Oda os mariñeiros de Cangas. Bernardino Graña.

ODA OS MARIÑEIROS DE CANGAS

Polo escuro do mar que vos contruba
ainda hai peixes de lus nos seus abrigos,
mariñeiros de Cangas, meus amigos,
meus irmáns de salitre e sol e chuva.

Solte a ría un exército de naves,
mariñeiros de Cangas, traede as liñas,
que, anunciando o fumazo das sardiñas
polos cons e cabezos cantan aves.

Polas ondas sin muros e sin diques,
polo lombo do Atlántico azulado,
brinca e bufa o arruás todo apurado
perseguindo os banitos i os alcriques.

Máis alá de Sobrido ti me guíes,
mariñeiro de Cangas, ti me leves
pra ver os espumallos i os percebos
e mirar dende a popa as illas Cies.

Máis alá do Cabalo e Cabo de Home
da Negra e deses baixos de Biduído,
mariñeiro de Cangas, vas perdido
e o mar é un gran misterio que te come.

Coma horribles fantasmas aparecen
dende o fondo, xurdindo, nos sorríos,
estranas ardentias e navios
e tristes afogados que amolecen.

Pero rompe, que podes, contra o medo,
dalle avante con forza, anque che doa,
contra noites e néboas, pon a proa,
mariñeiro de Cangas, e ven cedo.

Ven loguiño a vender o peixe a Vigo
e trae unha canción do son dos mares
pra beber e cantar xuntos nos bares
mariñeiro de Cangas, meu amigo.

Graña, B. (1966), Profecía do mar.

Varalonga

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *