Naufraxio nas Sisargas. Lino Braxe.
O barco virou
Os náufragos apréstanse a un incendio de bandeiras,
entre sombras e trebóns
reconfórtanse para a eternidade
de tanta viaxe, lume e sol.
Retumban no ceo e os berros dos náufragos
como memoria das batallas perdidas
nalgún lugar dunha xeografía santa,
oculto baixo as illas,
que se decolora no sótano das penitencias.
Os náufragos enterran a súa nai
e evocn nese instante
unha soidade que corroe o abismo da planura,
e parece que se desdebuxa a razón
e veñen as paredes da casa da infancia
a alimentar as augas do temor.
Un globo cruza o ceo
como un Martes de Carnaval
e arroxa desde o seu cesto
peciñas de xadrez que os náufragos recoñecen.
As figuras teñen o rostro doutros mariñeiros mortos.
É o domingo de resurrección.
A morte non esquece.
Os náufragos dispóñense ao final
e procuran un bosque de luz
e tamén un pálido resplandor
de esgotamento mariño
que traia nas súas últimas horas
as olladas das mulleres que os amaron.