Xan 272010
 

Hai unhas días un compañeiro da CIG comentábame que mentres participaba nunha mobilización en defensa dun colectivo de traballadores e traballadoras que tiñan en perigo o seu posto de traballo asisteu a unha conversa entre varias das persoas afectadas por ese problema laboral, conversa na que unha lle decía ás outras que para acadar unha solución ía sendo hora de abandonar ao sindicato, dado que os sindicatos teñen intereses políticos e iso impide atopar unha solución aos problemas; e como alternativa decía que precisaban buscar o apoio dalgún persoeiro coñecido, dado que o apoio de intelectuais, artistas, etc? era o que facía moverse á sociedade na defensa de causas xustas.  Diante das dúbidas dos seus interlocutores ao respecto dese camiño, poñía como exemplo o feito de que polo visto foi a presenza deses artistas e intelectuais a que fixo andar Nunca Máis, as manifestacións da guerra ou as mobilizacións en defensa do idioma, e foron as organizacións políticas e sindicais as que fixeron fracasar moitos proxectos.

É comprensíbel que persoas nunha situación límite como pode ser a da perda dos seus postos de traballo busquen calquer tipo de saída e incluso desconfien da organización ou organizacións que están a carón delas na loita ao ver que esta é moito máis difícil do que pensaban, e que ter a razón non lles serve para salvar a situación pola que están a pasar. Diante destas situacións é obriga de aqueles que dirixen as organizacións realizar o labor pedagóxico de guiar a esas persoas ou colectivos ao longo de todo o conflito, facéndolles ver que moitas veces a xustiza e a lei non están do mesmo lado e que ter a razón non chega para que cho recoñezan.

Desgrazadamente as anteriores son opinións que escoitamos acotío as persoas que facemos traballo social ao estaren moi interiorizadas en grande parte da sociedade galega; foron decenios de discurso franquista e postfranquista tratando de nos convencer de que a participación na vida política só trae problemas sendo unha actividade propia de quen quere quitar tallada. Foi e segue a ser un discurso moi efectivo que deixa unha grande pegada en forma de individualismo e apoliticismo.
Inclusive en organizacións transformadoras hai o perigo de en circunstancias adversas considerar que a saída está nesas actitudes; así manifestacións do tipo "non lle damos á sociedade o que quere", "debemos ser correa de transmisión das inquedanzas da xente", "hai que adaptarse á sociedade" son os seus síntomas.

Unha sociedade como a galega, cunha media de idade cada vez máis alta, uns patróns de vida e consumo propios da opulencia occidental aínda que sexa da periferia desa opulencia occidental, e séculos de negación da nosa capacidade para podermos desenvolvernos por nós mesmos é lóxico que tenda ao inmovilismo, ao conservadurismo e ao individualismo; por iso compre que o nacionalismo sega a exercer o seu labor de vangarda consciente. Foi o nacionalismo quen ao longo da historia desbrozou roteiros despois transitados por sectores importantes do noso pobo, e hoxe temos a sorte de seguir contando con persoas que tanto no mundo político, como no sindical poden falarnos dese inmenso labor, un labor que permiteu chegar até aquí.
Un exemplo deses roteiros abertos polo nacionalismo, e transitados hoxe felizmente por moitos outros, tivémolo o pasado día 21 coa grandiosa mobilización do mundo do ensino fronte á política lingüística do PP. Cando iniciamos o camiño conscientes da necesidade de dar unha resposta contundente recibimos ataques unhas veces por medio da descalificación e outras co ferinte silenzo; e porque non recoñecelo, tamén  tiñamos dúbidas en canto ao resultado; pero finalmente e froito fundamentalmente do noso intenso traballo acadouse unha unidade total, participando incluso na mobilización algúns dos que máis nos atacaron.

Foi un novo paso adiante, agora temos que traballar para que esa marea de dignidade que encheu o Obradoiro non fique nun feito puntual. 

 Posted by at 19:23
Xan 262010
 

Neste ano 2010 celebramos o 125 aniversario da morte de Rosalía, o primeiro centenario do nacemento de Ricardo Carvalho Calero e de Luís Seoane. Uxío Novoneira é o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas. Todos eles e ela piares da cultura galega actual. A AS-PG levará a cabo ao longo do ano unha serie de iniciativas tendentes a divulgar e popularizar a obra destes autores e autora.

A primeira iniciativa é esta nova edición do concurso Procurando poema e poeta.

Durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio imos presentar un texto dun destes autores combinado con outros dous textos de poetas contemporáneos. Haberá catro probas consistentes en recompor os textos sabendo que un destes textos será de Rosalía, Carvalho, Seoane ou Novoneira e os outros dous que aparecerán misturados con este serán de outros dous autores ou autoras. Publicaranse neste enderezo, onde tamén aparecerán as Bases. Para entrar pode facelo como usuario/a rexistrado ou como convidado/a.

Para quen consiga recompor todos os textos (as catro probas) haberá un premio de 350€. Se ademais esa persoa é socio ou socia da AS-PG ese premio será de 450 (podes aproveitar e asociarte)

Poderán participar tamén neste concurso, ademais de persoas a título individual, os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros escolares. Neste caso a persoa responsábel do equipo realizará a inscrición indicando que é en nome do equipo. Para iso deberá enviar un correo a webquests@as-pg.com e o correo remitente deberá ser o do centro educativo. No caso de resultar gañador un Equipo de Normalización e Dinamización o premio será considerado como se dun socio ou unha socia da AS-PG se tratar, isto é 450€.

O período de inscrición está aberto desde o 27 de xaneiro ao 27 de febreiro. Pasado ese día non se admiten máis inscricións. Para participar é imprescindíbel facer a inscrición previa, quer enviando un correo a webquests@as-pg.com quer facendo a inscrición no enlace http://www.as-pg.com/teleformacion/ e seguindo as indicación que van aparecendo

 Posted by at 11:55
Xan 222010
 

Ás nove da mañá saímos da casa, o autobús recollíanos ás 9:30. Con tan só cinco minutos de atraso saímos cara ao noso destino: Compostela. Percorremos Galiza desde o Miñor ao Ulla, coa forza do noso amor no corpo todo.
    O noso autobús ía completo e aínda houbo xente que non se puido anotar nel, algunha moza, que finalmente non puido acudir.
    Viaxabamos cara ao norte, coa intuición certa de que iamos encher a praza do Obradoiro. Estaba certa, si, porque nestas dúas semanas atopei o que non atopara en tantos anos de sindicalismo, profes que ao verme entrar no centro para lles levar a propaganda da manifestación reuníanse comigo improvisando unha reunión non convocada na que falabamos, eles e elas tamén, do que significan realmente as bases do Decreto, de que significa unha agresión á nosa lingua, de que é aberrante, antipedagóxico, irrealizábel, un instrumento para crear conflitos nos centros, sustentado nun debate fraudulento, a aprendizaxe do inglés.
    Lembraba que en todas as reunións convocadas estes días, que foron todas as que puiden facer, houbo a maior afluencia de profes que non houbo nunca. E cando en nome da Plataforma me dirixín a un auditorio de mozos e mozas atopeime con que alí estaban enchendo o seu salón de actos e nunca, nunca tiven unha aula máis atenta e silenciosa. Eu estaba abraiada, emocionada mesmo.
    Lembraba que non parabamos de recibir chamadas nos locais da CIG preguntando polos buses a Compostela, que nunca nos soou tanto o teléfono.
    Por iso, cada día que pasaba confirmaba non só o rotundo rexeitamento ao plurilingüismo da Xunta, senón tamén que a folga ía ser un éxito e que Compostela ía quedar pequena, como quedou.

Mais hai unha cruz nesta moeda dos días previos á folga, esa foi a entrevista co Conselleiro de Educación e o Secretario Xeral de Política Lingüística. Unha entrevista tensa en que o Secretario Xeral interrompía ao Secretario Nacional da CIG-Ensino na súa exposición, incapaz de escoitar, inflexíbel, como o Conselleiro, nas súas propostas, tan militante como os altos cargos do PP. Resultounos todo algo esperpéntico de máis, semellaba que tentaban ocultarnos nun lugar a parte, evitando o contacto entre as entidades que asistiamos ás entrevistas ou afastándonos das cámaras da TVG. E na sala B de xuntas respirábase a tensión, a tensión de quen está a defensiva ante a evidencia de que están sós, completamente sós, a horas dunha manifestación histórica, de dimensións inimaxinábeis aínda.
    Fixeron todo o posíbel por ocultarnos, convocáronnos ás 18:30 e recibíronnos ás 18:50, deixaron para o final á organización sindical maioritaria e convocante da folga, establecendo unha orde nas entrevistas que só se explica desde o punto de vista mediático: recibiron primeiro a aqueles que entenderon podían ter posicións máis favorábeis para a Consellaría. E aínda así a folga foi un éxito.
Se cadra Castelao diría hoxe: que despois de miles de enquisas amañadas, distribuídas con toda riqueza de propaganda e prohibicións ao profesorado, despois de presentar as bases case o derradeiro día do ano e de noite, despois de cartas individuais e anuncios no portal web, a folga que convocamos foi un éxito. Sodes, pois, uns plurilingüistas fracasados.

E nós… hoxe nós somos máis dos que imaxinamos ser, non só porque enchemos o Obradoiro, senón porque comprobamos, día a día, que cada vez somos máis, que medra o número dos que amamos a nosa lingua, que as mozas e os mozos móvense polo seu idioma, que estiveron alí, porque quixeron estar, unindo as súas voces, declarando os seus sentimentos, as súas ideas, comprobando que cando usan o noso idioma, cando o defenden non son raros individuos, nin extremistas, nin ensimesmados, nin acomplexados, son mozos e mozas que están no mundo, que fan o mundo.

Por todos eles, por todos os adolescentes que hoxe nos acompañaron eu, hoxe… son feliz.

Marta Dacosta, 21 de xaneiro de 2010.

 Posted by at 07:41
Xan 202010
 

O Conselleiro de Cultura volveu falar (ou será mellor dicir que abriu a boca?).
Xa coñeciamos as súas simplicidades. Aínda lembramos cando dixo: “Eu a Galicia prefiro añorala a vivir nela” e despois aterrou aquí de Conselleiro. Debeu ser aí onde se inspirou para a campaña Agora é cando, Galicia é onde, lema do Xacobeo 2010.
E logo aquilo de que a cultura galega está ben pero limita.
Pois nada, o home segue. Agora resulta que a cultura galega “É unha cultura que segue ensimesmada e acomplexada”
Debemos recoñecer que é un privilexio ser gobernados por xente que ten esta altura de miras e esta claridade expositiva!!!
Mais chegando aquí quero deixar o meu ensimesmamento e acomplexamento e tomar prestadas unhas palabras que encontrei na bitácula No vento de Cavanardá. 

Din así:

“Ocorre, porén, que o discurso non se mantén de pé nin con muletas. É poñerse a buscar o tal ensimesmamento e dá un con Rosalía , coas Irmandades da Fala (Galiza, célula de universalidade), coa Xeración Nós (é preciso volver, outra volta, á repetida referencia ao Ulysses?), con Suárez Picallo, con Castelao, con Seoane e Maside, con Cunqueiro e Blanco Amor, … e do ensimesmamento ese … nada, nin noticia. Será que os óculos meus van mal de lonxe e ven mellor de cerca, penso. Busco de novo e tropezo con Fernández Paz e Xabier Docampo, coa literatura galega infantil e xuvenil, coa música de raíz -Mercedes Peón, Berrogüetto, Milladoiro, Luar na Lubre-, coa banda deseñada. Todos andan dun lado para outro, un algo cansos de ter que pasar por Barajas e non poder saír directamente de Santiago a recoller os premios que, por Europa e polo mundo adiante, lles van concedendo ano a ano. U-lo ensimesmamento, u-los complexos? Quen cho sabe, chico! Non hai maneira de dar con eles. Proba un a mercar lupas novas e tampouco: velaí o Carlos Núñez facendo o disco no Brasil, a Descarga ao Vivo tecendo pontes e investigando en Cuba, o Narf máis atlántico mesturando lingua e ritmos na Guiné Bissau ou Moçambique, as Batuko Tabanka achegando Cabo Verde a Galiza. Pola beira daló os mozos e mozas de Rede.cat, en Barcelona. As Ialma e Muziek Publique en Bruxelas. Uns xaponeses chegan cos cedés de Galician Tunes e preguntan se este ano a Galiza estará en Womex, en Popkomm, en Midem, e outro pasea pola Alameda cun catálogo de Galician Books, a ollar para os novos escritores do país. Pregúntolles a eles se viron por alí o tal ensimesmamento, os tais complexos, e dinme que non pero que saben o camiño de Conxo, amabelmente. Buscarei no Sons da Diversidade, no Cantos na Maré, no Festival dos Abrazos, nas propostas de Sinsal ou do Centro Coreográfico Galego, en Manolo Rivas, Pilar Pallarés, Lois Pereiro, Teresa Moure, Ferrín. E neste 2010, en Carvalho Calero e Novoneyra. A ver se neles…”

 


Non deixen de ler o artigo completo, e mañá saian dese ensimesmamento para acudir á manifestación en Santiago. Que nos vexan na rúa sen complexos.
Segundo o Sr. Varela: “ O decreto só poderá traer cousas boas para xente coma min”
Ben mirado, ten razón, non ten?
O decreto só traerá cosas boas para xente coma el, xente que odia o galego, a lingua e a cultura e quen sabe se, de paso, non se odiarán a si mesmos.

 Posted by at 17:48
Xan 182010
 

Corren tempos de confusión. Non é menor a que aferrolla a moitos ideoloxistas que din renegar do sistema capitalista. Unha das máis pertinaces características da esquizofrenia existente é a do altermundista que non asume unha política real anti-globalizadora. Podemos darlle as voltas que queiramos, pero a rectificación do proceso globalizador pasa pola asunción da política nacionalizadora, polo exercicio da soberanía ou capacidade de decisión democrática das nacións. Con esta lóxica e con este obxectivo teremos que articular unha mentalidade internacional pacifista, pois certo é que todos formamos parte dun mundo común. Se esta orientación é válida para as nacións con Estado, resulta imprescindíbel para as que non o posúen. O nacionalismo é, consecuentemente, a alternativa que, nestes casos, expresa esta aspiración.

Sorprende que, perante alternativas tan claras como as que se presentan respeito das Caixas de Aforro galegas, a algúns altermundistas lles custe tanto asumir o conflito sen ofuscacións metafísicas. Aínda máis, reaxen negativamente perante a única saída, na actual conxuntura, anti-globalizadora, nacional galega e non submisa cos deseños da oligarquía española. Porque a esta altura o dilema está en escollermos entre a fusión de Caixa Galicia e Caixa Nova ou a fusión, fría ou quente, tanto ten, de Caixa Nova con Caixa Astur, Caixa Murcia e Caixa Santander, entre unha fusión interna e outra extraterritorial. Está en articular unha entidade de crédito, non totalmente bancarizada, con certo control público e ao servizo da nosa nación, ou permitir a desnacionalización, con bancarización e facilidade para a privatización. Quizais cumpra volver a lembrar que, grazas á iniciativa do BNG, este país pasou de ter, até agora, un marco legal ridículo, antidemocrático e caciquil sobre as Caixas, a ter a lei máis progresista de todo o Estado español. Con ela será imposíbel a restauración do nepotismo e do despotismo que caracterizou estas entidades de crédito na Galiza. E será que pretenden que non se aplique? Será que algúns están dispostos a facela inviábel bombardeándoa desde esferas competenciais superiores? En Madrid téñeno claro: o PSOE, co Banco de España de árbitro interesado e a través da súa sucursal política na Galiza, Ministro Blanco ao fronte, intimida, ameaza e proxecta a sombra máis anti-galega con ese monicreque de alcalde que, no exercicio do localismo máis podre, asume sen rubor a opción foránea. O PP, Rajoy, Rato, Montoro, Caixa Madrid, non agachan, nen despois da aparente, tardía e condicionada polas circunstancias aposta de Feijóo pola fusión interna, que aspiran a engulir Caixa Galicia. Estase a producir perante os nosos ollos e os nosos narices o máis descarado asalto á entidade financeira de Galiza en nome de que temos que saír das nosas fronteiras. Xa se sabe, en nome do espolio. É tan difícil non deixarse embaucar polo aquelarre de auto-negación, desnacionalización e tribalismo interior? O proceso de españolización prático ten na resolución deste dilema unha das súas armas máis eficientes para desposuír, dunha vez por todas, Galiza dunha ferramenta cun potencial significativo ao servizo do noso pobo, para diminuír, aínda máis, a nosa capacidade real de autogoberno.

Hai unha nova Lei de Caixas. Pode ser utilizada en defensa das competencias e das necesidades de Galiza. Por certo, alguén reparou na sempre compracente submisión a España dos efluvios localistas galegos e a súa incidencia negativa nos intereses xerais de Galiza? Unha Caixa Galega, democratizada, con control público, sería un bo contributo á estruturación do país, á súa coesión, por enriba de dialécticas norte-sur que só agachan o caciquismo tribal e a dialéctica política españolizadora. Pode ser lóxico que os que serven conscientemente a esta dialéctica, unha forma de ser galegos á española, segan con obediencia entusiasta as consignas madrileñas. Resulta máis difícil comprendelo en quen di ser anti-globalizador e mesmo nacionalista. A tanto pode chegar a ofuscación por motivacións colaterais? Escollan: galega ou española? Curiosamente o instinto popular máis xeral sabe cal é a opción que nos interesa.

É posíbel que o presidente Feijóo estea enredando para chegar, ao final, a un resultado acorde co previamente pactado en Madrid entre o PP e o PSOE para repartírense o botín galego ad maiorem gloriam da unidade de España. Porén, o noso deber está en actuarmos, dificultar as traizóns aos intereses do país e defender as opcións que lle son beneficiosas. Lembremos de novo: inicialmente a aposta do presidente da Xunta era, en nome da técnica, da solvencia e da despolitización (que graza!!) non facer nada, deixar que o deseño perfilado na Corte se consumase. Se non puido instalarse, definitiva e comodamente, nese guión foi pola iniciativa do BNG, o sentido da realidade dos sindicatos e de grande parte da sociedade galega que, malia a colonización, aínda ten capacidade para detectar, nesta cuestión, que opción representa a vontade de Galiza por existir e ter futuro

 Posted by at 18:17
Xan 142010
 

Éche asi. Galiza (Jacobsland ou Galicia, nomes more correctos) está inzada de sectarios e extremistas. Ben o indica o Linguist Political General Secretary na defensa do rascuño do Decree que o Popular Party está a impulsar. Todos, agás o Popular Party e o seu environment, sectarios, e ademais extremistas. O nacionalismo, of course. BNG e CIG son xa coñecidos de vello pola súa intolerancia e pola defensa de principios ideolóxicos obsoletos: igualdade entre os countries, xustiza social, freedom para a nación. Con estes non se pode ir a ningures. A Mesa e a Plataforma Queremos Galego non son máis que a “talibanada” lingüística que pretende que o idioma galego (invading) desprace o spanish, lingua propia de Galiza. Para falar coas cow, para criar pig e actividades similares pode estar very well. Agora ben, para a education, administration, justice, cinema, health, newspapers ou economical transactions, evidentemente non vale este dialecto. Mais tamén o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega son entidades nas que impera o fanatismo extremista. Ah! E o Consello de Europa e a Axencia Europea de Linguas Minorizadas cos seus informes sectarios. Por certo, tamén o resto dos sindicatos da education. E to take for granted, as organizacións estudantís, que como os Comités, son caldo de cultivo de radicais. E a Federación de ANPAS de Centros Públicos, eses also o son. Ou a Asociación Internacional de Estudos Galegos, too. E así até 600 organizations and entidades de diverso tipo. But, sobretodo, os thousand de women e men que se teñen manifestado, na defence do seu dialecto (galician) durante os últimos month. Eses son os worst.

Daquela, con who se pode to talk para negociar? Cos que non son sectarian, e teñen demostrado tolerant actitude nos últimos times. For example, a Asociación de Vítimas do Terrorismo (AVT), a Spanish Falange, ou o Popular Party, que teñen participado en manifestation (small, si, e con people de fóra de Galiza, mais manifestation), con dirixentes como Alfonso Rueda (ou wheel, dependendo de en que se fale, respectando a freedom de cadaquén), Carlos (Charles, Charly) Negreira (negrera, black ou similar, que ademais é friend de Millán Astray), ou Corina Porro (apelido que admite polisémicas posibilidades). Eles non son sectarian people, e poden to speak entre eles, e negociaren o Decree da Education xuntándose, poño por caso, nunha Blue Chicken. Así de easy! E poden tamén chamar o judge of Alcorcón, o director da EGAP (que tivo a ben to send Nadal congratulations nun perfecto bilingüismo latin-spanish), and so on.

Confésome sectarian, como moitos outros. Por esa reason vaime resultar impossible negociar nothing co Popular Party. E o próximo 21 de January estarei en Compostela, defendendo a exclusión dos two languages propios da Galiza (spanish e english) e a imposition dun strange dialecto: o galego. Somos así de raros neste sectarian country, nesta old nation que só aspira a ser ela mesma, e to build o seu futuro no idioma que pariu historicamente, que nos une e identifica.

 Posted by at 00:16
Xan 132010
 

Srs. da Xunta

Normal
0

false
false
false

GL
X-NONE
X-NONE


/* Style Definitions */
table.MsoNormalTable
{mso-style-name:”Táboa normal”;
mso-tstyle-rowband-size:0;
mso-tstyle-colband-size:0;
mso-style-noshow:yes;
mso-style-priority:99;
mso-style-qformat:yes;
mso-style-parent:””;
mso-padding-alt:0cm 5.4pt 0cm 5.4pt;
mso-para-margin:0cm;
mso-para-margin-bottom:.0001pt;
mso-pagination:widow-orphan;
font-size:11.0pt;
font-family:”Calibri”,”sans-serif”;
mso-ascii-font-family:Calibri;
mso-ascii-theme-font:minor-latin;
mso-fareast-font-family:”Times New Roman”;
mso-fareast-theme-font:minor-fareast;
mso-hansi-font-family:Calibri;
mso-hansi-theme-font:minor-latin;
mso-bidi-font-family:”Times New Roman”;
mso-bidi-theme-font:minor-bidi;}

Uns días despois de facer público o celebérrimo borrador do chamado decreto de plurilingüismo, a Consellaría de Educación anuncia agora que esixirá a toda persoa “que opte a un emprego público o coñecemento dunha lingua estranxeira, que na práctica será basicamente o inglés”. Desde cando un goberno autonómico ten competencia para fixar os requisitos dos candidatos que accedan á función docente?

Ignoran, xa que logo, que a regulación destes requisitos de acceso á función docente, segundo o art. 149.1, 1.ª, 18.ª e 30.ª da Constitución, son competencia exclusiva do Estado?

Ignoran tamén que o Real Decreto 276/2007 polo que se aproba o Regulamento de ingreso á docencia é norma de carácter básico para todo o Estado?

Ignoran tamén que o art. 12 deste mesmo Real Decreto contempla como requisito para os candidatos que aspiren a participar nos procesos selectivos a acreditación do coñecemento das correspondentes linguas oficiais do Estado e que en ningún momento se esixe o dominio dunha lingua estranxeira?

Para poder realizar o que pretenden, Srs. da Xunta, comecen por reformar a Constitución, en concreto o art. 149, e conseguirán deste xeito para Galiza un réxime xurídico propio e distinto do do Estado. Unha vez acadada esta reforma, e despois de ter modificados outros artigos da Carta Magna, entre eles tamén o 3º, poderán executar estas propostas.

Mentres tanto, e antes de volver falar sobre isto, lean a Constitución, esa norma que, por un lado, din venerar e que, por outro, ignoran cando lles convén.

 

Eduardo Álvarez González

 Posted by at 23:22
Xan 122010
 
O presidente da Xunta, Sr. Feijoo, coñecedor do amplo rexeitamento que ía supor a nova proposta de decreto, agardou ao 30 de decembro, en plenas vacacións de Nadal, para presentar, ás 19.30 horas, as Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario. A elección deste día e hora non foi outra que a de procurar amortecer a ampla contestación social á convocatoria da concentración feita pola Plataforma Queremos Galego que o levou a trasladar o lugar habitual do Consello da Xunta, pondo en evidencia a mala conciencia de quen sabe que está agredindo e reducindo os dereitos lingüísticos do galego.
 Estas bases de decreto veñen sendo o colofón de todo un proceso de involución e persecución permanente ao noso idioma, cuxo obxectivo é procurar eliminarlle todos os resortes legais e lexislativos que foi conquistando, coa finalidade de erradicalo. O Partido popular nesta nova etapa marcouse como un obxectivo político prioritario reespañolizar e recolonizar Galiza. Nesta pretensión uniformizadora, sabedores de  que o idioma é o elemento de cohesión nacional imprescindíbel e fulcral para avanzar no autogoberno e acadar a emancipación nacional, é onde hai que situar a persecución e fobia contra o noso idioma e de todo o que nos conforma e nos fai galegos. Isto explica que, só en medio ano de goberno, o PP cunha eficacia e celeridade inaudita e sen precedentes proceda a atacar e a reducir a presenza do galego no ensino. Por vía de urxencia, eliminou a obrigatoriedade de realizar unha proba en galego para a acceder á función pública, eliminou a obriga de impartir, en educación infantil, como mínimo un 50% en galego en contextos español-falantes; desmantelou o modelo educativo de galescolas, reduciu o número de premios á innovación en normalización lingüística, eliminou as axudas á tradución e aos programas de inversión en  galego na  Educación Infantil, reduciu as axudas aos equipos de normalización, eliminou o requisito de ter competencia en galego para que o profesorado poida gozar de licenzas e estadías no estranxeiro e os orzamentos deste ano dedican un 20% menos á normalización que os do ano 2009. Estes son só algúns exemplos dos agravios e persecucións que asoballaron o noso idioma no ensino, desde que o PP tomou posesión do goberno.
Toda esta estratexia lingüística de ataque constante contra o galego ampárase e fundaméntase na mentira da imposición e na invención dunha realidade sociolingüística inexistente en que, supostamente, a lingua nacional goza dos mesmos dereitos, alcanzou os mesmos usos sociais e prestixio que a realmente imposta, o español. O galego pasa de ser lingua excluída, marxinada, aldraxada e expulsada de moitos usos e espazos e, mesmamente, perseguida e agredida a transformarse, do día para a mañá, segundo as afirmacións cínicas do PP e aliados, en agresora e invasora do seu propio territorio.
 A folla de ruta deseñada para reducir ao mínimo a presenza do galego no ensino pretendeuse avalar cunha enquisa-trampa, totalmente fraudulenta, que foi deslexitimada por amplos sectores da sociedade, ao non contar coas mínimas garantías, procurar derrogar o decreto 124/2007 e non permitir, nin sequera, poder optar pola opción de que todo o ensino se imparta en galego. Mais tamén, porque lle corresponde ao conxunto da sociedade, a través das súas institucións, fixar a lingua  de ensino na Galiza e non aos pais
A doutrina ultraespañolista, da que participan Galicia Bilingüe, sectores do PSOE e o PP, é a que dá  alimento ao actual goberno da Xunta de Galiza. Para iso, conta con grandes resortes, nomeadamente mediáticos, incluído o uso perverso e manipulador dos medios públicos galegos, para dar pábulo a  discursos propagandísticos da imposición lingüística, da liberdade de elección de idioma no sistema educativo e do trilingüismo.
Estes ataques tiveron unha resposta histórica da sociedade galega que foi capaz, malia toda a propaganda en contra, de albiscar a gravidade da actual situación para o futuro da nosa lingua. Así se explican as multitudinarias e históricas manifestacións en prol do noso idioma convocadas, o 18 de maio de 2009 pola Mesa pola Normalización Lingüística e o 18 de outubro pola Plataforma Queremos Galego, na que conflúen  diferentes organizacións e mais de 600 entidades de diferentes ámbitos da sociedade. Hoxe, converteuse nunha ferramenta indispensábel para facer fronte a este agravio contra o galego. Botou raíces na maioría das comarcas de Galiza e está a desenvolver un traballo intenso e fundamental con diferentes accións, actividades, campañas e mobilizacións, entre as cales destaca a manifestación en Compostela, do 18 de outubro, na que participaron máis de 50.000 persoas, a concentración-manifestación do día 30 de decembro en contra da derrogación do decreto 124/2007 que, coincidindo coa presentación da proposta do novo decreto e cunha convocatoria feita en menos de 48 horas, concentrou en Santiago a miles de manifestantes. Agora ten como traballo prioritario a convocatoria da folga no ensino para o día 21 e xaneiro do 2010 e a recollida de sinaturas da ILP que proximamente presentareros no parlamento.
Cómpre saber que, sen termos intención de facer unha análise pormenorizada, a proposta de bases para o decreto é un texto preautonómico, pois nin alcanza o disposto no Estatuto de Autonomía, aprobado hai 29 anos, que no seu artigo 5.3 estabelece que ?os poderes públicos potenciarán o emprego do galego en todos os niveis da vida pública, cultural e informativa e disporán dos medios necesarios para o seu coñecemento?, e supón un incumprimento da Lei de Normalización Lingüística de 1983 que  estabelece no seu artigo 3.2 que ?as autoridades educativas arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino?. Trátase dunha proposta involutiva respecto a todas as normas aprobadas desde a promulgación, en 1983, da Lei de Normalización Lingüística e retrotráenos  á época franquista e ao decreto de bilingüismo de 1979, causante de diferentes conflitos, persecución e expedientes disciplinarios contra o profesorado, polo único delito de impartir as aulas en galego.
A proposta tórnase aínda máis  inxustificada xa que até agora a xa de por si cativa normativa de uso do galego no ensino tivo como denominador común o seu total incumprimento. Esta foi unha das razóns polas que a administración tivo que elaborar o Plano Xeral  de Normalización, despois da exixencia e presións de diferentes entidades e organizacións en prol da normalización lingüística que comprobabamos como o noso idioma estaba moi lonxe de alcanzar ese mínimo do 50% como lingua do ensino e unha parte importante do alumnado non conseguía a capacitación suficiente para  usar o noso idioma. Dous obxectivos que o marco legal ten fixado para o ensino hai preto de 30 anos.  Pois ben, o actual goberno, en lugar de arbitrar medidas para efectivizar e facer cumprir o decreto 124/2007, que supuxo un avance no plano lexislativo en relación cos anteriores decretos (1983,1995) e fixou como mínimo a obriga de impartir o 50% das aulas en galego, procura todo o contrario: reducir esta mínima presenza do galego nas aulas a algo totalmente marxinal.
No texto proposto, o ensino en galego pasa, no mellor dos casos, dun 50% a un 30%. Mais, sabemos por experiencia que, ao non fixarse as materias que como mínimo hai que impartir en lingua galega, estas porcentaxes non se alcanzarán na maioría dos centros e o galego pasará a ser a lingua daquelas materias menos recoñecidas e valoradas social e academicamente.
En Educación Infantil, elimínase a obriga do 50% de presenza do galego nos contornos castelán falantes, polo que, na prácti
ca, o galego desaparecerá destas aulas. En Primaria, o galego pasa a ser unha lingua residual, ao deixar de ser o idioma de docencia de materias como Coñecemento do Medio, que se viña impartindo en galego desde 1987, e de Matemáticas. Na ESO, expúlsase o galego de materias como Ciencias Sociais, tamén impartidas en galego desde o ano 1987, Matemáticas e Ciencias da Natureza, entre outras, e no Bacharelato e na FP a proposta remite a tempos anteriores á orde de 1987 en que se recollía nominalmente que dúas materias se tiñan que impartir en galego.
O galego deixa de ser o idioma da administración educativa. A proposta da Xunta só fala de que os centros nas súas actuacións educativas fomentarán o uso do galego, cando xa o decreto 135/83, mediante a orde de 1987,  estabelecía o galego como lingua de uso dos centros: ?os centros de ensino de toda Galiza farán da lingua galega o vehículo de expresión normal nas súas actividades internas  e externas?. As bases do novo decreto eliminan que o alumnado, con carácter xeral, deba utilizar o galego nas materias que se impartan en galego (recollido xa desde o decreto 135/ 83, mediante a orde de 1987).  A proposta recolle e fomenta a publicación de materiais en castelán e até muda a denominación dos equipos de normalización lingüística, que pasan a chamarse de ?dinamización?, cando o seu cometido fundamental debería ser planificar a normalización.
Disfrazada dunha pseudodemocracia e con grandes doses demagóxicas, a Xunta desenténdese de calquera proceso de normalización, trasladándolles ás familias a responsabilidade de decidir, sempre que non se supere un terzo, o uso do noso idioma no ensino, o que comportará incumprimentos permanentes e conflitos entre o profesorado e pais. Esta desregulación do sistema educativo obedece à aplicación da doutrina neoliberal na ordenación e planificación escolar  para así marxinar, aínda máis, o galego na docencia. Con esta deserción da súa responsabilidade, a Administración trasládalles o conflito aos centros educativos coa pretensión de crear unha fractura social e promover a extinción do galego. Así, baixo a falacia da liberdade de elixir o idioma, por parte das familias, veremos proscrita a nosa lingua do ensino infantil e daquelas materias ?troncais? que contribúen a prestixiala. A lingua en que o alumnado se debe escolarizar non pode estar supeditada á elección dos pais/nais, tal como xa o sentenciou o Tribunal Constitucional e como vén de facelo recentemente o Tribunal Supremo. O sistema educativo como servizo público, a súa planificación, o currículo e o ensino en galego afectan e corresponde a todos os galegos e a todas as galegas
A falacia do trilingüismo -deixando á marxe a valoración da imposición, na practica, do Inglés como única lingua estranxeira e a marxinación do portugués- supón que un terzo das materias curriculares se imparta en inglés, o que comporta a equiparación da lingua propia de Galiza ?lingua sen normalizar, infravalorada, desprovista dos dereitos e a promoción necesaria- cunha lingua estranxeira, percibida socialmente cun estatus superior. Así a presenza do galego como lingua vehicular do ensino verase reducida substancialmente. Tratase, polo tanto, dunha proposta clasista, aberrante desde o punto de vista pedagóxico e inaceptábel socialmente. Se ben é certo que é inaplicábel e irrealizábel en toda a súa extensión, por falta de profesorado formado adecuadamente en Inglés, non é menos certo que segundo se vaia emendando esa carencia, iranse agrandando as diferenzas entre os centros, conformarase, consecuentemente, unha clasificación social dos mesmos e producirase a segregación do alumnado, ficando os centros privados concertados como a avanzada e os máis beneficiados. Trátase ao mesmo tempo dunha proposta demagóxica que non pretende, nin moito menos, afianzar e mellorar a aprendizaxe do Inglés. Se así fose, a Consellaría reduciría o número de alumnado por aula, aplicaría os desdobres nas aulas de lingua estranxeira, dotaría os centros do profesorado especialista e dos recursos e medios necesarios. Estas si serían medidas efectivas reais e para todo o alumnado. Pola contra, baixo a falacia do trilingüïsmo provocarase a segregación, o elitismo e a discriminación dunha parte importante do alumnado. Pódese consentir e até promover que no ensino básico e obrigatorio se impartan en Inglés materias en que moito alumnado ten serias dificultades e/ou carencias na aprendizaxe, na asimilación e comprensión dos conceptos e contidos e non domina nin comprende a lingua na que agora pretenden impartirlle as aulas? Como se pode xustificar o ensino en Inglés dun terzo das materias cun fracaso escolar do 25% e un baixo dominio do mesmo por parte do alumnado? A realidade será que o profesorado recorrerá a substituír o Inglés polo Español, mais non polo Galego, como lingua vehicular para conseguir o desenvolvemento normal das aulas. Todo vale para reducir e expulsar o galego fóra dos centros de ensino.  
Soamente, desde a pretensión de exterminar o noso idioma se pode partir dunha suposta situación de normalidade lingüística e non dun contexto sociolingüístico de diglosia, no que non son posíbeis nin bilingüismos cordiais nin o trilingüismo, a non ser que se persiga , como é o caso, a desaparición , iso si, tinxida de modernidade, do noso idioma. Non podemos lexislar a favor do idioma sen considerar a historia de centos de anos de persecución, prohibición e marxinación que foi asentando numerosos prexuízos e autoodio sobre o mesmo.
Estamos, polo tanto, ante un proxecto que persegue que o galego deixe de ser unha lingua de uso social para efectivizar a total substitución lingüística no canto da súa normalización. Por iso non se respecta nin sequera a Carta Europea das linguas que obriga o goberno a pór todas as medidas necesarias para a aprendizaxe do noso idioma e para garantir o cumprimento da carta universal dos dereitos lingüísticos. A proposta de bases para o decreto tórnase aínda máis abrasiva cando todos os estudos e informes conclúen na perda alarmante de galego falantes. Así, o actual alumnado mozo usa e ten como lingua inicial o galego un 40% menos que a xeración dos seus avós. Segundo o Mapa Sociolingüístico de Galiza (MSG) do 2004, elaborado pola Real Academia Galega, en doce anos (do 1992 ao 2004) duplicouse o número de persoas que ?nunca fala en galego? pasando do 13 ao 25,8 por cento. Nese mesmo período de tempo diminuíu á metade o número de persoas que din ?falar habitualmente en galego? (do 30,5 ao 16%). Sumandos as persoas que din ?falar só galego? (16%) e ?máis galego? (22,9%) produciuse unha caída, nin máis nin menos  que de 22,1 puntos no uso habitual do galego con respecto ao ano 1992. É dicir, en dez anos a nosa lingua sufriu un retroceso do 50%.
 
Sen lugar a dubidas, nunha situación lingüística como a galega, o futuro do noso idioma pasa por que todo o ensino se imparta en galego. Con este obxectivo de referencia e no actual contexto sociopolítico, valoramos como un avance importante para o galego, máis non como unha meta, a aprobación no seu día do decreto 124/2007. Non sería entendíbel nin nada acertado participar de manobras confusionistas que pretendan dar apoio social a esta navallada contra a nosa lingua. O novo decreto non pretende máis que reducir a súa utilidade, desterrala do sistema educativo, despoxala de todos os seus dereitos e evitar, polo tanto, o seu afianzamento e uso. Non caben consensos ou acordos posíbeis se non se fundamentan no conquistado até agora para avanzar. Non podemos retroceder nin o máis mínimo ao disposto no Plan Xeral de Normalización e no propio Decreto 124/2007 de uso e promoción do galego no ensino. Para iso, é imprescindíbel continuar coa loita e coa mobilización. O máis inmediato é conseguir o apoio maioritario para a folga no ensino
, o día 21 de xaneiro de 2010, convocada pola plataforma ?Queremos galego? para paraliza reste decretazo.
 Posted by at 11:58
Xan 102010
 

Non debe existir ningún caso de peregrinaxe, sexa de intención relixiosa ou turístico-cultural, que contribúa tanto a anular o país receptor como a celebración xacobea. Non temos dúbida, porén, de que, con outra orientación no poder político gobernante, sería unha oportunidade especial para proxectar cara a nós mesmos e aos de fóra unha realidade histórica, patrimonial, cultural e socio-política a mantenta agachada. Mais a oportunidade profiláctica devén narcótico, hipnotización e anulación do noso ser colectivo, Galiza. Unha pada máis, e non menor, que o enterrador oficial bota na cova fonda da nosa desmemoria e da nosa negación histórica. Cando dentro, na Galiza, o contributo da Xunta, da Igrexa católica e de todas as institucións é tan entusiasta para evaporizarnos, non cabe esperar fóra, onde orixinariamente se xestou o proceso anulador, máis que colaboración natural.

O sábado, día 2 de xaneiro deste ano 2010, a TVE emitiu no Informe Semanal un programa adicado ao Pórtico da Gloria do Xacobeo. Non pronunciaron nen unha soia vez a palabra Galiza ou galego. Poderíase tirar a impresión de que se trataba dun fenómeno e dunha orixinal realidade artística extra-terrestres. Foron aludidos os nomes propios de Mateo e Fernando II, director artístico do Pórtico da Gloria e monarca impulsor, respectivamente, pero sen xentilicio algún. Emporiso, para colmo, este rei galego por lingua, consciente da entidade do seu reino de Galiza, vinculado á súa nobreza laica e eclesiástica e por ela educado, enterrado na catedral de Santiago por vontade explícita, foi designado como rei de León exclusivamente. Os entrevistados, deán arquiveiro da catedral, membros da equipa rehabilitadora- italiáns e españois-, experto en arte románica, non fixeron a máis mínima alusión ao contexto histórico e social, á realidade política do Reino de Galiza de entón, onde se xestou e construiu o pórtico románico máis esplendoroso de Europa, obra de galegos. O responsábel da política cultural da Xunta, o Conselleiro Roberto Varela, perante a imponente fachada do Obradoiro –aínda bautizado en língua galega no século XVIII-, tranquilizounos coa boa nova de que os peregrinos terían asegurado un espazo onde deixaren as mochilas para non entraren no recinto catedralicio con tanto vulto perturbador. Máis unha vez as imaxes impresionaban pola grandiosidade e fermosura; porén, o verbo acompañante era abstracto, retoricamente tecnicista, vulgarmente turístico e topicamente relixioso. Non había nen carne nen materia, nen historia nen pobo.

A verdade é que, con estes sarillos, é difícil que, por moito que declaren patrimonio da Humanidade algunhas evidencias artísticas do noso país, a Humanidade se inteire de que Galiza existe. Aliás, non se inteira de que Santiago foi produto dunha dinámica histórica específica, a de Galiza, non un apéndice máis da españolidade, ou unha simple manifestación de europeísmo cristián, como agora se pretende desde o Vaticano e os seus acólitos na UE. Créanme, sería impensábel un programa televisivo sobre a Alhambra de Granada ou A Mezquita de Córdoba sen aludir a Al-Ándalus, como o sería sobre o románico catalán, sen enmarcalo no seu contexto histórico concreto, nacional, o de Catalunya. Con nós non só é posíbel, é o natural. Naturalmente inexistentes, embora a a realidad empírica sexa contundente. Esta realidade empírica contundente hai que explicala, alumeala, co verbo consecuente, necesario, revelador. Xustamente todo o que agachan e que tanto nos custa desvendar e facer aboiar…

 Posted by at 23:54
Xan 092010
 

Nos pasados días voltaron a producirse manifestacións na capital iraniana en contra do goberno de Mahmud Ahmadineyad, manifestacións con grande repercusión nos medios de comunicación ocidentais e unha condena unánime ás actuacións represivas do goberno iraniano esixindo o respecto pola oposición. Unha vez apareceron o Irán e o seu presidente Mahmud Ahmadineyad á cabeza dos países que non cumpren coa democracia. Pero é a preocupación polo cumprimento dos principios democráticos o que de verdade move a determinados gobernos liderados polo dos Estados Unidos e pola Unión Europea a condenar e presionar a cada pouco ao Irán, ou son outros intereses máis crematísticos e menos éticos os que os guían? Non sendo a República Islámica do Irán un exemplo para as persoas que loitamos por unha sociedade máis xusta nin o goberno de Mahmud Ahmadineyad un exemplo de democracia avanzada senón todo o contrario, resulta cando menos curioso que nas eleccións de xuño do ano pasado o candidato apoiado por occidente fora Hossein Musavi, alcumado xa por moitos medios como "o reformista" ou "o Obama de Irán", alguén que non é novo na política iraniana dado que foi primeiro ministro dese país entre o 1981 e o 1989 e considerábase adscrito ao sector máis radical e fundamentalista do réxime nalquel entón. Ademais Musavi está considerado co-responsábel do asasinato durante o seu mandato de milleiros de presos políticos, entre eles grande parte da direccción do Tudeh (partido comunista), moitas mulleres feministas, intelectuais e dirixentes kurdos. Con esa carta de presentación, e aínda que a todo o mundo se lle debe dar o dereito á rectificación, extraña bastante que hoxe poida ser ese o candidato apoiado polo democrático occidente. Aos gobernos occidentais non lles preocupa para nada a situación dos dereitos humanos no Oriente Medio, pois de ser así tiveron oportunidades dabondo para modificar situacións en países "amigos" como Arabia Saudí, os Emiratos Árabes ou Israel, e lembremos que nestes días cúmprese o primeiro cabodano da última grande matanza de palestinos cometida por Israel con máis de 1400 vítimas. O que verdadeiramente preocupa de Irán, país que posúe a segunda reserva máis importante do planeta de gas e petróleo, aos Estados Unidos e aos seus aliados é o empeño do seu presidente en levar adiante unha política independente non deixándose condicionar polas presións externas, destacando nesa política un programa nuclear propio que segundo manifesta o propio Ahmadineyad ten un obxectivo pacífico, manifestación que até hoxe foron incapaces de desmentir con probas as axencias de expionaxe estadounidenses e os técnicos internacionais que repetidas veces visitaron o país; curiosamente nin uns nin outros abren a boca contra a realidade constatábel da existencia de armas nucleares no veciño Israel. Xunto co programa nuclear destaca a importante actividade comercial e diplomática a nivel internacional, liderada polo presidente iraniano nos últimos anos co obxectivo de crear un contrapeso plural alternativo á hexemonía dos Estados Unidos e dos seus intereses. Por iso o que preocupa en occidente non é que as mulleres estean discriminadas na república dos Ajatolahs, ao igual que non lles procupa a situación de cidadás de segunda que teñen en Kuwait ou Pakistán; o verdadeiramente preocupante para os seus intereses é esa actividade internacional que leva ao Irán a asinar convenios con Brasil, China, Rusia ou Venezuela, dado que iso bota por terra o de que Ahmadineyad é o demo. Contan que o presidente Delano Roosevelt nunha ocasión para referirse ao primeiro ditador nicaraguano da saga dos Somoza empregou as seguintes palabras "sí, é un fillo de puta, pero é O NOSO fillo de puta"; e semella que ese grande presidente estadounidense creou escola porque as eleccións do 12 de xuño do pasado ano en Irán non foron moi diferentes ás do 29 de novembro en Honduras en canto a garantías democráticas, pero mentres que na pequena república centroamericana gañou quen tiña que gañar, é decir, "un dos nosos" na antiga persia voltou gañar quen non debía, é decir "un que quere ir por libre". Mentres que da situación en Honduras cada vez se fala menos a represión do rexime iraní e a falla de democracia neses país neste 2010 que vimos de empezar vai ser unha constante nos medios de comunicación; e se fai falla algúns repetirán o que fixo hai uns días un informativo da cadea de televisión francesa France 2 que empregou imaxes da represión dos golpistas contra o pobo hondureño para ilustrar a represión en Irán.

 Posted by at 19:26