A árbore da cegueira. Baldo Ramos.

para Aldara e Mateo,
que aprenden na música os segredos doutra luz.


I
entrou na codia da luz.
ulía a esperanza a viño agreado.
escoitou tras das paredes ferver a mercromina.
o aire estreaba os corredores da unción.
detivo o paso.
a música derretida nas bisagras
impediu abrir a caixa do recordo.
mirou por riba dos ombros.
ardía a cidade na súa ollada.
detivo o paso novamente.
recoñeceu na curva da evocación
os labios que pecharan os armarios,
o vidro do poema
licuado no absurdo.
fíxose a pregunta de a quen
ou para que escribir.
e o día rematou como empezara.
II
estendín os dedos ata dar co oco do ouveo,
coa fractura da linguaxe.
nun intre esvaradío
o equilibrio vadeou o seu corpo,
vixiou a floración das coitelas
e desexou o perfil da penetración.
descompuxo a paisaxe en tintas de cores
e esluíu o trazo na brancura.
a súa pel retivo a humidade das palabras.
transpiraba o seme manancial dos metais.
esfollou o abrocho
ata cifrar os hexámetros da semente.
as súas coxas tremían coa destilación da tarde.
e no centro da luz
os seus labios resignados
lambían a cegueira.

Ramos, Baldo.

Cantabile

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *