos proxectos do tramo Lubián-Ourense, con características de dupla vía, electrificación e velocidades algo inferiores ás do tramo Ourense-Santiago. Con vontade política e un ritmo de investimentos adecuado, o tramo estaría rematado coa data do 2013 como referencia. Agora, o ministro manifesta a súa vontade de modificar o deseño para velocidades de 300 quilómetros.  Á espera de non se sabe que horizonte temporal, propón unha chapuza que, é máis que unha sospeita, xa estaba cavilada no Ministerio de Fomento, con Álvarez Cascos e con Magdalena Álvarez: electrificar o actual itinerario, de forma que en 2012 a duración da viaxe a Madrid fique en catro horas no canto das oito actuais. Non será que o ministro, perante a falla de diñeiro, con tantos compromisos para o Goberno prioritarios noutras partes do Estado, pretende adiar o investimento necesario, mentres nolo vende como afán anti-discriminatorio?
O novo Ministro de Fomento faría ben, no canto de  intentar aparecer como campión da non discriminación, en cumprir os compromisos e executar as partidas orzamentadas para acelerar as obras en execución e clarificar cales vai comezar nos tres anos que quedan na actual lexislatura e con que ritmo.Isto é o que sabe e espera o BNG.

 Posted by at 09:22
Xuñ 032009
 

No cinema, na literatura, é frecuente o tratamento da amnesia como elemento definitorio de personaxes e de historias. Tamén nas series televisivas de asunto médico achamos casos de pacientes que despois dun accidente ou dun choque emocional fican ancorados nun momento do pasado, imposibilitados para lembrar nada do que sucedeu con posterioridade a esa data. Esa perda de memoria pode deberse a unha doenza, unha lesión ou a un evento traumático. Nun libro de Beatriz Vera Poseck, Imaxes da loucura: a psicoloxía do cinema, analízase o tratamento cinematográfico de todas estas doenzas a través dun bon número de filmes de todas as épocas. Lembro isto porque tal vez o Partido Popular e o seu Presidente están a interpretar un dos mellores filmes de tema amnésico da historia recente, seguro finalista dos próximos Premios Mestre Mateo, se non se decidir suspendelos despois de se divulgar que o Mestre Mateo falaba galego todo o día, mesmo co Rei Fernando, e tamén os canteiros do Pórtico da Gloria, e os bispos e os curas.

Dentro dos tipos de amnesia encontramos a amnesia disociativa, de carácter exclusivamente psicolóxico, pois o cerebro non sufriu dano físico, mais a mente do individuo "elixe" prescindir dunha parte dos seus recordos por lle resultaren traumáticos ou dolorosos. A amnesia disociativa, isto é a que non se debe a lesión física no cerebro, soe asociarse coas "lagoas de memoria" e pode ser de diferentes tipos, sendo a máis común a localizada, que é aquela que se refire a un momento concreto do tempo.

Tal parece ser a amnesia que afecta ao Partido Popular, que non lembran nada do sucedido neste país desde 2005, o annus horribilis en que o electorado galego decidiu que podía haber outras opcións de goberno diferentes ás dos 16 anos anteriores e o PP entrou na fase amnésica posterior á perda do Goberno, unha amnesia retrógrada na clasificación de Beatriz Vera.

Hai quen sostén que o Partido Popular non contaba gañar as eleccións. Pode ser. Mais cando despois do 1 de marzo o Señor Presidente espertou á realidade do goberno, fíxoo seguindo as pautas dun guión cinematográfico magnificamente urdido, filmando en diferentes escenarios e case sempre cun único actor principal que só cede algunhas escenas a especialistas, encargados de rodar as secuencias con máis efectos especiais: redución das listas de espera, consulta aos pais e nais sobre a lingua vehicular no ensino, etc. Sen esquecer, claro está, a lista de figurantes e de siglas que figuran nos créditos finais.

O guión deste filme ten como liña argumental non ter en conta nada do sucedido en Galiza entre o ano 2005 e o 2009, un tempo inexistente, innomeábel, situando os principais asuntos no pasado, cunha fixación que non se detén en nada: tanto dá modificar a lei da Función Pública para eliminar a posibilidade de realizar un exame en galego, como recuperar a imaxe pasada do Xacobeo aínda que iso supoña unha perda de diñeiro neste tempo de aforro; tanto ten derrogar as normas do hábitat como o Decreto de uso do galego no ensino ou utilizar o portal oficial da Xunta para censurar o labor do anterior goberno. Tanto dá, porque só interesa a recuperación do poder pasado, a execución dunha política retrógrada, por canto vai cara atrás no tempo, trátase de utilizar a retropopulsión como programa de goberno sen importar os custos.

Nos filmes a amnesia pode ser excitante. Xeralmente o ou a protagonista precisa recuperar fragmentos do seu pasado que restitúan a súa identidade. Gobernar baixo as consecuencias da amnesia supón manterse illados no presente e ser incapaz de imaxinar experiencias de futuro, non tendo tampouco a garantía de poder recuperar o pasado.
E mentres este filme segue a súa rodaxe, na Galiza real e actual, aqueles e aquelas que somos quen de lembrar, que facemos? 

 Posted by at 11:51
Xuñ 022009
 

Talvez debería este ser un artigo adicado a esa campaña electoral que nos vai levando de pobo en pobo e nos confirma a idea de que Bruxelas está lonxe, moi lonxe. Campaña por outra banda moi interesante para comprobar o nulo interese que teñen certos partidos políticos por abordar de qué Europa podemos falar agora que está en crise o presuposto básico sobre o que se asentou a Unión Europea.

Porén, hai un tema cunha certa raíz europea que por supostamente menor pasou desapercibido para moitos medios e supoño que para a maioría da cidadanía. Isto é, o Camiño de Santiago e o retorno ao vello logo do xacobeo. O Xacobeo 2010 está aí á volta do verán e o novo goberno no canto de presentarnos o seu proxecto decide pasar a facer oposición da oposición.

Así, nun primeiro momento volvemos ao vello esquema de incluír o Turismo na Consellaría de Cultura desaproveitando todas as sinerxías que un departamento de Industria ofrece para fomentar unha importante acitividade económica, mais no canto de aproveitar o aspecto máis identitario e cultural do turismo comezamos por estabelecer que a cultura galega limita. Non sabemos con qué ou se polo norte ou o sur, pero o conselleiro afirma que limita.  Máis tarde pasan a falar de que non están feitos os deberes para as exencións fiscais cando estas están recollidas na propia Lei de Orzamentos do Estado. E sen recoñecer nin unha liña do programado afirman que por gran novidade vólvese ao logo antigo de Xesús Pérez Varela.

Despois dun concurso de ideas, de todos os requerimentos legais para que sexa oficial, de ter dados os permisos necesarios para poder ser utilizado por outras comunidades se así o desexan ou dos tres anos de promoción do Camiño empregando o logo da frecha amarela co que se rotula albergues, sinalizacións, folletos…  decídese que a dirección de futuro cara a adiante que marca o logo en cuestión non é a máis acertada para os tempos que corren.

Os camiños que chegan a Compostela teñen tantas significacións como as mochilas dos peregrinos que os percorren. Agardamos que nunha delas viaxe ese espírito europeo do Camiño como construción colectiva

 

 

 

Este texto tamén se publicou en A Nosa Terra

 Posted by at 19:14