Nouturnio. Curros Enríquez.
Da aldea lexana fumegan as tellas;
detrás dos petoutos vai póndose o sol;
retornan prós eidos coa noite as ovellas
tiscando nas beiras o céspede mol.
Un vello, arrimado nun pau de sanguiño,
o monte atravesa de cara ó piñar.
Vai canso; unha pedra topou no camiño
e nela sentouse pra folgos tomar.
-¡Ai! –dixo-, ¡que triste!
¡que triste eu estou!
I on sapo, que oía,
repuxo: -¡Cro, cro!
¡As ánemas tocan!… Tal noite como esta
queimóuseme a casa, morreume a muller;
ardeume a xugada na corte, i a besta,
na terra a semente botouse a perder.
Vendín prós trabucos bacelos e horas
e vou polo mundo de entón a pedir;
mais cando non topo pechadas as portas
os cans sáienme a elas e fanme fuxir.
-Canta, sapo, canta;
ti i eu ¡somos dous!…
I o sapo, choroso,
cantaba: -¡Cro, cro!
Soliños estamos entrambos na terra,
mais nela un buraco ti alcontras i eu non;
a ti non te morden os ventos da serra,
i a min as entranas i os ósos me ron.
Ti, nado nos montes, nos montes esperas,
decote cantando, teu térmeno ver;
eu, nado entre os homes, dormendo entre as feras,
e morte non acho, si quero morrer.
-Xa tocan… Recemos
que dicen q’ hay Dios!…
El reza y-o sapo
cantaba:—¡Cró, cró!
A noite cerraba, y-o rayo d’a lua
n’as lívidas cumes comenza á brilar;
curisco que tolle n ‘os álbores brua
y-escóitase ó lexos o lobo ouvear.
O probe d’o vello, c’os anos cangado,
erguéuse d’a pedra y-o pau recadou;
viróu par’os ceos o puño pechado
e car’ ós touzáles rosmando marchóu…
C’os ollos seguíndo-o
n’a escura extensión,
o sapo quedóuse
cantando:—¡Cró, cró!
Curros Enríquez, M., (1880) Aires da miña terra.