Out 192009
 

Cheguei hai un pouco de Compostela, e como moitos e moitas de vós aínda sigo impresionado pola demostración de dignidade que ven de dar Galiza defendendo o seu futuro en galego. Fomos milleiros as persoas que hoxe de xeito cívico ocupamos as rúas da capital da nosa nación respostando á chamada da Plataforma QUEREMOS GALEGO!, e xa sabedes como se fai nestes casos, se a policía di que eramos 50.000 o que hai que facer é multiplicar por dous eses dados e despois restarlle un pouquiño para saber cantos eramos realmente

Foi un duro traballo de centos de persoas que desde a Plataforma e desde as asociacións que dela forman parte remamos contracorrente, dado que na maioría dos medios de comunicación ao longo das pasadas semanas houbo un apagón informativo case total. Veremos que din mañá pero supoño que irán na liña do telexornal que acabo de ver, "milleiros de persoas", poden ser dúas mil ou algunhas máis cada quen que faga o seu cálculo, pero onte o mesmo telexornal dunha televisión que debe centrarse en informarnos sobre a realidade galega abriu cun titular de "millón e medio de persoas" na manifestación da dereita en Madrid, onte foi rotundo e non deixou que fixera cada quen o seu propio cálculo de asistentes;  e se queremos poñer o exemplo dun medio que din "amigo" na súa páxina en internet o máis importante desta mañá en Compostela foi a presenza dun ministro.  

Algúns sumáronse a última hora, xa dicía hai unhas semanas que iso ía acontecer, e como queda aínda moito camiño por andar o tempo amosaranos se era só para sair na foto ou o seu compromiso é real; pero esta anécdota non debe facernos perder un minuto dado arribistas sempre os houbo e haberaos. Creo que neste momento debemos centrarnos en toda esa xente que aínda tendo dúbidas porque ao longo dos últimos meses fixeran mella neles as mensaxes dos inimigos de Galiza bombardeándoos con "iso é un chiringuito do nacionalismo", "mobilizarse non vale para nada", "saír á rúa é crispar á sociedade" etc?, hoxe eran parte da marea de dignidade. Esas persoas capazes de superar os medos e tabús agora son tamén propagandistas de QUEREMOS GALEGO!

Queda moito por facer pero coa demostración de hoxe vai ser máis doado. Como  en outras moitas ocasións foi o nacionalismo o que abreu o camiño, dando exemplo de visión política, xenerosidade e compromiso co país. Sabemos que é na mobilización e no combate social onde se adquire conciencia, e os milleiros de persoas que hoxe respostaron á chamada de QUEREMOS GALEGO! teñen que pasar a ser protagonistas dun futuro no que é fundamental artellar unha densa rede de complicidades; unha rede comprometida con Galiza.

 Posted by at 10:57

Sorry, the comment form is closed at this time.