Toda Esa Enerxía Escura. Estíbaliz Espinosa.
Toda Esa Enerxía Escura
Ao outro lado desta fráxil frase
sei que respirarás ti.
Criatura de materia escura
pensada coa miña materia gris
Saes a camiñar baixo as lentes
da galaxia. Como unha princesa
de sombras chinescas
nunha peli de Lotte Reiniger.
E estás aí. O universo encollerá
para deixarche paso
e pensaba dicir algo
querería dicir algo
pero o teu negrísimo perfil
arribou antes ca min
ao final desta longa especie de verso.
Ao outro lado da palabra fin
explota o teu principio.
Camiñas como unha princesa
e se xiro o teu universo
neva. E neva. E neva. E neva.
Es a posibilidade de escoitarme.
Es a posibilidade que poboas.
Es a posibilidade de non saberme.
Es a silhouette dun teatro de sombras.
Estás a un paso de sentirme
concentras toda
esa enerxía escura.
Criatura futura.
A secreta forma humana
cantaruxando esta letra
nunha paisaxe calquera
dentro de moito, moito, moito.
Poema incluído no disco Alfaias (2008).