Sempre mar. Bernardino Graña.
Un mar sen terra vive en viva alfombra
para correr, voar sen pé nin leme,
pois mar ceibe e fantástico se teme
e desatarse pode en golpe ou sombra.
Un mar cheo de mar vén contra as moas
da boca da paixón que rilla e sulca,
e unha extensión medoña faise esculca
do infindo e dos espacios ante as proas.
Están listas as naves. Ti, enemigo,
tan largo mar, contemplas e arrodeas,
e eres lingua que bate e chega ás veas,
e eres sala de calma e de perigo.
Azul, verde, ferrento, igual, distinto.
Un soturno caimán, un gato rexo
con escamas e poutas en axexo.
Un salgado e ben mesto viño tinto.
Unha chaira sen muros nin cancelas.
Un ollo aberto pra engulir profundo
as formigas, os homes, todo o mundo,
incluíndo os luares e as estrelas.
Un mar pra andar perdido e achar o tino
como noite continua ou pesadelo
onde o corpo ten de ir espido, inxelo.
Principio e fin das cousas, mar divino.
Graña, B. (1995), Profecía do mar.