Out 092009
 

Olla meu irmao honrado
o que acontece con Daniel:
os que o tiñan desterrado
agora falan ben del.

O palurdo de alma lerda
O tendeiro desertor,
O vinculeiro da merda
disfrazado de señor.

O lurdo carca refrito
o monifate de entroido
o aprendiz de señorito,
marqués de quero e non poido.

O badoco endomingado,
o franquista pousafol,
o forricas desleigado,
o pequeño burgués mol.

O devoto do onanismo,
o feligrés de pesebre,
o tolleito de cinismo,
o que dá gato por lebre.

O rateiro do peirao,
o refugallo incivil,
válense de Castelao
pra esconder a caste vil.

Escoita puto nefando,
criado na servidume
non pasará o contrabando
dise teu noxento estrume.

Grotesco escriba sandéu,
inxertado nun raposo.
Castelao nunca foi teu,
porque Castelao é noso.

I anque a ti che importa un pito,
sabrás que é cousa sabida,
que estás incurso en delito
de apropiación indebida.

Celso Emilio Ferreiro (1975) Cantigas de Escarño e Maldecir in Obra completa II (Madrid: Akal editor)

Miro Casabella
Luar Na Lubre

 Posted by at 18:11