Comería a túa alma. Estíbaliz Espinosa.
Comería a túa alma
coma quen come un ovo
doce
novo
perfecto microcosmos no seu óvalo de nacre.
Pinga d´ouro
mandorla
comería a túa alma sen casca
a túa alma sen culleres
sen caducidade.
Eterno almorzo da nenez de aldea.
Sen saber e sen querer saber
as nigromancias da tersura
qué escuro demo agocha
nin milagreiro sabor
sen chegar a adiviñar sequera
qué foi antes:
a túa alma
ou a galiña.
Espinosa, E. , (2000), Pan (Libro de ler e de desler)