Xan 312009
 

Andoriñas de Kabul
“… é certo que se ten escrito moito sobre este país. Porén, eu propúxenme unha historia inesperada, porque falo do amor, cando todo o mundo fala da loucura e da violencia”. Yasmina Khadra fala así do seu libro Andoriñas de Kabul, un libro en que trunfa o amor, malia a miseria e a ira que o atravesan coma un río. O libro sitúanos en Afganistán e retrata para nós, servíndose dun pincel de intenso lirismo, a decrepitude dun lugar desolado e sen esperanza “Até onde chega a vista, van xuntos o desamparo e un silencio mortal”. Os seus catro protagonistas senten ante nós como lles nace a ira desde o mesmo centro do seu ser que non comprende a fame de sacrificios que move as multitudes a asistir a unha lapidación, onde até quen despreza ese tipo de cerimonias chega participar delas, incomprensiblemente.
Foime unha lectura fascinante, a min que acredito na verdade literaria sobre todas as posibles, porque para alén da historia e das crónicas, a literatura ten as súas propias fórmulas, e moitas veces a súa fición é o xeito máis transparente de se achegar á realidade.
E quen é Yasmina Khadra? o pseudónimo de Mohamed Moulessehoul, un alxeriano que adoptou o nome da súa muller coa intención de desorientar sobre a súa verdadeira identidade e, indirectamente, homenaxear ás mulleres alxerianas. Nada máis, tampouco nada menos, algo que, cando foi desvelado, ergueu unha grande polémica, pois caeron por terra as expectativas xeradas ao redor dunha escritora alxeriana que xa non só non era muller, senón que mesmo era un oficial do exército que, en 1965, derrocou a Ben Bella.

 Posted by at 09:59
Xan 252009
 

Francisco Rodríguez

Informacións e comentarios puxeron o acento onde máis lle conviña ao medio respectivo. Todos se moveron dentro dun ton reverencial e admirativo. O cambio na Casa Branca sen dúbida abre unha nova fase interna en Estados Unidos, con algunhas consecuencias para o exterior. Máis difícil de aceitar e que abra unha nova era. Son precisamente as constantes tradicionais da política americana as que non aparecen subliñadas nen nas informacións nen nos comentarios hexemónicos na prensa española, en boa maneira representativa da europea. A etapa de Bush privou de toda lexitimidade á política internacional dos Estados Unidos pola súa descarnada agresividade e a súa violación descarada e continua das normas elementais dos estados democráticos. Intencionadamente as primeiras medidas de Obama están destinadas a prohibir o uso da tortura e a restaurar o respeito pola Convención de Xenebra. Esta iniciativa resultaba prioritaria para recuperar a lexitimidade moral dos Estados Unidos. Todos sabemos que é posíbel a agresión e a violencia con recursos máis sutís. Os panexiristas do modelo USA e os acólitos dun deseño imperial presentábel necesitaban estas rectificacións. Nun contexto tan indigno e preocupante como o que vivimos, non deixamos de valorar positivamente o retorno a formas democráticas. Na política, como na vida, non é certo o aserto de que canto peor, mellor. Encóntrome entre os que así pensan.

Porén, resúltame un pouco badoco, inxenuo e irresponsábel, para alén de desfigurador, non subliñar os límites do cambio e os principios negativos asumidas por Obama. Non esquezamos que o novo Presidente segue representando os intereses de grupos oligárquicos, metamorfoseados en intereses da nación americana. A parte máis extensa e sintomática, para mal, do discurso presidencial do 20 de xaneiro no Capitolio facía referencia á concepción de Estados Unidos como unha grande nación e o seu papel no mundo. Aceitando que viven unha crise, vinculouna non só a un problema económico interno, suxeito a datos e estatísticas, senón tamén a unha destrución de confianza, a un temor persistente “de que o declive de Estados Unidos é inevitábel”. Deste xeito enguedéllanse as cuestións da política interna coa exterior: restaurar os valores e ideais dos “nosos pais fundadores, enfrontados a perigos que a penas podemos imaxinar” para rexenerar a economía do país e exercer de faro da liberdade no mundo, reafirmando así a grandeza da nación. Non se desiste da tese asumida fanaticamente na etapa Bush: o país está en guerra “contra unha rede de violencia e odio de grande alcance”. Existe o mal como antítese dos valores que Estados Unidos defende. Enleado con elementos bíblicos, característicos dun discurso político sacralizado, ao servizo das clases dirixentes, Obama segue asignándolle a Estados Unidos o papel de pobo que recibe unha mensaxe reveladora: a obriga de actuar como exterminador do mal. A mensaxe evanxélica idílica fundaméntase no principio de igualdade, liberdade e felicidade para todos. Mais esta mensaxe hai que espallala e praticala a través dunha viaxe xa histórica, como pobo escollido, que conleva sacrificios, fe e empeño no pobo americano. Deus pídelles que “deixemos pegada nun destino incerto”. Máis unha vez, agora, son postos a proba, como o pobo escollido e os seus profetas na Biblia. Non poden interromper o camiño comezado desde que son nación, “coa mirada posta no horizonte e a graza de Deus con nós”. En boa lóxica, o remate discursivo é o dun sacerdote dirixíndose aos fieis: “Deus vos abenzoe, Deus abenzoe a América”.

Pregúntome como un discurso de inspiración tan providencialista pode ser tan louvado nunha Europa aparentemente tan reacia ao fundamentalismo relixioso. Lembremos a incomprensión co islamismo. Non quero pensar que se diría dos nacionalismos das nacións sen estado se xustificasen a súa causa nun camiño a percorrer marcado por Deus, nunhas ideas eternas e inalterábeis inspiradas providencialmente, que merecen ser exportadas e mesmo impostas aos que non as comparten. Só podemos entendelo se se padece unha admiración hipnótica perante un irredutíbel e conxénito idealismo americano, que non se está disposto a acreditar como real nos demais. Comentarista hai, caracterizadamente laico, que chega a afirmar que “o verbo se fixo Obama”. Está claro que potencia militar só hai unha, convertida por algúns en super-potencia mundial, tamén moralmente. A guerra “contra o terror” debe continuar, de forma máis humilde, con outras tácticas. Necesítanse maiores compromisos e conivencias dentro do mundo occidental e máis anestesias para o resto do mundo, contra os discrepantes ou simplemente contra os que aspiren a ser eles mesmos. A falla de lexitimidade do sistema, pola belicosidade tortuosa fóra e o declive e deterioro económico e social dentro, comezaba a ser un grave problema para as clases dirixentes. A ruína da clase media, a pauperización imparábel até a marxinación e a exclusión social de amplas capas populares, o sarillo irresolúbel pola forza bruta de Afganistán, a desgastadora e custosísima destrución e ocupación do Iraque, as burdas manipulacións e práticas suxas na denominada cruzada contra o terrorismo, clamaban polo cambio. Afortunadamente o mundo hoxe é moi complexo e plural. Resulta difícil que se aceite unha chefía superior por moi humilde que se apresente nas formas. O acceso de Barack Hussein Obama á Presidencia USA certamente ten un valor exemplar, e unha certa función pedagóxica e catártica, especialmente para a poboación negra marxinada. Pero se a ilusión é boa socialmente, éo na medida da incidencia para cambios práticos, non como auto-engano. Cos instrumentos con que conta Estados Unidos é posíbel un desenvolvemento interno da súa economía que provoque unha limitada rexeneración socio-laboral. Parece máis difícil que cambie o seu papel negativo a escala mundial se non rectifica a súa aspiración, de fundamentación divina, a dirixir o mundo. Eis a parte do discurso que se obvia nos panexiristas de Occidente. Nós non podemos obvialo. Non se pode contemplar o mundo cun único actor fundamental. Non se pode aceitar unha retórica discursiva que, debaixo de valores morais individuais e tradicionais, agacha unha pragmática de conveniencia egoísta e excluínte. Non é bo que ninguén se asigne o papel de pastor dirixente do mundo, por máis que xure sobre a Biblia. Moito menos é aceitar tamaña preocupación idealista, sempre en beneficio proprio e coa intención de evitar un declive inevitábel. Obama citou sen rubor aos que morreron en Khe Sanh, dentro do sendeiro dos que reafirmaron a grandeza de América, un episodio especialmente cruento da agresión neocolonial contra o pobo de Vietnam…

 Posted by at 10:11
Xan 232009
 

“Veño cunha póla de oliveira e un fusil de asalto na man. Non deixen que caia da miña man a oliveira”

Con esta frase presentouse Yasser Arafat ante a ONU. Unha frase que condensa no seu lirismo os desexos dun pobo. Unha petición que, malia os anos transcorridos, segue a ser necesaria, e recupera nestes tristes días a máis absoluta vixencia.
    Por que aínda cómpre pedir que non caia da man de Palestina a póla de Oliveira? Por que asistimos a un xenocidio sen que a comunidade internacional, ou sexa nós, tome as medidas necesarias para impedir o exterminio do pobo palestino? Por que seguimos fielmente o mandato de quen se autoproclama lider mundial e toma decisións por todos e cada un de nós?
    Ouh! Canto me gustaría que calquera día pousase en Central Park unha esfera de cristal na que chegase un mesaxeiro, un ser que, como no filme “Ultimato á terra”, esixe reunirse cos líderes mundiais e se atopa cunha Secretaria de Estado dos EUA que lle di que é con ela con quen ten que falar, e el resposta, “e vostede a quen representa? fala vostede en nome da humanidade?.” Sería entón ante a mensaxe dese ser do exterior cando tomaríamos conciencia de que permitindo a destrución do pobo palestino, somos nós mesmos os que nos destruímos? De que non podemos permitir que un estado como o de Israel vulnere todos os mandatos internacionais e se permita dicir que sente ter bombardeado un local da ONU onde se gardaba a axuda humanitaria? Que sigan matando selectivamente os nenos, é dicir, o futuro de Palestina? Que sigan poñendo excusas para volver bombardear, disparar, matar en calquera momento?
    Agora declaran o alto ao fogo, na véspera da toma de posesión de Obama. Xusto se produciu esta guerra nese período inconcreto de cambio de presidente nos EUA, xusto antes das eleccións en Israel, operacións militares para demostrar a idoneidade da súa xestión e a súa pureza ideolóxica, xusto antes das eleccións en Palestina coa intención non confesa de condicionar a evolución política dun pobo, despois de impregnar de medo e indecisión con cada unha das súas balas a vontade dos palestinos.
    Si, condicionar a evolución du pobo, condicionar a opinión pública como se fixo a través do sutil cuestionamento da vontade e da capacidade do pobo palestino en Gaza, a través dos medios de comunicación fixéronnos chegar a imaxe dunha Gaza dividida en que unha e outra vez aparecían voces que culpabilizaban a Hamas, refonzando así a teoría de Israel, a súa excusa actual para o exterminio. Mais o goberno de Gaza foi lexitimamente elixido nas urnas e non é máis integrista có propio goberno de Israel, que segue os ditados da lei rabínica.
    Estes días lembrei de novo a Mahmud Darwich, o seu intenso desexo de falar do amor, de refuxiarse no amor para esquecer a dor que presidiu a súa vida de fuxido e exiliado, el que, nos seus poemas, tan ben soubo reflectir a voz de Palestina:

“Nós tamén berramos cando nos traga
a terra. Mais non atesouramos as nosas voces
en tinas ancestrais. Non inmolamos carneiros
no Muro, non reivindicamos reinos de po,
os nosos soños non cobizan as uvas do veciño
nin quebrantan a Lei.”

(do libro Limada tarakta al-hisán wahidan?)

00:00 horas do 20 de xaneiro. Hoxe Obama lerá o seu discurso de toma de posesión, no mesmo lugar en que Luther King tivo un soño. Israel abandona Gaza.

E agora?

Lembremos a póla de oliveira. Non deixemos caer da súa man, tampouco da nosa, a póla de oliveira!

Paz… e XUSTIZA para Palestina.

Marta Dacosta, 20 de xaneiro de 2009.

 Posted by at 16:12
Xan 192009
 

Rubén Cela Díaz

Xira o mundo, mais nalgunhas partes do globo nunca dá o sol. Negra sombra é a que cae hoxe sobre Palestina. Só negro. Infinita chaira negra de desolación, destrución e dor, onde o son de balas, bágoas, berros, cazas e bombas, son a banda sonora orixinal da vida de millón e medio de seres humanos que tentan manterse con vida na franxa de Gaza en menos de trescentos quilómetros cadrados flanqueados desde terra, mar e ar polo exército israelí.

Palestina é esa Terra Santa, esquecida da man de deus, onde non hai cravo ardendo ao que se amarrar, onde se verqueu suficiente sangue como para tinxir océanos enteiros, onde os nenos ou morren ou se teñen que converter en adultos prematuros, onde as paisaxes se pintan sempre como un debuxo a carbón e onde ningún morto é natural. Esa é a Palestina que bombardeou durante vinte e dous días e vinte e dúas noites Israel e onde os cráteres das súas bombas fan de cadaleito para un futuro de paz e xustiza. Bombas con rostro, nome e apelidos porque ningún xenocidio é orfo. As balas coñecen quen as carga, quen as dispara, que as vende, quen as xustifica, quen as aplaude e quen cala complicemente.

O pasado domingo, como milleiros de galegos e galegas, erguinme para acudir a unha grande manifestación de apoio e solidariedade co pobo palestino. De camiño, en cada quiosco ollaba para os xornais que recollían nas súas portadas o suposto “alto al fuego unilateral de Israel”. Curioso xeito tivo Olmert de declarar ese “alto o fogo”, despedíndose temporalmente das súas agresións atacando un colexio de Nacións Unidas e matando a dous nenos inocentes máis, que xa pasan a acompañar os outros catrocentos nenos e nenas que morreron asasinados nestas tres semanas. Iso si, para o primeiro ministro israelí os obxectivos están cumpridos e a misión foi un completo éxito,  aínda que por se acaso, non van retirar “de momento” o seu exército de ocupación…

Resulta indiscutíbel que é un motivo de ledicia saber que -cando menos en teoría- hoxe non caeran mísiles indiscriminadamente sobre Gaza. Porén, no fundamental, nada cambia en Palestina.

Palestina non é hoxe simplemente o nome dunha nación ou dun conflito pasaxeiro ou puntual, é a metáfora dun sistema político e económico hexemónico no planeta, onde a violencia, a ocupación e a opresión son consubstanciais ao mesmo. A diferenza é que as cloacas dese sistema en Israel están na superficie.

Esta invasión de Gaza non responde ao lanzamento duns cantos foguetes por parte de Hamas. Algo así non se improvisa. Responde a unha estratexia máis de fundo e a medio longo prazo. O sionismo é un proxecto imperialista e racista. Desde o propio nacemento do estado de Israel en 1948 nunca quixo coexistir pacificamente con Palestina. O soño da “Grande Israel” precisa do aniquilamento físico de Palestina. Trátase dun estado que naceu baseado na cuestión racial e expansionista: a anexión dos Altos do Golán sirios, a usurpación de máis dun 10% de territorio cisxordano dentro do muro da vergoña israelí –por certo, declarado ilegal polo Tribunal Internacional de Xustiza da Haia-, a instalación como paracaidistas de máis de 250.000 colonos xudeus en territorio roubados aos palestinos ou a expulsión de máis de 4 millóns de refuxiados aos países veciños, son claros exemplos desa política.

Para tentar tapar todo isto, Israel conta cun todopoderoso aparato de propaganda internacional que trata de amosar ao mundo a un pobo, historicamente perseguido e sufridor dunha das maiores atrocidades da historia como foi o holocausto –cousa que ninguén normal nega- que só quere vivir en paz, mais para iso teñen que defender os seus fillos dos perigosos veciños fanáticos e terroristas árabes. Unha propaganda que presenta Israel como único estado civilizado e democrático no medio dos países árabes, un auténtico “faro de occidente” rodeado de fanatismo islamista. Un aparato de propaganda que a través das súas sucursais e franquicias –das que por desgraza Galiza tampouco se libra- tentan descualificar calquera crítica ás agresións israelitas e tachar a todos aqueles que as verquen de antisemitas. Nada máis lonxe da realidade. Non se trata de antisemitismo, senón de antisionismo que é o mesmo que dicir: antiimperialismo.

Israel –non só o seu goberno, senón o conxunto da sociedade israelí- son a única culpábel desta situación. Unha sociedade armada, fanatizada e racista cun auxe da máis extrema dereita do planeta que se ocupou de deshumanizar a poboación palestina até o punto de que resultase algo normal o feito de encadealos, humillalos, torturalos e mesmo asasinalos. Unha sociedade enferma, cómplice e responsábel de todos e cada un dos mortos e que non ten ningún problema de iniciar a precampaña electoral a golpe de morteiro. Laboristas e Kadima tentarán rendabilizar a ofensiva militar e conveter os mortos en votos, nunhas eleccións onde cada  papeleta voltará a ser unha bala contra o pobo palestino e onde os partidos políticos en vez de ter a militantes pegando cartaces, teñen a un exército pegando tiros preguntándose cantos votos dará cada neno morto,  cantos máis fai falta matar antes das eleccións do 10 de febreiro e  cantas noites máis de cacería farán faltan para cobrar os pluses a final de mes.

Aínda que teñamos na retina a imaxe de nenos palestinos usando as súas ondas para lanzar pedras contra carros de combate, isto non é David contra Goliat –como cualifican moitos analistas- porque isto non é unha batalla, é unha carnizaría, un masacre, un xenocidio. Israel é hoxe a terceira forza aérea do mundo e unha das principais potencias militares do planeta que desde o ano 2000 até que comezou esta nova matanza, asasinou a tres mil palestinos e palestinas de entre eles 634 nenos e nenas.

Non existe a palabra xustiza en Palestina. Só unha “xustiza-sionista” (difícil binomio) que lexitima os “ataques preventivos”, os “asasinatos selectivos”, a tortura, o secuestro –nos cárceres israelitas hai máis de 10.000 presos e presas políticas- ou que prohibe que os partidos representativos da poboación árabe poidan concorrer ás eleccións ao tempo que non ten problema en sentar nas bancadas do seu parlamento a deputados como Avigdor Lieberman que chegou a declarar que solucionaría o conflito de Gaza co uso da bomba atómica. Este home foi ministro israelí…

Mentres, no resto do planeta, amencemos cada día con regueiros de tinta nos xornais, que a primeira hora da mañá se dixeren co café. Morte televisada ao serán, para estómagos xa domesticados. Un xenocidio nas ondas que comparte mantel no noso xantar familiar onde xa non é de estrañar que entre morto e morto, alguén pida un pouco máis de sal. No caso do estado español – e a pesar dalgunha declaración de intencións baleira dalgún dirixente do PSOE-  formou e forma parte da estratexia liderada polo Estados Unidos e apoiada pola UE e unha parte importante dos países árabes de lle dar no fundamental cobertura as accións militares de Israel, sen falar da venda de armas españolas a Israel que son empregadas contra  a poboación palestina ou que o goberno de Zapatero segue a manter o apoio a un acordo de asociación entre a Unión Europea e Israel. Feixes de nada. Iso é o que lle ofrece a “comunidade internacional” á pobocación palestiniana. Empachos de fame e morte.
 
Porén non todo está perdido. Escoitáballe a un amigo palestino hai pouco que no seu país teñen un dito: “Israel precisa gañar todos os días para sobrevivir. Os palestinos só temos que gañar unha vez”. Esa “unha” cada día estará máis preto que lonxe.

Despois dun longo inverno, oxalá tamén chegue a primavera a Palestina. Desde unha Praza da Quintana de mortos, mais sobre todo de vivos, milleiros de compatriotas decidimos este domingo mandar desde Galiza a Gaza a nosa particular raiola de So
l, que sumada á de todos os bos e xenerosos que habitan este planeta, permita quecer os fogares palestinos e iluminarlles o camiño cara a un futuro de paz e liberdade.

Rubén Cela Díaz
En Compostela a 19 de xaneiro de 2009

 

 Posted by at 18:05
Xan 182009
 

A AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega), contando coa cooperación do Departamento de Cultura da Deputación de Lugo, está desenvolvendo unhas xornadas sobre as Irmandades da Fala e o Manifesto da Asambleia Nazonalista de Lugo de 1918. A palestra celebrada o día 15 deste mes versou sobre o réxime económico que defendían os nacionalistas para Galiza naquel documento, verdadeiro salto cualitativo na evolución do pensamento político galego. Correu por conta do amigo e camarada, Xosé Díaz, unha persoa que se ten ocupado nestes cinco últimos anos de desvendar a ficción do sistema de financiamento, cando se quere facer crer que vivimos grazas á solidariedade do Estado. Era esta unha materia pendente no campo analítico concreto. Antes só existía unha tendencia, salvando honrosas excepcións, a santificar teses que non se sustentan na realidade, en concreto no verdadeiro deseño e funcionamento do financiamento autonómico en vigor.

Estamos na fase final das negociacións para estabelecer un novo, só no aspecto cuantitativo que non no cualitativo, sistema de financiamento. Para entendelo é interesante retrotraernos no tempo. Seguiremos o eco da palestra do noso compañeiro. O Manifesto do 18, defensor da “autonomía integral”, consecuentemente avogaba por un sistema de concerto para financiar o autogoberno galego. Era, pois, un réxime tributario galego independente do poder central, a soberanía fiscal plena. Galiza recadaba todos os impostos e facía a aportación que se fixase nos concertos económicos. Era un modelo similar ao actual concerto e convenio de Euskadi e de Nafarroa. Nesta mesma liña, os nacionalistas galegos, en vésperas de proclamarse a República, elaboraron un ante-proxecto de Estatuto, publicado polo Seminario de Estudos Galegos. En consecuencia co seu primeiro artigo (“A Galiza é un Estado libre dentro da República Federal Hespañola”), o sistema de financiamento implicaba a responsabilidade tributaria plena e a contribución galega necesaria ás cargas da Federación. Alexandre Bóveda, desde fóra do mundo académico, estudaba, en paralelo, con dados oficiais o aspecto económico-fiscal da proposta nacionalista. Bóveda, baseándose nos orzamentos do Estado de 1930, constatou que a recadación fiscal do Estado na Galiza acadaba a cantidade de 135 millóns de pesetas, e os gastos ou pagos dos distintos ministerios significaban 126 millóns de pesetas. Había, pois, unha diferencia favorábel para o noso país. Non se pode dicir que os nacionalistas galegos non foran previsores grazas a Bóveda. Moito menos que rexeitasen enlamarse no coñecemento dos números concretos.

Co gallo de negociarse o sistema actual no ano 2001, Aznar gobernante, certamente o BNG preocupouse de apresentar unha alternativa no Parlamento Galego cos principios do Manifesto e do ante-proxecto de Estatuto do Seminario de Estudos Galegos na súa tradución moderna. Sinteticamente: 1) carácter asimétrico do sistema, facendo distinción entre nacións e rexións; 2) territorialización completa dos tributos do sistema fiscal, isto é, soberanía fiscal plena; 3) cambio normativo para tributaren na facenda galega todas as actividades desenvolvidas no país; 4) creación da administración tributaria propia; 5) mecanismo de redistribución interterritorial, tendo en conta a renda relativa e as diferencias de servizos e infraestruturas. O novo estatuto de nación defendido polo BNG insírese nesta tradición.

Era unha necesidade premente coñecer como funcionaba este sistema e a orixe das cifras que se manexaban. En contraste cos abafantes discursos ideolóxicos sobre a solidariedade do Estado e a Galiza subvencionada, apareceron os mecanismos a través dos cais se conseguía a ficción. Máis vulgarmente canto ingresaba o Estado no aspecto fiscal na Galiza e canto gastaba. Os propagandistas da solidariedade comezaban por reducir os ingresos do Estado ás porcentaxes dos impostos que figuraban na cesta de tributos cedidos (33% IRPF, 35% IVE e 45% Impostos Especiais,…). Atribuían logo as cantidades transferidas polo denominado Fondo de Suficiencia á man benefactora do Estado, que completaba as necesidades de gasto que conlevan as competencias transferidas (fundamentalmente Ensino, Sanidade e Servizos Sociais). Mais a capacidade de Galiza son o 100% de todos os impostos soportados, incluídos ou non no financiamento, como resulta evidente para o máis parvo. A análise real dos dados oficiais referidos a 2006, último exercicio liquidado, dan un resultado contundente: os ingresos tributarios do Estado na Galiza ao 100% foron uns 11.625 millóns de euros. Polas porcentaxes de tributos cedidos total ou parcialmente o Estado devolveunos 4.046 millóns de euros e, en forma de transferencia directa, como Fondo de Suficiencia, 3.613 millóns de euros. En total Galiza recibiu 7.659 millóns de euros para atender as competencias transferidas. Hai un saldo de case 4.000 millóns de euros en contra nosa. Por moito que contabilicemos investimentos liquidados do Estado na Galiza no 2006, así como as subvencións xestionadas ou os convenios de investimento, o resultado seguirá sendo negativo para o noso país. Ula a solidariedade neste terreo da balanza fiscal?.

O novo sistema en negociación vai cambiar as porcentaxes dos impostos cedidos para xeralizar as que figuran non Estatut de Catalunya (50% IRPF, 50% IVE, 58% Impostos Especiaisi, …).Teremos maior aparencia de suficiencia; mais seguiremos sen ter a autonomía necesaria nin do punto de vista dos ingresos nin do punto de vista dos gastos. Eis o problema. Na actual negociación, a tensión estase a producir porque o modelo se vai dirimir non sobre a base dos custos reais de subministración, senón sobre determinadas variábeis, especialmente a poboación, que teñen significado e transcendencia política. A hora de estabelecer a necesidade de gasto en Sanidade, por exemplo, non é igual facer a ponderación debida de como incide no gasto a dispersión e os maiores de 65 anos, a non facelo. Sen dúbida vanse manexar os criterios de dispersión, de superficie, de envellecemento, de insularidade, da poboación menor de 18 anos, ou a poboación protexida equivalente en tres tramos de idade, alén da estritamente poboacional. Pero quen vai facer máis presión e a favor de que ponderación?

Un verdadeiro autogoberno non se pode sustentar nin no modelo actual nin no que se está a negociar. Tampouco agora quedará fechado para sempre como pretendía Aznar en 2001. O problema segue a ser este Estado unitario descentralizado, que só recoñece a soberanía do pobo español. Así non pode haber nin transparencia, nin autorresponsabilidade, nin redistribución territorial colectivamente asumida.

 Posted by at 20:12
Xan 112009
 

Este mes é o do nacemento e a morte de Castelao. No 2009 cúmprense 25 anos da traída dos seus restos mortais desde Buenos Aires para depositalos en San Domingos de Bonaval. Foi unha traída patrocinada e controlada polos que nunca acreditaron na súa obra nen o seu pensamento. Realizouse nun contexto de severas limitacións anti-democráticas, co nacionalismo expulsado do Parlamento Galego. Inevitabelmente foi contestada polos que, no plano ideolóxico e político, nos considerabamos continuadores da súa obra. Desde entón, produciuse paseniño un fenómeno de asimilación, para convertelo en algo inocuo, sen coñecemento e recoñecemento social amplo. A asimilación non liberou a súa obra da minusvaloración e da ignorancia colectiva. A forza do perseguido e censurado, do reprimido, foi substituída pola rotina do abandono e do esquecemento progresivo. Velaí o Pavillón de Galegos Ilustres (sonoro nome oficialista), sarcófago de Castelao incluído, non debidamente aberto nen mostrado ao público durante tantos anos e mesmo agora sen a debida promoción para ser visitado e sen a adecuada información de todo tipo sobre as figuras que alí xacen. Que forma, após de pomposas honras fúnebres retardatarias, e retóricas, de matalos para que non deixen pegada social! Que destino, vérense agora nun templo, de forma sobrevida e inesperada, propiedade da Igrexa católica, un home –Castelao– e unha muller –Rosalía–, escépticos en materia relixiosa e nada proclives ao catolicismo! Canto desleixo e abandono durante case que 25 anos!
É frecuente escoitar, en medios académicos presuntuosos, a idea de que non podemos vivir de mitos, como se o pobo galego os tivese de seu. Castelao, mesmo na súa vila natal, segue a ser, hoxe máis que nunca, basicamente un humorista e un debuxante retranqueiro, unha recorrente referencia localista. O contacto coa súa obra pictórica, gráfica, coa súa literatura –narrativa e ensaio–, coa súa traxectoria práctica na política, está secuestrado socialmente. É só algo bretemoso que se esvae difuso na vaga nebulosa da cultura galega. Dáse a nivel masivo un descoñecemento do seu papel histórico e do seu significado e valor onte e hoxe. Polo tanto, imposíbel o mito. Deberíamos revisar que mecanismo psicosocial, vinculado a unha concepción do poder e do moderno na Galiza, conduce a propórense desmitificacións cando ningún valor galego ten acadado esta categoría. Por falla de asunción social plena. Mesmo cando, nalgún caso se produciu a mitificación, é tan perturbadora e controlada que provoca a inversión do significado real da obra e da persoa: o caso de Rosalía.
A verdade é que non somos dabondo conscientes, por exemplo, do resplandor do noso segundo Renacemento cultural, o que se produciu entre 1914 e 1939. Carvalho Calero, tan pouco mitificado, hoxe tan ignorado e preterido polos mandaríns académicos, lembraba que, naquel tempo, o sentimento nacionalista era máis intenso, pero menos extenso que hoxe. É dicer, avanzamos no plano social-cuantitativo. Porén, a formación, a información, é fráxil. Necesitamos alicerces con fundamento na información e no coñecemento sobre a nosa traxectoria histórica, os precedentes e os seus esforzos e resultados, para descubrirmos a tradición, as prácticas, os valores de Galiza como un pobo con vontade por existir e ter un papel de seu no mundo. Este coñecemento, cos esforzos de hoxe, guiaranos por camiños relevantes e orixinais, non miméticos. A obra pictórica, a gráfica en xeral, de Castelao, tan novidosa e revolucionaria, tamén no plano artístico, non só debe ser catalogada debidamente, como se está a facer, afortunadamente, agora: debe estar visíbel á contemplación masiva e garantida a súa protección como un ben de interese público. Estivo a salvo do deterioro, mesmo da desaparición, durante estes 25 anos? En que mans está? A obra plástica de Castelao ten o valor suficiente para ocupar un lugar central en calquera infraestrutura museística relevante a nivel europeo e internacional. Ela soa xustificaría visitas demoradas, contemplación proveitosa con descubrimento de intencionalidades reveladoras, análises de técnicas e estilos artísticos vangardistas, diálogo coa arte universal ao servizo dunha cultura nacional galega. Os poderes públicos, se son conscientes do servizo á dignificación do país a través da posibilidade de información e coñecemento vedados ou menosprezados historicamente, debe considerar xoias a recuperar para a contemplación e a reprodución públicas o Álbum Nós, as Estampas, os Debuxos de Negros, Atila en Galicia, Milicianos e Galicia Mártir, os cadros e toda a obra gráfica e de deseño de Castelao.
Non resulta desnortado non contemplar, para adolescentes e mozos en xeral, a leitura de obras narrativas como Cousas ou Retrincos, tan sinxelas na súa fluidez narrativa, pero tan intencionadas e filosóficas a un tempo? Non son obras apropiadas para programar un plano de convite á leitura en lingua galega de forma masiva? Até cando vai durar o silenzo sobre Sempre en Galiza, na formación universitaria mesmamente, como se se puidese ignorar un esplendoroso ensaio, de múltiples formas e rexistos, sobre a traxectoria histórica e política de Galiza no contexto da Península Ibérica, e do mundo, de especial énfase na etapa na que aínda estamos nós mergullados como epígonos? Por que tanto medo a posibilitar unha alfabetización básica no terreo social e político cunha perspectiva de nós? Claro, Castelao tamén foi político: unha consecuencia inevitábel, tendo en conta as necesidades do país. A súa teimosía intensa, como a de outros, foi conformando sobre unha base material existente o rostro e a figura dun pobo que aspira á existencia. Non é posíbel facer a historia de Galiza no século XIX, nen a do Estado desde a nosa óptica, sen ter en conta os textos, os discursos, e práctica de Castelao, e doutros no seu afán por definir vontade política colectiva contra vento e maré.
A súa multifacética e proteica obra, tan intenso traballo e rupturista práctica social e política, non se poden despachar con desdén arrogante ou ignorancia banal; moito menos podemos conformarnos coa invocación do seu nome en ritos momentáneos, mentres se impide que a súa obra alimente as nosas vidas. Non podemos descualificar ou menosprezar unha tradición e non deixala descorrer libremente. Esperemos que, a partir deste ano 2009, a presenza da súa obra para coñecemento e disfrute, debate e diálogo, abra un panorama diferente para o espallamento da nosa tradición cultural e artística, para os nosos clásicos. Isto posibilitará o contacto cun campo de experiencias en todas as ordes, e de ensinanzas para os galegos e galegas de hoxe. Castelao é un caso sintomático do desleixo na promoción pública da nosa cultura, de menosprezo dos esforzos artísticos e políticos, xustamente dos que nos deron e dan vida.

 Posted by at 09:45
Xan 102009
 

Terra Santa é nestes días de festividade cristiá unha santa barbarie. Hoxe en día, os Reis Magos teríano complicado para chegar ao portal de Belén. Din que a ofensiva terrestre non comeza porque chove e  anda nubrado… que non se preocupen as súas maxestades porque se non ven a Estrela de Oriente sempre poderán seguir a estela dun F-16 de regreso a Tel Aviv despois dunha dura xornada de “asasinatos selectivos” ás costas, como o último onde ademais dun dirixente de Hamas de propina asasinaron a súa muller e aos seus oito fillos. Incienso, mirra e mellor que cambien o ouro por un chaleque antibalas para o neno Xesús.

Incluso antes desta ofensiva, nese infinito campo de concentración que é Gaza –o ghetto de Varsovia do noso tempo en formato familiar- e no que malviven millón e medio de persoas, calculabase que máis de 50.000 menores padecen de malnutrición e que case a metade dos menores de dous anos ten anemia. Non hai comida –no campo de refuxiados de Yabila existen filas de case medio quilómetro de persoas agardando por pan, non hai medicinas, non hai nada. En Gaza “non hai crise humanitaria” di a ministra exteriores israelí, Tzipi Liuni sen nin tan sequer se enrubiar cando despacha cun contundente “non” á proposta francesa dun simple alto o fogo de 48 horas para introducir axuda humanitaria en Gaza. Ten razón nunha cousa, a este paso non haberá crise humanitaria porque non quedarán persoas vivas. A día de hoxe levan máis de 400 mortos e preto de 2000 feridos, por certo 38 nenos… pero a Israel como a Anibal Smith “le encanta que los planes salgan bien”.

Non hai aquí torturas, violacións e secuestros por parte dos servizos secretos de Israel? Non hai aquí crimes de estado? Non hai aquí un apartheid? Non hai aquí vulneración do dereito internacional e dos dereitos humanos? Non hai aquí un exterminio planificado? Non hai unha nación ocupada a que non só non se lle permite decidir libremente o seu futuro senón que non se lle permite existir? Pois parece ser que non. Cando menos, non se ven moitos cascos azuis defendendo Gaza, nin moito observador internacional (están vetados até os xornalistas), nin moitas peticións do Tribunal Penal Internacional, nin propostas de sancións, embargos ou bloqueo a Israel….

Que máis ten que pasar para escandalizar á opinión pública e condicionar as posicións das grandes potencias mundiais sobre o que acontece en Palestina? As fotos das torturas de Guantánamo ou Abu Ghraib deron á volta ao mundo. Palestina é hoxe unha tremenda cárcere onde se viola, tortura e asasina a pracer e ante os ollos dunha “comunidade internacional” cómplice. Guantánamo equivale tan só a un grao de area desta inmensa praia de vulneración dos dereitos máis elementais que se chama Palestina.

E namentres onde está a grande esperanza negra? En Hawai xogando ao golf e ante o seu primeiro gran desafío moral e político non sabe ou non contesta. Que lonxe parece que xa queda aquel “Yes, we can” Pero claro que podedes!, o que pasa é que non queredes.

Hai dous Barack importantes nesta historia: Barack Obama oe Ehud Barak (ministro de Defensa de Israel). Ogallá que só coincidan no nome e non nas súas posicións sobre a guerra en Palestina, mais por desgraza moito me temo que non vai ser así. Hawai fica moi lonxe de Gaza e moitos amigos-doantes de Obama o que agardan del e da nova administración norteamericana a respecto de oriente medio e máis do mesmo.

Mal comezamos, cando nin sequera son capaces de ceder na política dos xestos, cando novamente e con toda a que está caendo EEUU e Gran Bretaña rexeitan a proposta de borrador para o alto o fogo que presentou a Liga Árabe na reunión extraordinaria do Consello de Seguridade da ONU. Nin tan sequer tiveron a decencia de aprobala aínda que tan só fose para facerlle compañía a todas as outras aprobadas que están no caixón dos olvidos da ONU.

Israel sempre ten xustificación para todo, chamábase Arafat onte, Hamas hoxe, e vai ti saber quen será mañá. Baixo unha maquillaxe de autodefensa contra o integrismo islamista e baixou un maquiavélico “o fin xustifica os medios”, barra libre: “morto o can, morta a raiba”.

Mais por moitos quilos de maquillaxe que se lle poñan enriba, un xenocidio é un xenocidio, sexa co exterminio físico das bombas, sexa con muros de formigón que oprimen e matan de fame. As balas e a as bombas nunca son orfas. Teñen nai e pai. Aquí non fai falta o ADN de ninguén para saber os nomes dos proxenitores da criatura: Israel capital Washington DC.  

Hai anos dicíase aquilo de que todos somos vietnamitas. Hoxe os galegos e galegas de boa fe, somos palestinos e cada neno morto sentímolo como propio. O único que lle pediría aos reis magos, é que se finalmente se atreven a cruzar o muro da vergoña de Gaza, leven ás nenas e nenos palestinos que sigan vivos xunto cun sentido abrazo desde Galiza, o mellor agasallo posíbel: un futuro de paz e liberdade para a súa Terra.

 Posted by at 10:26
Xan 102009
 

O capitalismo superou historicamente as súas cíclicas crises a bombazo limpo e destruíndo traballo. Bombazo limpo: velaí temos as gadoupas xenocidas de Israel a esmagar por enésima vez a un pobo tamén elixido, pero non para a gloria, senón para o martiroloxio. Destruíndo traballo: as estatísticas do paro acadan novas cifras récord e volven amosar as dificuldades do sistema de produción hexemónico para distribuír a riqueza equitativamente.

O paro é unha condición estrutural do capitalismo. Sen paro os traballadores e as traballadoras non estarían polo labor de se vender barato no mercado. Sen paro os que non se conforman con determinada taxa de beneficio non se animan a investir. O Exército de Reserva dos millóns de parados é imprescindíbel para que a máquina continúe avante.

Non é certo que fose o New Deal o que salvou a economía norteamericana da Grande Depresión: foi a entrada na Segunda Guerra Mundial, a activación do complexo militar industrial. Keynesianismo, si, mais keynesianismo militar. O drama é que quizá o de Gaza sexa só o limiar de algo de maior envergadura, o sanguiñento aperitivo para ampliar a campaña de Afganistán e Iraque e enfrentar un obxectivo de caza maior, se cadra o Irán dos aiatolás.

Hai un pequeno problema. A historia non sempre se repite idéntica a si mesma. É certo que o paro anima aos capitalistas a investir, pero tamén deprime o consumo e a deflación está xa á volta da esquina. E o expansionismo militar tamén ten os seus límites: até os talibáns se poden converter na tumba dun Imperio.

As vellas receitas non serven. E non, Sarkozy, non hai que refundar nada. Hai simplesmente que criar un mundo novo: sen masacres de nenos e sen millóns de persoas amoreadas ás portas das oficinas de desemprego.

 Posted by at 10:01
Xan 072009
 

A teimosía e radicalidade inquisitorial coa que o Vaticano rexeita e condena a homosexualidade, a condición homosexual, resulta inquietante. É verdade que esta actitude continúa unha tradición ideolóxica, socio-política e médica que a considerou unha patoloxía, desde a metade do XIX até ben pouco. Unha perversión da natureza que podía considerarse vicio e atentado contra a norma social, institucional, heterosexual, verdadeiro ideal humano. O rexeitamento abalou sempre entre o prexuízo biolóxico e o prexuízo social e moral. Non se podía concebir a atracción entre persoas do mesmo xénero e do mesmo sexo biolóxico. Só unha deformación da natureza ou unha perversión do espírito podían explicalo. En ambos casos, o afán por ser normal conducía á renuncia, á autorrepresión, á reeducación, ao auto-control, á sublimación para non enlodarse na vileza. Un aspecto, tan íntimo e á vez tan necesitado de sanción social na vida das persoas ficaba, para as de condición homosexual, encapsulado no corredor do medo, da prevención, do sufrimento e mesmo da auto-negación e, como non, da fobia e da agresividade. Deste corredor parece que estamos comezando a saír, non sen dificultades e con moitas contradicións e oposicións de calado.

Falo do Vaticano. Pero é verdade que podíamos, loxicamente, extender este xuizo á Igrexa católica e a todos os seus ministros, comezando pola xerarquía, de forma particular a española, con Rouco e Cañizares á cabeza. Eles, de forma especial, representan a belixerancia dogmática contra a homosexualidade (o seu recoñecemento e legalización pública), como un dos pecados que atenta gravemente contra a orde moral e social fundamentada na familia heterosexual e na procreación sacralizadas. A xerarquía católica non se limita, actuando dentro das súas competencias, a negar o matrimonio canónico, como sacramento, aos homosexuais, senón que aspira a impedir que accedan ao matrimonio como contrato civil, isto é, a un dereito social, político, humano. A súa cruzada continua contra a reforma da lei do matrimonio civil, que abriu esta posibilidade para os homosexuais, significa que aspira, non a preservar os seus valores, senón a impoñelos aos demais, porque os considera superiores. A obsesión preventiva é de tal calado que o Vaticano o derradeiro día do 2008 anunciou, mediante un artigo do presidente da súa Corte de Apelación, publicado en L´Osservatore Romano, que deixaba sen efecto unha parte do Tratado de Letrán, de 1929, para non ter que aplicar no seu Estado automaticamente o ordenamento xurídico italiano, perante a posibilidade remota de reformas legais, entre outras, a do recoñecemento das parellas homosexuais.

A extraña defensa da vida que fai o Vaticano

Pero a cuestión é aínda máis fonda e grave. Como é posíbel unha condena moral dunha condición sexual que se dá nas persoas, e temén por certo nos animais, como algo natural, non escollido, ou como algo, tamén, determinado e construido social e culturalmente, pero que sempre ten que ver coa atracción polo outro/a e coa posibilidade de convivencia, placer e afecto? É ben extraña a defensa da vida de que fai gala o Vaticano. É tamén paradoxal e inevitabelmente cínica. Paradoxal, porque unha relixión que predica o celibato e a virxinidade para os seus ministros, e ás veces tamén para os seus fieis – entre eles, os de condición homosexual–, non debería predicar o valor sagrado e superior do matrimonio e da procreación. Cínica, porque inevitabelmente ( é unha cuestión de condición humana) a segregación eclesiástica de homes e mulleres conduce ao cultivo da homofilia, trascendidada ou non espiritualmente, ou a ver nela a protección contra toda sospeita ou persecución, en momentos históricos determinados. Inconscientemente a obsesión vaticana contra a homosexualidade expresa os seus propios e inevitábeis fantasmas. Non sería máis que un síntoma se non os proxectase socialmente, para o exterior, como arma política, de concepción da sociedade. Agredir aos outros para permanecer na autorrepresión e forzar a actual concepción xerárquica romana, como se a Igrexa católica non tivese outras posibilidades. Non as ten realmente? Que pensan moitos dos seus ministros silenciosos e moitos dos seus fieis, especialmente homosexuais e mulleres?

Debemos a un dos mellores ensaístas galegos, Xosé Chao Rego, ex-crego, un libro moi clarificador sobre “A condición homosexual”. Vai facer agora 10 anos da súa publicación. Foi entón unha aportación bibliográfica orixinal e única en calquera das linguas peninsulares. Hoxe continúa a ser un libro revelador, en xeral, e moi necesario para coñecer cal foi o proceso que conduciu a esta hipoteca relixiosa. Constatamos nel que até o século XII non hai preocupación pola homosexualidade na Igrexa cristiá e ironicamente que a vida cristiá foi o xeito de vida homosexual máis destacado de Europa Occidental desde a primeira Idade Media até a Reforma protestante. Entrar nunha comunidade relixiosa era moitas veces o camiño máis curto para bater con outros homosexuais. É a partir do século XIV, co avanzo dos gobernos absolutos, o pensamento único e a súa fundamentación relixiosa, abenzoada polo Papado, que a pauliña contra a homosexualidade resulta criminal. Dinos Chao Rego: “Ese século XIV –xa rematada a Idade Media, que leva indebidamente culpas–, coñece un dos episodios máis tristes, oscuros e vergoñentos para a Santa Sé: a persecución da Orde dos Templarios e a súa disolución, aproveitándose dos seus non escasos bens e calumniándoos, entre outros crimes, de gais”. Idolatría e inxustiza social parecen ser os albos críticos nos evanxelios cristiáns. O deslizamento cara o pecado de sodomía e o concepto de lei natural forma parte dun proceso histórico manipulador ao servizo do poder.

Que poder defende o Vaticano? Parece disposto a cumprir unha función dentro dun deseño global xerarquizador, desigual, discriminador. A énfase, o activismo contra a igualdade e dignidade de todas as persoas de calquera condición sexual, expresa un paroxismo idealista que nega a realidade e a necesidade histórica, a da acción política para integrármonos, todos, “na normalidade social, deixando culpabilidades e sensación de anormalidade”, como propuña Chao Rego en 1999. Desgrazadamente, prefere abonar o campo para a patoloxía mesmo dentro da propia institución.

Denuncias por abusos sexuais e pederastia aboian contra ilustres príncipes da Igrexa e contra humildes párrocos, vítimas da mensaxe represiva que os leva a “exercer unha sexualidade mal asimilada e peor tolerada”. Con Chao Rego afirmamos: “Non é a debilidade de eses membos o que aquí xulgamos, senón o cinismo da Empresa”

 Posted by at 08:29