Mariñeiros de Viveiro. Bernardino Graña.
Mariñeiros de Viveiro,
Fisterra, Caión, Malpica,
Pontevedra, Arousa, Vigo,
A Coruña, Noia, Muxía,
pescadores e peixeiras,
mariscadoras das rías,
¿de quen son os areeiros
e os cons e faros e illas?
¿De quen son brisas e gaivotas,
a escuma que vos salpica,
as ondas fortes trullando
e acobexando as sardiñas?
¿De quen o verdello e a area,
os laños, as ardentías,
e as nécoras e centolas
e rodaballos e minchas,
senón do que no seu rostro
xente do mar xerfa e tinta,
quen fere as mans nos mariscos
en remos, sales, espiñas,
pugas, maromas ou lemes,
quen se molla na auga fría
coida nasas, barcos, pesca
con redes, con liña ou fisga
e pasa noites ó axexo,
con calma ou con maruxía,
quen mira a morte ben preto
nas galernas da invernía?
Dicídeme de quen son
praia, areas, augas, ría…
Graña, B., (1975), Non vexo Vigo nin Cangas.