Nov 182009
 

A recente sentenza do Tribunal Supremo, avalando a normativa que en materia lingüística se está a aplicar no ensino, ven de ter o seu contrapunto na pretensión dun xulgado de Madrid de retirar a custodia das súas fillas a unha nai que se trasladou a vivir a Vigo debido a que, segundo os prexuízos daquel xuíz ou xuíza, a educación que van recibir é en galego e iso non é útil ou, como diría o noso conselleiro de Cultura, limita.
Resulta sintomático que iso suceda ao mesmo tempo que se dicta a sentenza que pon por terra, esperemos que definitivamente, a argumentación que os dirixentes do Partido Popular, co Presidente á cabeza, viñan manifestando desde antes do seu acceso ao goberno, cando decidiron utilizar a falacia da imposición e comezaron a predicar "o dereito dos pais a elixir a lingua en que escolarizar os seus fillos"
Pois resulta que non, que elixir libremente a lingua de escolarización «non é expresión de ningún dereito fundamental» recollido na Constitución, e tampouco se vulneran Dereitos Humanos, pois o artigo 26 da Declaración Universal só garante aos pais o dereito preferente, que non exclusivo, a escoller «o tipo de educación» que reciben os seus fillos e fillas. E máis nada.
A Xustiza declara probado que nin a Declaración Universal nin a Constitución «garanten aos pais o dereito de elixir a lingua» e considera «absurdo» que tal cousa poida suceder, pois podería levar a que calquera persoa reclamase ser educada en calquera lingua do mundo. O Tribunal Supremo fecha definitivamente a vía xurídica aberta tras a reclamación dun pai que pedía que o seu fillo fose escolarizado exclusivamente en castelán e confirma que a circunstancia de coexistir dúas linguas na Galiza non só autoriza, senón que esixe un tratamento conxunto no nivel de estudos non universitarios. A discriminación produciríase precisamente no caso de a Administración autoriz o pretendido polo recorrente, no sentido de permitir que, a criterio do peticionario, se puidese cursar un determinado tipo de estudo con esquecemento ou marxinación dunha das linguas concorrentes.
No outro caso supoñemos a citada nai non ten ningunha restrición xudicial para ter a custodia das súas fillas en Alcorcón, ou en León se decidir trasladarse alí, ou en Sevilla, e se resulta que ao se trasladar a Vigo, lugar en que o Tribunal Supremo ratifica que é legal ter aulas en galego, se ameaza con retirar a custodia porque a educación que van recibir é en galego, obviamente estamos perante unha decisión que vai máis alá do estritamente xudicial e entra no terreo das consideracións ideolóxicas do maxistrado alcorconense.
Perante tal posibilidade preguntámonos:
1º.- Se os pais e nais non temos dereito a elixir a lingua en que han de estudar os nosos fillos e fillas, e é competencia da Administración establecer o currículo, ten un xuíz dereito a impoñer, de maneira arbitraria por non se axustar á lei, que estuden en castelán?
2º.- Se en vez de se trasladar á Galiza esta nai fose para Letonia, país onde se fala letón (lingua que posiblemente o xulgado madrileño non considere máis útil que o galego) e que conta con medio millón de habitantes menos que Galiza, tería a mesma celeridade en velar polos supostos dereitos das cativas e reclamaría a súa volta inmediata á custodia paterna?
3º.- E se finalmente o pai, obtida a custodia, decide trasladarse a, poñamos por caso, Ourense, quen se encarga finalmente da custodia destas menores? Talvez o Colexio de San Ildefonso?
4º.- E finalmente, acabarán por nos retirar a custodia a todos os pais e nais que pretendemos que os nosos fillos e fillas estuden en galego?

 Posted by at 16:47

Sorry, the comment form is closed at this time.