Set 112020
 

Luz de setembro, 

sempre nun ritornello adolescente 

(novo do trinque o mundo 

nun planeta vello ). 

Luz baixo as perfebas de novembro, 

Ofelia adormecida na ribeira. 

Lagoa de cristal no ceu de Advento. 

Luz silenciosa 

pulando da raíz até os paxaros, 

inventando o verdor, 

criando marzo 

nas entrañas do tempo. 

Luz pura do verán: 

país da infancia.

Pallarés, Pilar (2020), Proxecto colectivo Palabras de luz

Coro Cantabile

Set 042020
 

III

COMPANHEIRO
Deixa-me dizer-te.
Dizer-te, não falar-te.
Dizer-te por bandeira nas gaitas do alvorar.Se despontam as luzes, levaremos o mundo.
Os tempos são chegados,
e os sonhos por sonhar têm beira sem porta
e portos a abeirar.Deixa-me cantar-te.
Cantar-te, não chorar-te.
Cantar-te em voz de monte na terra do sol-pôr.

Pisaremos moedas, semearemos filhos,
renovaremos nomes na barca do amanhã.
Dir-te-ei na ilha, então, de ilhas errantes,
entre os passos a força, e um mundo por nascer.
Labrega, hei soterrar capitais como abono
e cultivar o amor, sem indústria, nem modos.
Deixa-me dizer-te, no teu nome de lar.

Aldrei, I. (2012) Sétimo andar (obra colectiva)

Miguel Alonso

Ago 032020
 

Dona Parrula, vestiu un día
Traxe de gala, ¡que guapa ía¡
Zapato de raso, sombreiro de plumas
Aneis e colares, perfumes, pinturas


Dona Parrula, foi invitada
Polo Rei Gnomo, dono da fraga
Dona Parrula vai de raíña,
Nunha carroza, de cabaciña


¡que ritmos, que valses, que polcas bailaba
Co seu meriñaque de puntilla branca¡
¡Que ritmos que valses, que polcas bailou
Cos seus zapatiños de alto tacón!


Dona Parrula, vestiu un día
Traxe de gala, ¡que guapa ía¡
Dona Parrula, danza e non para
Diante dos gnomos, elfos e fadas

Villar Janeiro, H. (1999), A campá da Lúa.

Santiago Ferragud

Xul 102020
 

Rompa se ten que romper

que non chegue esta mañá

co seu hábito dourado

murmurando sobre a noite

que olvidar é obrigado

na rúa onde nos buscamos

que non entre a alba descalza

tan serena e desvelada

con maneira de fantasma

que nunca lle esquenza ao día

que naceu da madrugada

rompa se ten que romper

non creas no espreguizarse

da vida cotiá que canta

con palabras sibilantes

en linguas que nos sinalan

envexan o silencioso

manto que a noite nos presta

tan escuro e necesario

para arder lume e estrela

se canto máis anda o sol

deita sombras máis profundas rompa o que ten que romper

e se nos fascina o seixo

que se estende nos camiños

é por lle saír o brillo

das mil dores que o puliron

e xa que o meu corazón

non sabe de andar dereito

non se laia do pasado

nin se arrepinte do feito

para que seguir os rastros

das que nunca se arriscaron

rompa se ten que romper

o noso breve alampar

como fogo de artificio

bordaba no terciopelo

da noite centos de bicos

estrelaba en mil anacos

punzantes de porcelana

os enganos que nos atan

ouro e prata, logro e fama

quen había lamentar

ter ardido nesta chama?

rompa o que ten que romper

Lado, María, Poema incluído na obra colectiva Palabras de luz

Coro Cantábile

Mai 022020
 

Bailemos as rúas
ata desaparecer
no ventre sonoro da noite,
onde exércitos de lucecús
acenden con cóxegas as estrelas.
Bebamos as fronteiras da realidade,
brindado co infinito
pola harmonía musical das nosas almas.
Porque o teu camiñar marca o ritmo do mundo
con brincos de danza á deriva.
Sinte!
Sinte que sentes.
A vida,
a liberdade ós teus pés,
bolboretas borrachas no corpo,
cores imposibles,
primavera baixo o peito.
ti e eu bailando as rúas;
ata desaparecer.

Fernández Rial, R., (2016), Sacar a bailar

A banda da Loba

Abr 212020
 

I. HAI UNHA VOZ
Hai unha voz
no tempo de Galicia
Hai unha voz sen verbas
que todos escoitamos no silencio
Lembrando nomes pra que naza o millo

Chámase morte ou mágoa
Xuramento de anguria
Soidade
Pensamento de pedra
Chámase berro e fonte
e desarrimo

Chámase olvido
E chámase arelanza
Ou vida ou liberdade ou compaña dos nosos
Chámase soño ou morte
lar
saudade

Chámase choiva que lourea os froitos

Hai unha voz
Chámase Rosalía
Sete letras de laio
Saudade
dunha fala ferida

Esperanza dun mundo
que inda fica nun berro
de liberdade
Hai unha voz
A súa
Benzoada

II. CANTIGA FUNERAL DE PADRÓN
Campanas de Bastabales
tocade por Rosalía
Tocade

Xa non chove miudiño
Xa non choven orballadas
Choven negras soidades
Chorade por Rosalía
Chorade

Que vai de dolor ferida
por un agoiro de mágoas
Sen arrimo. Sen adaxe
Soade

Xa non madurece o millo
pola beira de Lestrove
Hai feridas sen idade
Chorade

Que vai unha sombra negra
pola banda de Laíño
chamando por Rosalía
Tocade

Velaivai a negra sombra
no cemiterio de Adina
asombrando a Rosalía
Pregade

III. BENZOADA
Benzoados os tempos
do infortunio
que fixeron posible esa voz silandeira
Rosalía

Benzoadas
todas as nordesías
que asulagan
teus salaios de acibro

Benzoada sexa
a túa orfandade
que nos fire a todos
entrañablemente

Benzoada a fontela de anceios de morte
que asulagou
o teu vivir
a carón da meirande das mágoas

Benzoados os espacios e os tempos
as dúas coordenadas
que te crucificaron
con cravos de ferro ou de amor

Rosalía
Benzoada sexas pola túa voz

Pozo Garza, Luz

Desde a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e desde o equipo que conforma Son de Poetas queremos dedicarlle esta entrada á poeta e académica Luz Pozo Garza, falecida recentemente.

O día 21 de xullo de 2017, a Real Academia Galega organizou unha homenaxe á autora. Con este motivo, o compositor Gabriel Bussi adaptou tres dos seus textos dedicados a Rosalía A interpretación correu a cargo da soprano Patricia Rodríguez Rico, acompañada do Quinteto Cimarrón.

O profesor Gabriel Bussi compartiu connosco a gravación daquel acto que agora vos ofrecemos.

Listen to “Luz Pozo Graza, 3 poemas a Rosalía. Adpt. G. Bussi, quintto cordas Cimarrón, Pat. Rdz. Rizo soprano. RAG, A Coruña 21-07-2017” on Spreaker.

Concerto

Abr 202020
 

Naquela cidade
onde unha rapaza escribía un diario secreto
na noite
mentres o soño desvalido semellaba finxir
silencios compartidos
nesa vella cidade do norte
o primeiro poema de amor flutuaba
coma un blues nostálxico na noite.


Só quería saber
por qué as cordas permanecen vibrando coma labios
e qué queda do diario secreto
na noite desvalida.

Querería saber daquel río esvaído do soño
tal unha despedida sen retorno,
do silencio curvado nunha praza deserta e antiga.
¿Onde vai o primeiro poema de amor

a materia sonora dun blues fuxidío
a inocencia primeira?

Pozo Garza, Luz, (1986), Códice Calixtino.

Versión de Gelria

Abr 202020
 

Ondas do mar de Viveiro
o hourizonte está valeiro
sin amigo.

O hourizonte está pechado
meu amigo foi levado
meu amigo

A terra perdeu o vento
Eu perdín o meu contento
sin amigo

I o ar quedouse delgado
Sin os paxaro lembrado
meu amigo.

Ondas do mar do meu peito
afeito a ti, ben afeito,
meu amigo.

Ondas que ven ferir
ollade si vedes vir
meu amigo!

Ondas para me eu morrer,
si podérades traguer
meu amigo

As ondas lentas do mar levado
beixan a pedra no seu noivado.

Luz Pozo Garza, 1955

Versión de Suso Vaamonde

Mar 132020
 

Foi nas Illas Lobeiras co mar por testemuña

do amor louco no entorno dun mínimo deserto

que escoitamos na noite cantos de desconcerto

a ecoar lonxe na serra, nos penedos da Ruña.

E fumos temerosos dun medo que rabuña

interrompendo os beixos coa dúbida do incerto

de coñecer se a lenda puidese ter de certo

que os lobos descenderan como a xente supuña.

E na nosa incerteza non tivemos de conta

da fronteira das augas para coutar o medo

protexidos por ondas e cons de afiado gume.

Mais a nosa cegueira mudou logo en luz pronta

descubrindo que os urros proviñan do rochedo

no que faro Cee ronxe para as naos dende o cume.

Villar, Miro (1992), Ausencias pretéritas. (Espiral Maior: A Coruña)

Nacho Mora en Youtube