Son un pasmón. Celso Emilio Ferreiro.

Son un pasmón
peatón
con opinión,
dicindo a verdade núa
pola rúa.
Nunca fun usuario
de automóbil suntuario
nin tampouco utilitario.
Camiño a pé
e por iso é polo que
vexo o mundo tal cal é.
Sei da cobiza burguesa
e do furor proletario.
O pan gárdase na artesa
e a fame ronda a diario.
Ando sen présa,
nada altera o meu horario,
nin couta o meu comentario.
Non teño medo
do que o tempo traguerá,
porque sei que tarde ou cedo
o que ha de vir chegará.
Horaboa ou horamá?
¡Tanto me dá!
Ogallá
me colla vivo a noticia.
¡Que gran ledicia
ver chegar o que virá!
Para o gran suceso,
xa está aceso
acolá moi lonxe, un lume
que no mundo prenderá
e queimará
a fedenta podredume.

Camiño a pé
e por iso é polo que
vexo o mundo tal cal é.

Ferreiro, C. E. (1962), Longa noite de pedra.

Labregos do tempo dos sputniks

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *