Miña Santa Margarida

      Miña Santa Margarida,
¿con quen te hei de comparare?
Coma ti non vin ningunha
nin na terra nin no mare.

      Coma ti, Santa bendita,
tan garrida e tan presiosa,
nin brilou ningunha estrela,
nin se abreu ningunha rosa.

      Nin luceiro, nin diamante,
nin luniña trasparente,
luz verteu máis cariñosa
que o teu rostro relucente.

      Nin as froles do xilmendro,
nin a rosa purpurina,
nin as neves da montaña,
nin fulgor da mañanciña;

      nin alegre sol dourado,
nin corrente de augua pura,
miña Santa Margarida,
che asemella en hermosura.

      ¿Con quen te hei de comparare,
miña Santa Margarida,
si ti foche ánxel de amore
polos anxes escollida?

      Sólo a Virxe é máis hermosa
que eres ti, bendita Santa,
i o teu rostro pelegrino
ó temido demo espanta.

      De ti vivo namorada,
en ti penso con fervore,
que eu ben sei que che contenta
este puro e santo amore.

      ¡Quen poidera…! ¡Quen poidera
xunta ti vivir segura,
manantial de mel derrama,
pura fonte de ternura!

      Onda ti, lonxe do mundo,
tan feliz me acobexara
que en jamais ó pracer vano
este meu mirar tornara.

      Que no monte onda ti moras
tan bon aire se respira,
que o que máis do mundo foxe
sólo alí por Dios suspira.

      Miña Santa Margarida,
miña Margarida santa,
tendes a casa no monte,
donde o paxariño canta.

Previous Post
Next Post
Comments are closed.