Rompa se ten que romper. María Lado

Rompa se ten que romper

que non chegue esta mañá

co seu hábito dourado

murmurando sobre a noite

que olvidar é obrigado

na rúa onde nos buscamos

que non entre a alba descalza

tan serena e desvelada

con maneira de fantasma

que nunca lle esquenza ao día

que naceu da madrugada

rompa se ten que romper

non creas no espreguizarse

da vida cotiá que canta

con palabras sibilantes

en linguas que nos sinalan

envexan o silencioso

manto que a noite nos presta

tan escuro e necesario

para arder lume e estrela

se canto máis anda o sol

deita sombras máis profundas rompa o que ten que romper

e se nos fascina o seixo

que se estende nos camiños

é por lle saír o brillo

das mil dores que o puliron

e xa que o meu corazón

non sabe de andar dereito

non se laia do pasado

nin se arrepinte do feito

para que seguir os rastros

das que nunca se arriscaron

rompa se ten que romper

o noso breve alampar

como fogo de artificio

bordaba no terciopelo

da noite centos de bicos

estrelaba en mil anacos

punzantes de porcelana

os enganos que nos atan

ouro e prata, logro e fama

quen había lamentar

ter ardido nesta chama?

rompa o que ten que romper

Lado, María, Poema incluído na obra colectiva Palabras de luz

Coro Cantábile

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *