Toponimia. Antón Cortizas.
Quero inventar un país clandestino
Que teña un nome que ninguén esqueza
Quero que sexa un país de beleza
Onde a carraxe non teña destino.
Nel construirei un muíño que teza
Fios de vento con brillos de lúa
Quero que teña unha longa rúa
Que dea nome á pequena grandeza
Quero unha costa con nome de estrela
Que mire ó mar con olladas de lume
Onde a tristura se ría e rezume
un silencioso mirar de doncela.
Voulle poñer un xentil corazón
no que rebenten latexos de amores
Quero que teña xanelas de flores
rúas alegres e algún corralón
Situareino a carón da ribeira
Acariñado por brisas amantes
Do manso mar subirán Navegantes
Ó manso mar baixarán cangrexeiras
Que alí por Maio se coza a maiola
Que alí por Maio froreza un cruceiro
Que alí por Maio a flor do bieiteiro
Encha de aromas alén da Marola.