Highway to Heaven. Yolanda Castaño.

Highway To Heaven (in Galician)

I.

Na autoestrada quedan marcas de curvas imposibles,

liñas vacilantes que acaban directas contra a mediana.

Cómo quedaría a miña beleza de espiga

tronzada e sangrante contra o cristal do parabrisas,

e cál sería o estado exacto dos meus peitos

que xa non caerían

nunca máis?

II.

Cápsula de só.

Entre isto    e nada    un minúsculo movemento.

Un descoido, unha parva regandixa de azar e o

sonrosado peso dos meus

ósos contra a

cuneta.

Unha volvoreta de frío atravesa o paso,

os meus ollos quedan prendidos do seu salto e

teño sorte.

Un dous, un dous, un

dous.

III.

Se neste preciso intre

cruzase polo meu carril o máis ínfimo malfado

e a miña moza fortuna saltase polos aires,

ninguén vería nada de

turbio ou sospeitoso

na rutilante beleza

do meu cadaver sobre o arcén.

IV.

A autoestrada de noite parece un videoxogo.

O negror máis opaco non me trabuca.

Coma unha intermitencia,

a miña xuventude unha liña de cocaína que ás veces

se torce.

Detrás da miña órbita excítanse os volantes.

E acelero tan rápido

como a este verso se lle vai a vida.

Castaño, Yolanda (2009), Profundidade de campo

Chicharrón

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *