Feb 192011
 

No xardín unha noite sentada
ó refrexo do branco luar,
unha nena choraba sin trégolas
os desdéns dun ingrato galán.
I a coitada entre queixas decía:
“Xa no mundo non teño a ninguén,
vou morrer e non ven os meus ollos
os olliños do meu doce ben”.

Os seus ecos de malenconía
camiñaban na alas do vento,
_ _ _ i o lamento
_ _ _ repetía:
“Vou morrer e non ven ó meu ben!”

Lonxe dela, de pé sobre a popa
dun aleve negreiro vapor,
emigrado, camiño de América
vai o probe, infelís amador.

I ó mirar as xentís anduriñas
cara a terra que deixa cruzar:
“Quen pudera dar volta _pensaba_,
quen pudera convosco voar!…”

Mais as aves i o buque fuxían
sin ouír seus amargos lamentos;
_ _ _ sólo os ventos
_ _ _ repetían:
“¡Quen pudera convosco voar!”

Noites craras, de aromas e lúa,
desde entón ¡que tristeza en vós hai
prós que viron chorar unha nena,
prós que viron un barco marchar!…

Dun amor celestial, verdadeiro,
quedou sólo, de bágoas a proba,
_ _ _ unha cova
_ _ _ nun outeiro
i on cadavre no fondo do mar.

Curros Enríquez, Manuel (1992): Poesía galega completa. (Vigo: Ed. Galaxia)

Rosa Cedrón e Cristina Pato nova pestana ou xanela(2010)

Uxía nova pesta ou xanela(2008)

Maite Dono nova pestana ou xanela (2001)

Los Tamara (1991) Voz, Pucho Boedo.

 Posted by at 13:00
Nov 062009
 

¿Como foi?… —Eu topábame fora
cando as negras vixigas lle deron;
polo aramio súa nai avisoume
i eu vinme correndo.

¡Coitadiño! Sintindo os meus pasos,
revolveu cara a min os seus ollos.
Non me viu… e chorou… ¡ai!, xa os tiña
ceguiños de todo.

Non me acordo que tempo me estiven
sobre o berce de dor debruzado;
sólo sei que me erguín co meu neno
sin vida nos brazos…

Volvoreta de aliñas douradas
que te pousas no berce valeiro,
pois por el me perguntas, xa sabes
qué foi do meu neno.

Curros Enríquez, Manuel (1992): Poesía galega completa. (Vigo: Ed. Galaxia)

Meiga do Norte

 Posted by at 21:26
Xuñ 122009
 

Ten a serena o canto
i a serpe o alento;
o lago ten a onda,
Dios ten o inferno.
Ti tes de abondo
co que tes escondido
neses teus ollos.

O trono dos monarcas,
do sabio os trunfos,
a groria do poeta,
o ouro do mundo:
Dera eso todo
por sólo unha mirada
deses teus ollos.

Buscan os pitorreises
pra faguer niño,
a herba santa que nace
veira dos ríos.
Eu busco sólo
unha mirada meiga
deses teus ollos.

Cando se pon a lúa
tras dos penedos,
choran as estreliñas
todas do ceo.
Tamén eu choro
cando non me alumean
eses teus ollos.

Curros Enríquez, Manuel (1992). Poesía galega completa. Vigo: Ed. Galaxia

Versión de María do Ceo

 Posted by at 18:57
Mai 292009
 

Do mar pola orela
mireina pasar,
na frente unha estrela,
no bico un cantar.
E vina tan soia
na noite sin fin,
¡que inda recei pola probe da tola
eu, que non teño quen rece por min!

A musa dos pobos
que vin pasar eu,
comesta dos lobos,
comesta se veu…
Os ósos son dela
que vades gardar.
¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai, dos que levan no bico un cantar!

Curros Enríquez, Manuel (1992). Poesía galega completa. Vigo: Ed. Galaxia

Xoán Rubia

 Posted by at 20:53
Set 212007
 

Aquí vén o maio
de frores cuberto…
puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sónvo-lo probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
¡pra min sempre é inverno!…

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá entonces
o maio que eu quero.

¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros?…
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos:
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

Curros Enríquez, Manuel (1996) Aires da miña terra (Vigo: AS-PG)

Luís Emilio Batallán

 Posted by at 19:34