Díxome nantronte o cura. Rosalía de Castro.

Díxome nantronte o cura
que é pecado…
Máis aquel de tal fondura
¿como o facer desbotado?

Dálle que dálle ó argadelo,
noite e día,
e pensa e pensa naquelo,
porfía que te porfía…

Sempre malla que te malla,
enchendo a cunca,
porque o que o diancre traballa
din que acaba tarde ou nunca.

Canto máis digo: “¡Arrenegado!
¡Demo fóra!”,
máis o demo endemoncrado,
me atenta dempois i agora.

Máis ansias teño, máis sinto,
¡rematada!,
que non me queira Jacinto
nin solteira nin casada.

Porque deste ou de outro modo,
a verdá digo,
quixeira atentalo e todo,
como me atenta o enemigo.

¡Que é pecado…, miña almiña!
Mais que sea,
¿Cal non vai, si é rapaciña,
buscando o que ben desea?

Nin podo atopar feitura,
nin asento,
que me está dando amargura
sempre este mal pensamento.

Din que parés lagarteiro
desprumado,
si é verdá, ¡meu lagarteiro
tenme o corasón prendado!

“Cara de pote fendido”
ten de alcume;
mellor que descolorido
quéroo tostado do lume.

Si elas cal eu te miraran,
meu amore,
nin toliña me chamaran,
nin ti me fixeras dore.

Vino unha mañán de orballo,
á mañecida,
durmindo ó pé dun carballo,
enriba da herba mollida.

Arrimeirme paseniño
á súa beira,
e sospiraba mainiño
coma brisa mareeira.

E tiña a boca entreaberta,
como un neno
que mirando ó ceu esperta
deitadiño antre o centeno.

I as guedellas enrisadas
lle caían,
cal ovellas en manadas,
sobre as froliñas que abrían.

¡Meu Dios! ¡Quen froliña fora
das daquelas…!
¡Quen as herbas que en tal hora
o tiñan pretiño delas!

¡Quen xiada, quen orballo
que o mollou!
¡Quen aquel mesmo carballo
que cas ponlas o abrigou!

Mentras que así o contempraba,
rebuleu;
e pensei que me afogaba
o corazón meu.

Bate que bate, batía
sin parar;
mais eu tembrando decía:
“Agora lle hei de falar”.

E volveu a rebullir
moi paseniño
¡Ai”, e botei a fuxir,
lixeira polo camiño.

Dempois, chora que te chora,
avergonzada,
dixen: “Si el non me namora,
non lle direi nunca nada”.

E non me namora, non,
¡maldizoado!
Mentras o meu corasón
quérelle anque sea pecado.

E vai tras de outras mociñas
tan contento,
i eu con unhas cadiñas
prendino ó meu pensamento.

E que queira que non queira,
está comigo,
i á postre i á derradeira,
con el me atenta o enemigo.

¡Sempre malla que te malla
enchendo a cunca!
I é que o que o demo traballa,
acabará tarde ou nunca.

Por eso, anque o cura dixo
que é pecado,
mal que tanto mal me fixo
nunca o darei desbotado.

Castro, R. de, (1863), Cantares Gallegos.

Xardín Desordenado

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *