Dec 312009
 

Xa está aquí.
Chegou.
2010.
Cento e vinte e cinco anos após a morte de Rosalía. Ano de Novoneira. Centenario do nacemento de Carvalho Calero e Luís Seoane.
E tamén do máis esplendoroso avistamento desde a terra do cometa Halley.
2010: The Year We Made Contact
O ano en que tomamos contacto. Contacto coas teorías do plurilingüismo do sr. Feijoo, do sr. Vázquez, do sr. Lorenzo, da sra. Lago, do PP. A trindade lingüística do sistema educativo. Tres linguas distintas mais só unha verdadeira: a que utiliza o sr. Feijoo como delegado rexio falando da indivisibilidade de España; a que utiliza o sr. Arcebispo de Santiago para abrir a porta santa co seu martelo de prata; a que utiliza maioritariamente a administración de xustiza; a que utiliza cada vez máis a CRTVG.
2010: The Year We Made Contact
O ano en que se obriga os centros educativos a utilizar o español cos órganos da Administración do Estado, radicados fóra da comunidade autónoma, cando mesmo nos podemos dirixir en galego a institucións europeas. Curiosa maneira de exercer os nosos dereitos.
2010: The Year We Made Contact
O ano en que os centros  educativos  deberán presentar  un horario semanal equilibrado de materias impartidas en galego, castelán e lingua(s) estranxeira(s),como se dunha dieta alimentar se tratar.

2010: The Year We Made Contact
O ano en que se regulamenta expresamente contra o galego.
2010: The Year We Made Contact
O ano en que tomamos contacto, agora si, coa verdadeira imposición, aínda que para iso haxa que prostituír as palabras democracia ou liberdade.

 Posted by at 18:25
Dec 292009
 

O PP vainos agasallar nestas festas de nadal a todas as persoas que cremos na liberdade, porque en Galiza somos milleiros os que sofrimos en silenzo a discriminación e o desprezo por parte daqueles que nos queren impoñer a súa verdade.

Hoxe é imposíbel ir a un centro de saúde e atopar cun médico que che fale en español, moitas veces somos nós os pacientes os que por complexo de inferioridade nos pasamos ao galego non vaia ser que non nos entendan.

Cando colles o mando  a distancia para  relaxarte coa programación que che oferece esa novidade da tecnoloxía que chaman tdt tes que pasarte varios minutos para poder atopar unha cadea que fale no idioma cervantino porque desde as cadeas musicais até as de venda de produtos inuteis de madrugada todas emiten en galego.

Se queres agasallar a alguén cun libro máis do mesmo, chegas á libraría e a sección de libros en castelán está agochada ao fondo do local, e non só iso, cando perguntas polo último premio nobel de literatura dínche que só o hai en galego ou en portugués dado que traducilo ao español é un desperdicio de cartos e papel.

Se queres ver un partido de fútbol sempre acaban politizándoo lembrando o último trunfo da irmandiña fronte a Brasil, sendo ademais  imposíbel que poidas seguir un partido da selección española aínda que sexa amistoso.

Cando vas pola rúa e poste a ouvir en que falan os rapaces énchenseche os ollos de bágoas porque non hai un que manteña o castelán, é máis, os estudos amosan xa unha preocupante invasión dos que falan portugués que se achega ao 20% da poboación galega; e aos cativos desgrazadamente a meirande parte dos pais e nais fálanlles galego aínda que eles foran educados en castelán, fanno para que os seus pequenos se integren e non lles poñan unha cruz os aiatolás do galego.

E se te fixas nas institucións a cousa non é mellor, no Parlamento Galego mantense o castelán porque están alí doce apóstolos da liberdade lingüística fronte aos que só usan o idioma cervantino nos actos institucionais. Nos xulgados bótanche a bronca como te escoiten unha palabra no teu idioma, e os alcaldes de Vigo e A Coruña deron por perdida a batalla e pasáronse tamén ao galego non vaia ser que lles neguen as subvencións.

Grazas presidente por querer devolvernos a liberdade!

No texto anterior hai esaxeracións intencionadas pero estas non deben alonxarnos da realidade, séculos de negación da existencia de Galiza como pobo xunto co autoodio inculcado polo poder e os seus cipaios crearon un caldo de cultivo para que hoxe haxa na nosa nación moita xente que acredite eses discursos da imposición do galego, e non son só señoritos ou españolistas recalcitrantes, hai tamén xente normal das clases populares na que desgrazadamente penetrou o discurso do colonizador.

Fronte a esta realidade o nacionalismo reaxiu e buscou a unidade das institucións e persoas que queren que Galiza siga a contar cun idioma vivo en todos os ámbitos como o seu principal sinal de identidade. Os inimigos do galego a esa iniciativa unitaria que se chama QUEREMOS GALEGO! deron como resposta o desprezo e a  radicalización do seu discurso; nós debemos retrucarlles convencendo e mobilizando.

Convencendo á xente de que defenda o galego, falándooo en todas as circunstancias e transmitíndoo ás novas xeracións; convencendo á xente de que unha mentira repetida mil veces non se convirte en verdade, e por tanto a imposición do galego non é certa. Convencendo á xente de que os únicos que politizan o idioma son os do PP, dado que son os únicos que en vez de empregalo como instrumento de comunicación o empregan como arma para atacar a Galiza. Convencendo aos que aínda teñén dúbidas para que tiren polo carro e deixen dunha vez por todas de lado eses discursos resesos espallados polos inimigos de Galiza sobre o sectarismo e a falla de apertura á sociedade; por este carro pode tirar calquera que estea disposto a defender o galego.

Mobilizando porque a xente debe afacerse a defender o que é seu sen delegar a responsabilidade, só sendo protagonista desa defensa poderá o noso pobo aumentar a súa conciencia e a súa autoestima. Mobilizando conciencias para que se sumen á práctica cotián do idioma. Mobilizando no ensino no mes de xaneiro para que se vexa que non renunciamos á práctica do noso idioma. Mobilizando co envío de postais de nadal e pendurando bandeiras das fiestras.

 Posted by at 09:09
Dec 272009
 

O ingreso de Manuel Rivas na Real Academia Galega é unha boa nova. Galiza, nestes tempos que corren, está necesitada de escritores que non deserten dos compromisos básicos: a defensa de Galiza como pobo, como nación; o dereito á existencia da nosa lingua e a súa identificación como propia; o respeito por quen, de formas diversas pero ben intencionadas, traballa politicamente a prol destes compromisos. Por circunstancias históricas, a nosa cultura, nomeadamente a nosa literatura, ocupou un papel senlleiro como símbolo e síntoma da consciencia nacional. Desde a súa autonomía artística, foi parella ao impulso ideolóxico, social e organizativo que reivindicou a nosa diferencia, a nosa existencia específica. Este paralelismo non ten desaparecido totalmente tampouco nos últimos tempos, malia a pretensión infantil de quen aparenta vivir unha situación normal.

A anormalidade caracteriza, hoxe tamén, a Real Academia Galega, non tanto por ser un cenáculo de sospeitosos, como lle gorentaría ao bo Rivas, senón máis ben por custarlle achar unha ubicación natural e positiva. Leva mal posicionarse con acerto na dialéctica de tensión entre o poder político e económico hexemónico, como mínimo nada entusiasta da nosa lingua e da nosa cultura, e os esforzos sociais e populares a prol delas, maioritariamente vinculados a unha causa nacionalista. Paradoxo e contradición que, para ben e para mal, foi progresivamente medrando nun marco autonómico con organismos e institucións públicas ou semipúblicas destinadas teoricamente a promoveren e ampararen a lingua e cultura de nós. Todas elas están moi condicionadas por un oficialismo que, alén dunha forte dependencia española, preme para a adaptación a unha concepción marxinal da cultura galega, no canto de asumila como plenamente nacional. Aparentemente contentes con controlar e xestionar esta leiriña do marco autonómico, certo corporativismo universitario, algunhas editoriais e moitos escritores, máis ou menos, inseridos na tradición piñeirista conformaron o holding oficial da cultura galega. Tamén as maiores eivas e limitacións da Real Academia Galega actual proveñen de aquí. Paira aínda a tendencia ao sectarismo indisimulado contra o discrepante, mesmo após a morte ( Carvalho Calero), ao elitismo de raíz académica universitaria (canto filólogo corporativista excluinte!!), á zunía ignorante contra os que non forman parte do holding ( escritores independentes ou de clara militancia nacionalista prática?)

A presidencia de Barreiro resultou, malia grosas contradicións e incomprensións, a aparición dunha raiola de luz, certa naturalidade de trato con todos, seguramente pola súa proclividade popular e o seu coñecemento da historia de Galiza. Foi ás veces cauteloso e mesmo contemporizador de máis cos inimigos da nosa lingua. Pero non se deixou abafar totalmente polos prexuízos institucionais nen de grupo. Non era un sectario confesional do holding. Esperemos que o sucesor avance máis, porque cómpre osixenar a Academia, actuando con sentido de país, non de clan, superando o corporativismo e o elitismo sectario. Il será premonitorio o ingreso de Manuel Rivas co seu espírito de comprensión e respeito desde unha compenetración tallante coa idea de que Galiza existe e de que a nosa lingua é insubstituíbel como ferramenta para todos os usos?. Nunca se caracterizou por teimas nen por proclividades a desacreditar, nas súas colaboracións xornalísticas, a compatriotas que, con acertos e erros, se identifican e serven ao pobo galego. Non é amigo de leiriñas nen de pauliñas contra os xa demonizados polo poder, concretamente os nacionalistas actuantes, escritores ou non, polo feito de séreno?

Lóxico que o futuro presidente sexa un escritor acreditado e recoñecido. Sen dúbida, Méndez Ferrín éo. Fronte ás descualificacións tan anti-democráticas como puerís dalgún comentarista pola súa ideoloxía, diremos que, na súa esencia, é coincidente coa que debe fundamentar a Real Academia Galega da Lingua. Non virán dela os perigos para un bo funcionamento da institución. En todo caso, terá que superar prexuízos, resistencias, rutinas, que o poidan confundir ou ancorar no corporativismo elitista ou na zunía sectaria. Malia ás forma esotéricas e ás veces pretensamente irreverentes, sempre se identificou co holding. Esperemos que a súa presidencia represente unha vontade nacional, de irmandade, de avance para a lingua e a cultura do país, de respeito polos esforzos, incluídos os políticos, de todos os que acreditamos na capacidade e no futuro do pobo galego, en particular da nosa lingua?

 Posted by at 00:00
Dec 212009
 

Xa hai varias semanas que rematou a festa e pouco a pouco volta a normalidade ao planeta despois de celebrarmos todos e todas o vinte aniversario dunha suposta liberdade, unha liberdade que polo visto chegou coa caída dun coñecido muro que había en Berlín; os fastos hai que recoñecer que foron unha maravilla de orixinalidade con fogos de artificio, xigantescas fichas de dominó e parabéns entre os e as protagonistas Gorvachov, Kohl, Walesa, etc; e realmente non era para menos dado que o 9 de novembro de 1989 tal e como nos lembraron milleiros as páxinas de xornais e ducias de programas de radio e televisión é unha data que está xa escrita con letras de ouro no libro da historia universal ao ser o día da liberdade e da chegada da democracia para os alemáns e polo que din algúns gurús para o resto da humanidade co inicio do desmantelamento do imperio do mal.

O fenecido muro de Berlín foi parte da fronteira entre as duas alemanias de   agosto do 1961 a novembro do 1989,  28 anos de existencia e un número importante de persoas que morreron querendo franquealo para abandonar a RDA e chegar á que chamaban "Alemania libre"; na cifra de vítimas non hai acordo e mentres a fiscalía berlinesa contabiliza 270 mortos o Centro de estudos Históricos de Postdam reduce a cifra de mortos a 125.
As veces semella que o de Berlín era o único muro do planeta que separaba a familias e impedía circular en liberdade, ou cando menos dá a impresión de ser o que máis vítimas ten provocado, pero non é así nin era o único nin era o que estaba máis manchado de sangue. No mundo hai ouros muros pero pouco se fala deles porque aos poderosos non lles interesa.

Hai xa algúns anos que aproximadamente unha terceira parte dos máis de 3000 qm de fronteira entre México e os EEUU contan co seu propio muro; empezouse a construir no 1994 no marco dun programa de loita contra a inmigración ilegal chamado Operación Gardián, sendo a partir de 2006 cando se intensifica o proceso de construción e dotación da tecnoloxía máis moderna para facelo impermeábel (altura de entre catro e cinco metros, iluminación de alta intensidade, sensores de movemento, equipas de visón nocturna, etc.).
Desde que se construiron os distintos tramos dese muro fronteirizo a xente que quere pasar aos EEUU na procura do tan cacarexado paraíso da liberdade e das oportunidades, ten que buscar novos lugares para tentalo que son moito máis perigosos como  o deserto de Arizona ou outras zonas áridas da fronteira; e está documentado que desde a existencia deste muro foron máis de 5000 as súas vítimas, uns morreron de sede no deserto, outros afogados ao tentar cruzar o río Bravo, outros por disparos da policia de fronteiras estadounidense ou asasinados polos traficantes de seres humanos que se quedaban cos seus aforros coa promesa de pasalos.

Foi o presidente Bill Clinton, membro do partido demócrata, quen abreu o camiño para a construción desta barreira e posteriormente, na etapa de Georges Bush, cando se procedeu a aprobar unha lei que ampliaba o muro o actual presidente Barack Obama sendo senador votou a favor desa ampliación ao igual que a súa secretaria de estado Hillary Clinton. E hai un mes o actual goberno dos Estados Unidos pideu no Congreso Federal autorización para ampliar o muro noutros mil quilómetros argumentando que é o único xeito de dar unha resposta eficaz á inmigración e ao tráfico de drogas.

Ser elementos de separación entre pobos e familias igualou a ambos muros pero o número de vítimas provocadas por un e outro non admite comparación pese á presenza mediática que se lle deu a un como encarnación dos supostos males propios do comunismo e o silenzo mediático co que o outro cada día cumpre coa súa sanguenta función. E tampouco admiten comparación as circunstancias históricas dun e do outro, nin o feito de que mentres  os que na extinta RDA deron a orde de construir ou apoiaron a existencia do muro de Berlín pasaron pola cadea Bill Clinton e Georges Bush siguen a darnos leccións de democracia e Obama recolleu hai uns días o premio Nobel da Paz non se sabe con que méritos

 Posted by at 17:15
Dec 122009
 

O 17 de decembro de 1483 foi axusticiado en Mondoñedo o Mariscal Pardo de Cela. En lembranza daquel feito convocamos este campionato. (Máis información sobre Pardo de Cela.)

 

Participantes.

Poderán participar neste campionato todas as persoas que o desexen con independencia do seu lugar de residencia.  Para se inscribir, debe cubrir o datos que se recollen na ficha de inscrición  que aparece na web do trivial no momento de se convocar o campionato. No caso de non ser aínda usuario do Trivial debe cubrir a ficha de rexistro. Para calquera dúbida relacionada con este tema pode contactar a través do correo trivial.gz@as-pg.com. O Campionato rexerase polas normas do Trivial.Gz. 

O Campionato desenvolverase entre o 17 de decembro  e o 9 de xaneiro. As datas de inscrición serán entre o 12 e o 16 de decembro de  2009.
O nivel de dificultade será de 2 (medio) e xogarase con 6 temas. Haberá tres temas obrigatorios (Historia, literatura e Xeografía) para todos os concursantes debendo elixir cada xogador ou xogadora os tres restantes.
O tempo máximo para xogar o campionato será de 300 minutos. Transcorrido este tempo, se un concursante desexar continuar, poderá mercar tempo até un máximo de 30 minutos. Por cada minuto que compre deberá aboar 50 puntos, que lle serán descontados no momento de facer a compra. O tempo pode compralo todo xunto ou en fraccións de un minuto.
Premios.
Establécense 10 premios para os 10 primeiros clasificados. Cada un deles recibirá un disco de Cancións para Antía ademais do CD Arte Barroca ou o disco Os Soños na Gaiola, editados pola AS-PG.Así mesmo, a persoa que finalice en primeiro lugar recibirá un reproductor de MP4 e un libro sobre o Mariscal.
Para recoller o premio será necesario identificarse mediante DNI. Os gañadores ou gañadoras deberán contactar mediante email coa AS-PG no enderezo trivial.gz@as-pg.com para  solicitar o premio. As solicitudes deberán facerse antes do 31 de xaneiro de 2010. Pasado ese tempo perderase o dereito a recibir o premio.  A este fin, na ficha de inscrición, debe indicarse un correo electrónico válido.
Calquera cuestión non expresa nestas bases será aclarada e interpretada pola AS-PG.

 Posted by at 17:11
Dec 112009
 

Até hai pouco vivimos, no tocante ao futuro das nosas Caixas de Aforros, unha auténtica comedia de enredo. Agás o BNG, cunha opción clara desde o inicio do actual proceso, os demais permanecían nunha indefinición calculada. Parecían contentarse con que o paso do tempo fixese irreversíbel unha opción deseñada fóra, en Madrid, ao gosto do Banco de España, do bipartidismo español, dos directivos de FUNCAS, entre outros. Era un secreto a voces que o futuro de Caixa Galicia se vinculaba a Caixa Madrid e o de Caixa Nova a Caixa Astur e Caixa Murcia. Porén, o presidente da Xunta mantíñase no mutismo, na pasividade, á marxe, pretextando que unicamente o criterio de solvencia e a despolitización debían fundamentar o resultado. O PSOE disimulou mal as súas contradicións. Axiña, por boca de José Blanco, nunha desas visitas de ministro da Corte, sentenciou que a mellor galeguidade se expresa cando saímos fóra. Falando con realismo, cando nos pomos ao servizo de outros.

 No plano político, as iniciativas do BNG, nomeadamente a súa proposta de Lei de Caixas no Parlamento Galego, tornaron difícil a indefinición de Feijóo e disparatou aínda máis a incongruencia de Patxi Vázquez. De forma inesperada, o PP, após considerala primeiro improcedente, acabou aceitando a toma en consideración da iniciativa lexislativa do nacionalismo, para o seu debate urxente. A seguir, de forma protocolaria e intencionada, o Presidente da Xunta decidiu encabezar, aparentemente, a opción a prol dunha fusión de Caixa Galicia con Caixa Nova, como preferíbel á fusión con Caixas alleas, en nome precisamente de manter a sede aquí e de contar con poder financeiro galego. Intelixentemente comprendeu que, coa dialéctica política que se estaba a crear, unha posición de clara submisión ás fusións externas evidenciaría, de maneira grave por intelixíbel para un amplo sector social, as súas dependencias de deseños madrileños nocivos para Galiza. Esta traizón teríalle custos eleitorais, afondando xustamente na tese, consoante coa súa política lingüística, de que o PP é un partido anti-galego. Unha certa clarificación tardía e á forza ten chegado. Afortunadamente os sindicatos, coa súa clara opción a prol da fusión interna, coas lóxicas prevencións sobre o impacto laboral, cumpriron un papel louvábel. A verdade é que o enredo inicial se está agora mudando nun acoutado histerismo tráxico-cómico protagonizado polo inefábel Abel Caballero, empeñado en emular, cun noxento localismo viguista, o podre coruñesismo vazquista. Claro que, segundo oufano declara, ten a certeza de que o Goberno español se encargará, decreto-lei en man, de abortar unha solución galega. ..A fusión, que nunca poderá ser máis que un acordo entre iguais, contribuiría á conformación dunha consciencia galega por enriba dos penosos localismos que nos abafan?

Hai un feito elocuente e contundente. A fusión interna non gosta nada a Mafo. Xa chamou discretamente a Raxoi, a quen tampouco gosta. Como non gosta nen a Rato, nen a Montoro, nen a Quintás e a moitos máis dos que andan no choio. Non gosta en Madrid, goberno incluído, que xa se expresou a través do emisario de Palas, antes, e ameaza cunha nova Lei de Caixas estatal, agora. Mais, por que só cabrea desta maneira a hipótese dunha fusión interna galega, mentres son toleradas, e mesmo impulsadas polo Banco de España, as andaluzas, cataláns ou castelán-leonesas? Cavilemos. Galiza non pode nen debe acreditar na súa potencialidade, incluída a que provén do seu aforro. Non debe reaxir en chave nacional. Debe seguir sendo colonia da Corte. É probábel que o PP galego estea a facer un paripé, unha simulación (intentámolo, pero non houbo maneira) para ficar absolto de responsabilidade; é posíbel que acabase por asumir unha fusión interna agora para favorecer a externa máis tarde. Algo comezaremos a detectar nas súas emendas á Lei de Caixas do BNG e no debates conseguintes. Porén, é positivo que, maioritariamente e no plano das ideas, perante fusións inevitábeis, se opte, desde o poder político polas internas como única forma de manter a sede aquí, contar con poder financeiro propio e polo ao servizo da nosa economía. Obxectivamente, unha confrontación coa centralización, a bancarización e a privatización que, á longa, se perseguen. Tamén é unha oportunidade para unha verdadeira democratización. Aproveitémola.

Dispoñámonos para a seguinte fase. Esta primeira xa non foi como eles a tiñan deseñado. O que queda por andar vai estar condicionado tamén pola nosa capacidade política, pola nosa consciencia colectiva. Foi Feixóo quen se tivo que aproximar á posición do BNG, enunciada con clareza, após debate interno non exento de dificultades, desde hai tempo polo noso portavoz Guillerme Vázquez. Seguramente non perseguimos o mesmo obxectivo final. Mais só a fusión interna permitiranos dar as seguintes batallas, práticas, non só ideolóxicas, desde as institucións políticas e desde a sociedade galega a prol da necesidade de contar con entidades de crédito de nós…

 Posted by at 11:07
Dec 112009
 

Queren facernos ver que a solución pasa por decidir si Aminattou Haidar debe ser alimentada contra a súa vontade ou debe deixarse que morra, con esta simpleza atopámonos unha vez máis cos que nos poñen diante dos ollos unha imaxe impactante que nos impida saber do verdadeiro problema; e desgraciadamente, para aqueles que aínda cren na obxectividade e na información aséptica, a meirande parte dos medios de comunicación convencionais apréstanse disciplinadamente a esta vella táctica do poder estabelecido.

Para que unha persoa decida deixar de inxerir alimentos e poñer en grave perigo a súa vida ten que estar moi segura das súas conviccións e ter sofrido moito, ese é o caso de Aminattou Haidar porque non estamos diante dunha tola que de súpeto decide suicidarse nin dunha "radical fundamentalista" que se cre elexida por Alá para inmolarse en contra dos infieis. Aminattou Haidar é unha muller cunha historia de loita, unha muller que pertence a un pobo negado tres veces, un pobo negado polos ocupantes marroquís, un pobo esquecido polo antigo colonizador o reino de España e un pobo traicionado pola pasividade nas Nacións Unidas.

Son perto de 190.000 os saharauis que viven nos campamentos alxerianos nunha situación de dureza física como só se pode experimentar no deserto e cunha dureza psíquica como só poden experimentar os que viven no exilio, e calcúlase que máis de 150.000 saharauis viven nos territorios ocupados por Marrocos sofrindo directamente a represión e a discriminación no seu propio territorio, represión e discriminación que exerce sobre eles a monarquía alauita do rei Mohamed VI que é íntimo do rei de España igual que o foi o seu pai Hassan II, pero esta íntima relación apenas aparece estes días nas informacións sobre o "problema" que neste momento ten o goberno español no aeroporto de Lanzarote.

A República Árabe Saharaui Democrática está recoñecida internacionalmente por 82 países, e entre eles non están nin o estado español que foi o seu colonizador até novembro de 1975 nin Franza e os Estados Unidos que son os mellores aliados que ten Marrocos na esfera internacional e os seus principais defensores diante de calquer intento de que se cumpran as distintas resolucións da ONU sobre o proceso de descolonización e sobre a celebración do referéndum de autodeterminación que despois de ser adiado varias veces tiña como última data oficial para a súa celebración o 31 de xullo de 2000. Pasaron xa máis de nove anos desde esa data e a situación vai a peor, cunha ditadura marroquí que campa polos seus respetos intensificando a represión sobre os saharauis ao comprobar que non lle ten costes na esfera internacional, e un pobo saharaui que comproba como os anos pasan e as promesas non se cumpren.

É certo que a folga de fame de Aminattou Haidar semella ser unha decisión persoal pero que ninguén se bote as mans á cabeza si abre camiño a novas formas de resistencia ou á radicalización de algunhas xa coñecidas como a intifada saharaui que desde maio de 2005 organiza actos pacíficos de protesta nos territorios ocupados, actos que son brutalmente reprimidos. Hai poucas semanas facía referencia noutro artigo a que neste momento está dándose un forte debate entre sectores do pobo saharaui sobre a necesidade de voltar a coller as armas e rematar co alto o fogo acordado en setembro de 1991, e sinceiramente a actitude de algúns está botando cada vez máis leña para prender ese lume dado que non fan máis que dar argumentos ao sector da mocidade saharaui que considera que só a forza das armas fará que se atendan as súas xustas reivindicacións.

 Posted by at 11:05
Dec 092009
 

Quen era Cándida Rodríguez? Nada sei dela. Mais estou practicamente segura de que esta muller traballaba noite e día por sacar adiante os seus fillos, no campo e na casa, arrincando da terra os froitos da súa suor, traballo polo que logo aínda tería de pagar unha cantidade da colleita.

Cándida Rodríguez, da familia dos Fontáns, morreu asasinada o 28 de novembro de 1922 por disparos da Garda Civil. Aconteceu en Sobredo, durante a concentración de labregos e labregas que acudiron en apoio de Ignacio Gómez a quen lle estaban a embargar as terras que traballaba. Cándida debía ter uns trinta anos e dous fillos e, na altura, estaba preñada do terceiro. Non dubidou en mostrar o seu apoio a un compañeiro labrego vítima dun sistema inxusto, e pagou a súa determinación coa vida.

Hoxe, oitenta e sete anos despois, aínda sinto a súa carraxe, a dor de reunir os mellores froitos da leira para pagar o foro mentres os nenos roían pan de boroa para escorrentar a fame. Chégame a súa ira xustificada ante a agresión da Garda Civil aquel día de novembro. E case oio a súa voz cando, antes de morrer, se dirixe á avoa de Xosé Piñeiro: "Vaite Inocencia, vaite, que eu para min xa levei".

"¿Nai galega que diche a sangre xenerosa para calmar a sede rabiosa da Impiedade, nos agros de Sobredo froreceu unha rosa¡! Ardente e sanguiñenta, agoira Libertade!" Con estes versos Cabanillas lembraba aqueles acontecementos de Sobredo. Os versos parecen referirse á inminente publicación do Decreto-Lei de 25 de xuño de 1926 (ano en que se publica este poema) que ía permitir que os labregos fosen donos das terras que traballaban, e deste xeito recollen que o sangue cruelmente derramado en Sobredo foi semente que fixo andar a roda do tempo.

En xullo de 1922 os labregos e as labregas reuníranse en Tui no Congreso Agrario. Alí toman a decisión de se mobilizar e, como medida de presión para esixir a eliminación do sistema foral, acordan que non se pagarán os foros.

Ignacio Gómez, labrego de Guillarei, leva adiante o acordo congresual e négase a pagar os foros das terras que el traballa. Entón o día 28 de novembro de 1922 preséntase en Sobredo o xuíz acompañado da Garda Civil, veñen a lle embargar as terras.

Un mozo do mesmo barrio apúrase a tocar as campás da igrexa e todos os veciños e veciñas corren cara a Sobredo para acudir, segundo eles cren, a un lume. E era, era o lume da inxustiza que abría as súas enormes fauces disposto a devorar vidas.

A Garda Civil ameaza os veciños e non dubida en disparar contra deles. Así morre Venancio González. Xaquín Estévez, que viña co seu carro como tantos outros días, deixou o cabalo parado e achegouse a ver o que pasaba. A Garda Civil instouno a que abandonase o lugar "aquí non tes nada que facer", mais Xaquín négao, os foros son tamén o seu problema, o que está a acontecer tamén vai con el. Logo dirían que a el o matou unha bala perdida, accidental.

Aquel día moitos foron os feridos e tres os mortos: Xaquín e Venancio, veciños de Salceda, e Cándida Rodríguez, de Pazos de Reis.

Esta fin de semana a Organización galega de Comunidades de Montes en Man Común e a Confederación Galega de Asociacións Veciñais "Rosalía Castro" volveron homenaxear a aqueles labregos, os mártires de Sobredo. Un ano máis lembramos as súas inxustas mortes e honramos a súa dignidade alí onde foron asasinados, ante os que foron os seus veciños, ante os seus propios netos e bisnetos.

Xosé Piñeiro Trillo pertence á familia do mozo que tocou a campá e foi quen de convocar no lugar a máis de dúas mil persoas. A súa avoa Inocencia Trillo viu como caía ao chan Cándida Rodríguez. Xosé Piñeiro gardou a lembranza daqueles anos e converteuna en poema, o "Poema aos mártires de Sobredo" que alí nos recitou e que dá conta de todo o que aquel día ocorreu. É el que me conta todos os detalles e eu pregunto, pregunto por Cándida, quen era esa muller que con tanta decisión se puxo ao lado de Ignacio Gómez e mesmo perdeu a vida?

Non esquecerei os versos finais deste poeta popular de Guillarei que agasallou a nosa memoria con este poema épico:

"Os foros foron redimidos

Incluso fóra da bisbarra

Pero custoulle a vida a dous homes

E a unha muller preñada."  

Marta Dacosta, 29 de novembro de 2009.

Poema aos mártires de Sobredo.

Xosé Piñeiro Trillo.

O 28 de novembro de 1922

Pasou algo tan horroroso

Que alguén xa non o quere lembrar

Pero o que pasou, pasou

Non se pode dar marcha atrás.

No Concello de Tui

Parroquia de Guillarei

Pasou algo tan doloroso

Que eu incluso diría fóra da lei.

As campás tocaban a rebato

Alguén pensou que se trataba dun fogo

Era unha xuntanza de labregos

Que protestaban po-los foros.

Os foros eran un imposto

Que os labradores pagaban

Despois de traballar as terras

Nin dos seus froitos gozaban.

Uns dous min traballadores do campo

En Sobredo se xuntaron

Para defender un veciño que ía ser embargado.

Chegou a foza pública dicindo

"Disuélvanse por favor porque

Tenemos autorización

De que si es necesario

Usemos el mosquetón.

Un destacada labrego

Da parroquia de Budiño

Sen saber porque santo foi

Caía no chan tendido.

Este era Venancio González

Que dicía con razón

Traballar as terras si.

Pero pagar os foros non.

Tamén Xaquín Estévez

Carreiro de profesión

Nin sequera lle deron tempo

A ver o que acontecía

Cando unha maldita bala

Acaba coa súa vida.

Cándida Rodríguez

Que en estado se atopaba

Escapaba da traxedia

Cae no chan fulminada

Sen ter quen a socorrera.

Que tres fusilamentos inxustos

Que tres fusilamentos sen compaixón

E digo fusilamentos inxustos

Porque sen pasar moito tempo

A xustiza aos labregos lles dá a razón.

Ao cano de dez anos alí

Un monumento se levantou

Pero coa entrada da Guerra Civil

O monumento se dinamitou.

Con cascallos e algo novo

O monumento volveuse levantar

E os veciños dicimos, que cousa

Tan dolorosa nun máis volva pasar.

Os foros foron redimidos

Incluso fora da bisbarra

Pero custoulle a vida a dous homes

E a unha muller preñada.

 Posted by at 09:51
Dec 032009
 

Sabemos da facilidade, ás veces mesmo necesidade, de os seres humanos nos aproximarmos á frivolidade e ao sensacionalismo. Coñecemos o gusto polo macabro e mesmo poderíamos comprender a sensación íntima de poder que dá a violencia e o sufrimento alleos. Quen sabe se, no máis profundo, non estaremos convencidos de que se lemos ou contemplamos as desgrazas alleas non nos estamos, en certa maneira, como se dun ritual se tratar, protexendo contra as que a nós nos poidan avir. Posuímos o gusto por estas cousas xa desde antigo. Algúns aínda lembramos o tempo en que, nas feiras, se vendían follas de cores que en forma de romance referían truculentas historias de mortes, de traizóns, de vinganzas, de amores e de desamores; e o referido naquelas follas adquiría no imaxinario colectivo carta de veracidade, tal é o poder da letra impresa nunha sociedade iletrada.

Hoxe xa non existen esas follas de cores, mais o seu espazo non ficou baleiro. Son outros os formatos e tamén as intencións duns xornais que tanto informan dun crime como che venden, co correspondente cupón, un coitelo ou un libro, un xamón ou unha colección de discos.

E mudou algo? Mudou. Certos medios pasaron o limiar do eticamente permisíbel para caer na información sensacionalista, morbosa, macabra mesmo, sendo neste caso algúns medios televisivos os pioneiros na arte de lanzar información sen contrastar, en converter a realidade nunha grande serie de ficción onde o argumento se vai construíndo en directo.

As novas follas de cores en formato dixital.

Neste contexto, a recente morte accidental dunha nena en Tenerife, e a culpabilización mediática inmediata dun mozo, é unha boa proba dun novo papel adoptado por unha parte da industria mediática: inventar a realidade ou desvirtuala de tal maneira que acabe por parecer a verdade absoluta aínda que sexa a falsidade máis aberrante.

Que un periódico considerado serio titule “Novio, canguro y asesino” para “informar” da morte dunha cativa de 3 anos e logo intente disimular a súa enorme falta de compromiso coa ética xornalística acudindo a un articulista para nos convencer de que é a sociedade, corrupta de tanta propaganda oficial e de histeria mediática a verdadeira culpábel, debería levarnos a meditar, ou a fuxir correndo para nos baixar deste mundo cada vez máis triste.

Que o director dun periódico manifeste: “Porque fuimos nosotros, los medios de comunicación y no los enfermeros, ni los fiscales, ni los guardias civiles, ni nadie más, quienes fotografiamos, titulamos y dimos la portada a Diego como el culpable…” podería parecer unha desculpa sincera se unhas liñas antes non afirmase: “No tengo el gusto de conocer a Diego y sinceramente me gustaría poder mirarlo cara a cara. También me gustaría escuchar su valoración de lo ocurrido, de las líneas y líneas que dedicamos en 48 horas a presentar la muerte de Aitana como un martirio del que él era el único responsable” Bágoas de crocodilo á espreita da próxima presa que confirman o desexo de seguir convertendo en portada mediática este caso e de continuar alimentando esa voracidade colectiva polo sensacionalismo e pola desinformación.

No meu labor docente utilizo semanalmente a prensa na aula e sei que os meus alumnos e alumnas acreditan na veracidade do que aparece escrito, perciben os diferentes enfoques ideolóxicos que podemos dar a unha noticia e comprenden que non existe o punto de vista único e que a realidade pode ser observada desde máis dunha perspectiva. Sei que, no fundamental, achan veraz a información e comprenden a pluralidade ideolóxica da sociedade. Mais non entenden que, igual que Marat poñía no seu “L’Ami du peuple” o nome de quen ía ser guillotinado no día seguinte por traidor á Revolución sen ter nunca a posibilidade de demostrar a súa inocencia, tamén agora unha persoa, un grupo, unha ideoloxía pode ser posta no albo da diana e recibir as frechas sen oportunidade de saír da encirrada. Nin sequera os medios públicos escapan a esta tendencia. Non foi así a entrevista que Carlos Luís Rodríguez fixo a Carlos Callón? Xornalismo agresivo, parece que chaman.

Só é lanzar a idea, que o resto chega só. Que outra cousa, senón, fixo a prensa máis contraria ao proceso de restauración lingüística, e a todo o que teña a ver cos nosos sinais de identidade, e con ela as forzas políticas que a serven e da que dependen?

Só é cuestión de achar os titulares adecuados, aqueles que venden: imposición e liberdade. Pouco importa que os informes todos digan o contrario pois a sentenza xa está ditada.

Que pensar desta prensa que opta por vender antes que por formar, por informar?

 Posted by at 00:00