Tas-tis!, ¡Tas-tis!, na silenciosa noite

¡Tas-tis!, ¡Tas-tis!, na silenciosa noite
con siniestro compás repite a péndola,
mentras a frecha aguda,
marcando un i outro instante antre as tiniebras,
do relox sempre imóbil
recorre lentamente a limpa esfera.
Todo é negrura en baixo,
e só na altura inmensa,
só na anchura sin límites do ceo
con inquietú relumbra algunha estrela,
cal na cinza das grandes estivadas
brilan as charamuscas derradeiras.
I a péndola no-máis, xorda batendo
cal bate un corazón que hinchan as penas,
resoa pavorosa
na escuridade espesa.
En vano a vista con temor no escuro
sin parada vaguea.
Uns tras doutros instantes silenciosos
pasando van, e silenciosos chegan
outros detrás, na eternidá caendo
cal cai o grau na moedora pedra,
sin que o porvir velado ós mortais ollos
rompa as pesadas brétemas.
¡Que triste é a noite, i o relox que triste,
se inquieto o corpo i a concencia velan!
Next Post
Comments are closed.