Nov 182009
 

No que resta do 2009 e ao longo de todo o 2010 América Latina vai vivir diversas convocatorias electorais que permitirán configurar un novo contexto político na rexión sumándose  ao acceso ao goberno da Fronte Farabundo Martí no Salvador e de Lugo no Paraguay pola banda esquerda e ao avanzo da dereita nas urnas en Panamá e Arxentina e en Honduras pola forza das armas. Serán Bolivia, Chile, Colombia, Costa Rica, República Dominicana, Brasil,e Venezuela xunto coa segunda volta das presidenciais uruguaias quen definan o novo panorama dese continente.

A segunda volta das presidenciais uruguaias será o 29 de novembro e nela competirán o candidato da Fronte Ampla Pepe Mujica e o da dereita Luis Alberto Lacalle que conta co apoio dos partidos Nacional e Colorado que representan á dereita tradicional do Uruguai. Na primeira volta celebrada o pasado 26 de outubro a Fronte Ampla acadou a maioría nas duas cámaras cun senador e un deputado máis que a dereita pero quedou a dous puntos escasos de acadar a presidencia da república.

Uruguai no mundo é un pequeno país con apenas tres millóns e medio de habitantes, pero neste momento todos os focos se centran nel dado que do resultado da segunda volta dependerá que a edificación dunha nova América Latina desde alternativas políticas propias e plurais dea un paso atrás ou siga avanzando. A Fronte Ampla creada no 1971 agrupa a todas as forzas de esquerda do país, desde o Partido Comunista até sectores socialdemócratas pasando polos ex-guerrilleiros tupamaros,  sendo un dos primeiros exemplos de frontismo en América Latina e salvando as diferenzas lóxicas poderíamos equiparala ao BNG tanto en programa como en funcionamento.

Hai cinco anos a esquerda uruguaia chegou por primeira vez ao goberno e iniciou un proceso de importantes transformacións sociais e económicas partindo da atención ás maiorías sociais e da defensa dos intereses nacionais fronte ás multinacionais, proceso que busca aprofundar no novo período. Os máis optimistas pensaban que sería máis doado reeditar a presidencia e que as dúas consultas que se lle facían á poboación nese mesmo día sobre a implantación do voto por correo para favorecer a participación dos uruguaios do exterior e a derogación da lei que amnistiou a militares e policias polos delitos cometidos durante a ditadura terían os votos necesarios; pero o 25 de outubro as dúas consultas foron rexeitadas e pese ao inxente labor de cinco anos de goberno houbo elementos que influiron en non acadar a presidencia en primeira volta.
Segundo diversos dirixentes da Fronte Ampla foron cinco anos co mellor goberno da historia do país, cun importante crecemento da produtividade e do investimento, creación de postos de traballo e dignificación da vida de centos de milleiros de cidadáns; pero algunhas contradicións, medidas mal explicadas como a reforma fiscal, contradicións, a non explicación do que se atoparon cando chegaron ao goberno, e erros importantes na campaña fixeron que se teña que ir á segunda volta, unha segunda volta que se está a caracterizar por un cambio de táctica dunha dereita que consciente da súa derrota se adica a enlamar a campaña empregando elementos  que dan moito que pensar sobre intereses extraños ao proceso electoral interno, e todo o mundo sabe que cando se fala diso en Uruguai e no resto de América Latina estamos a nos referir a EEUU e os seus intereses particulares, á CIA e a determinados elementos dos servizos secretos.

Para sorpresa do pobo uruguaio e coincidindo co inicio da campaña da segunda volta e coas boas espectativas da Fronte Ampla na primeira fin de semana de novembro a policía descubriu nunha vivenda de Montevideo un arsenal composto por centos de armas e munición de guerra producíndose un enfrontamento e a morte dun policía e de Saúl Feldman o dono da vivenda e suposto responsábel do arsenal, cun posterior incendio que ven puido provocar a voadura de toda a mazán de vivendas.
Inmediatamente os medios da dereita empezaron a falar da aparición entre as armas de propaganda de esquerda e material que supostamente facía referencia á creación dun grupo armado, da suposta relación sentimental de Feldman cunha dirixente do MPP (organización maioritaria na FA e á que pertence o candidato presidencial) e da existencia dun coronel cubano como asesor principal do goberno en temas de defensa. E nas televisións do interior do país enpezouse a emitir un anuncio publicitario sen asinar que semellaba un boletín informativo no que un suposto representante do goberno relacionaba directamente o arsenal coa esquerda e en concreto co candidato presidencial Pepe Mujica (este integrou a guerrilla do MLN-Tupamaro nos anos sesenta do século pasado, estivo máis de 15 anos en prisión e integrouse na FA nos anos oitenta tendo sido deputado, senador e ministro de gandería, agricultura e pesca).
Aos poucos días, e diante da polémica creada, a dereita recoñeceu que o anuncio era deles dicindo que non acusaban a ninguén, simplemente informaban sobre "noticias que nas últimas horas cobraron notoriedade"; e todo isto adubiado con declaracións dos ex-presidentes Lacalle, Sanguinetti e Batlle que se referían á orixe política do armamento atopado, vinculaban  ao ex-dirixente tupamaro Julio Marenales e a Mujica co arsenal e acusaban á Fronte Ampla de golpista e de estar preparándose para a loita armada.

Co paso dos días as mensaxes da dereita foron perdendo peso dado que a suposta relación sentimental entre unha ex-guerrilleira e o responsábel do arsenal non existeu, o coronel cubano que asesoraba ao goberno resultou que non era nin coronel nin cubano senón un cidadán uruguaio e o tal Saúl Feldman vaise descubrindo pouco a pouco que é un xudeu sionista con vinculacións de vello co tráfico de armas e coa extrema dereita.
Neste momento semella que a suxa campaña posta en marcha pola dereita, con dados que dan a entender que contou con apoios de sectores dos servizos secretos, non vai impedir o trunfo de Pepe Mujica o día 29, a menos que nestes dez días que restan aconteza algún feito excepcional  cousa que non desbotan os dirixentes da Fronte Ampla; dirixentes que son conscientes de que o novo período vai ser moito máis duro cunha dereita capaz de recurrir ao discurso da época da ditadura con tal de manter a tensión e a crispación na sociedade, pois saben que un segundo período de goberno da esquerda con maioría parlamentar aínda que axustada e a presidencia da república vai servir para aprofundar nas medidas transformadoras postas en marcha no período anterior.

O día 29 os uruguaios xóganse o futuro do seu país pero todas as persoas que apostamos por transformacións radicais enfrontándonos á ideoloxía dominante da globalización tamén nos xogamos con eles o noso futuro, dado que ao igual que noutras épocas foi Europa o motor das transformacións hoxe é fundamentalmente América Latina a que, con todas as contradicións que se queira,  encabeza a loita por un mundo máis democrático, máis social e máis solidario.

 Posted by at 16:42

Sorry, the comment form is closed at this time.