Magnitude aparente. Lucía Cernadas.
Será que comunguei de ti
a presas colmadas de biscoito
arredor da primeira candea.
Que te vestín de silencios tortos
nun caderno grande de máis
con constancia total de queimadura.
Será que diluín entre os dentes
cada agosto
a tinta que pousaches
na pel das ameixas.
Que te peiteei entre as pestanas
na molicie
igual que ti peiteas as mazás
(pequenas güiras outonizas).
Será que te coidei perfecta
en cada fotograma de infancia.
Ha de ser por iso
que agora,
cando fago do meu corpo un manifesto,
me outorgas a delicia
de positivarme
e desde o espello me devolves
un ollar que me suxeita.
Cernadas, Lucía.