En que momento. Celso Fernández Sanmartín.
En que momento a luz non é
nen moita nen pouca
En que momento a auga
bebe unha luz e desprende un reflexo
En que momento
se nos vai a vida da luz dos ollos
En que momento os reptís e anfibios
se botan ó sol e quedan parados de sol
En que momento
as praias se enchen de veraneantes
En que momento a neve mailo sol
se tratan de igual a igual
En que momento están tan limpos os cristais
que non sabes se os tes ou se non
Por que o vento queda fóra dos cristais
e o sol entra
En que momento me deches a mau pola noite
e ma retiraches polo día
En que momento subín tan alto
que para ver tiven que mirar atrás
En que momento prefires a luz do día na pantalla
que a luz do día
En que momento as nubes tapan
coma cardumes de peixes
En que momento non queda sol ningún
e empeza a noite de verdá
En que momento dicir Luz dos meus ollos
pasou da metáfora á carne
En que momento unha chispa prendeu lume
e a castaña que se asa non a pode ver
En que momento hai que dar as grazas
pola luz coma por un anaco de piña
En que momento a luz do sol é piña
e a luz da lúa coco
En que momento pecho a porta
pero a cortina deixaa pasar, a luz
En que momento a luz
é luz para a vida dúas ou tres veces seguidas
A luz é a sorte
a noite é a sorte
Fernández Sanmartín, C.