Cabe das froles a nena

Cabe das froles a nena
canta alegre o seu cantar,
i é branca coma azucena,
pálida como o luar.
E onde a boquiña, un lunar
gracioso lle dou Dios, tan feito, tanto,
que é de todos o encanto.

Cor de luar.. ¡que cor lindo!,
uns ollos cal noite escura,
labios que falan sorrindo,
i aquel sinal... fermosura
máis no cabe en criatura
que a que Dios quixo darche, linda rosa,
doce, casta e preciosa.

Ser amada, ese é o teu sino,
amada cal n'outra houber,
e ¡que dichoso destino!
ser querida e ben querer.
Hei a ambición da muller
e o soio ben que buscan sin medida
nesta mísera vida.

Pero, nena alunarada,
¿Sabes o que o refrán di?
Que é en amores desdichada
a que un lunar tén así.
E tamén din que o eres ti,
a pesar das risadas dos teus labios
que non saben de agravios.

En bon hora, o en mal hora,
que nesto de enamorar,
tamén se mete a traidora
mala sorte a traballar.
E métese a enfeitizar
corazóns inocentes e almas puras
n'aféitas a amarguras.
.... .... .... .... .... .... .... .... .... .... .... ....
¡Ai da nena alunarada,
pálida como o luar!
Como canta o seu cantar
tan serena, e sin pensar
que a que lunares tén, fertuna esquiva
lle ha de ser mentras viva.

Alegre e dichosa canta
aquela linda canzón,
que trai á súa mente tanta
querida recordazón,
que asin e coma oración
que a ialma, triste, con amor marmura
pedindo a Dios ventura.

I ela non pensa, toliña,
e non maxina a coitada
que mal tras do amor camiña
e tén fertuna menguada
a que nase alunarada:
que a que tén un lunar tan primoroso
nunca terá reposo.

Tan soio te agardan penas,
linda rosa a do lunar,
as grandes tras das pequenas,
unha tras outra a chamar
á tua porta han de chegar;
que naide, tal é a forza do destino,
naide torce o seu sino.
Comments are closed.