Camiño da serra. Florencio Delgado Gurriarán.

Camiño da serra busca o meu amor
a bela pastora que me enfeitizou.

Vén cheo de arumes
o vento da serra;
entre os carpaceiros
fungan as abellas;
o chiar dos gaios
resoa nas penas.

Camiño da serra busco os aloumiños
da lanzal pastora que me da agarimo.

Leda fonteliña
limpas augas deita;
antre as irtas uces
nascen as muleiras;
o censoli, anda
a enfeital as pedras.

A bela pastora que me enfeitizou
acheina coa avenza entre uces en fror.

Nunha campoliña
pascen as ovellas,
margaridas brancas,
herbiñas sinxelas.
O engado do monte
na i alma se adentra.

A lanzal pastora que me da agarimo
senlleira atopeina no aspro camiño,

E, miña pastora,
toda sinxeleza,
carrapucheiriña
leda, churrusqueira
E, miña pastora,
a deusa da serra.

Acheina coa avenza entre uces en fror.
todo foi lediza no meu corazón.

Lediza, lediza
no âr e na terra;
a bris, maina e tola,
faille a todo festas;
nas ponlas d’ un teixo
canta unha laberca.

Senlleira atopeina no aspro camiño
e os dous, nunha aperta, ficamos cinguidos

Seus tépedos brazos
fan doce cadea;
de amor esmorece
meu peito ao pe dela;
arelando un bico
duas bocas se achegan
O amor, satisfeito,
enche a esgrevia serra.

Delgado Gurriarán, F. , (1934), Bebedeira.

Anxo Rei





Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *