Nov 162007
 

¿Como hei vivir mañá sen a luz túa?

Case morto vivín sen coñecerte
aló na chaira seca por absurdas rúas
onde ninguén me soupo dar mornura.
Foi soedade desconforme adentro
e a semente a caír en terra dura.

¿Como hei vivir mañá sen a luz túa?

Erguinme e vinte ó regresar á terra
como se fora todo aquelo un soño
pesado e ti xa foras sempre miña.
Foi outra vez materno en aloumiño
o bico teu na lingua.
E foi de novo corazón adentro
comprender a existencia e a dozura.

¿Como hei vivir mañá sen a luz túa?

Pero hoxe mesmo o día abriu en medo
entrou na fiestra un sol extraño inmenso
e deixáchesme o leito en mantas frías.
Está a volver agora corazón adentro
a soedade o podre a agonía
a me pinchar as cousas en millóns de pugas
cada minuto en séculos de agullas.

¿Como hei vivir mañá sen a luz túa?

Graña, Bernardino (1980), Se o noso amor e os peixes… (Vigo: Edicións Xerais)

Suso Vaamonde

 Posted by at 14:14