Lúa de prata. María Victoria Moreno Márquez.

Neste amencer de pombas indecisas
conversarei coas fontes
onde beben pesares cristalinos
as sombras que se axitan pola noite.
Esa lúa de prata
atopou o tesouro
que eu perdera na auga.

No laio dos farois agonizantes
evocarei os nomes
que acenderon lucernas balbucintes
nas fragas mestas onde os medos dormen.
Esa lúa de prata
atopou o tesouro
que eu perdera na auga.

Neste tremor de chumbo e de diamante
serei luz que se esconde
no ardor aceso que xerou os días
ou na xerfa esfiañada en surtidores.
Esa lúa de prata
atopou o tesouro
que eu pedera na auga.

No rubor das estrelas acaladas
achegareime á morte,
sentirei o feitizo dos seus ollos,
e o seu bico na fronte.

Moreno Márzquez, M. V. (2006), Elexías de luz

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *