¿QUE LLE DIGO?

                -Eu volvo pra a terra;
    á túa muller Antona, ¿que lle digo?
                -Pois pra non meter guerra,
    porque non veñan a petar conmigo,
    olvidarás que foches meu testigo.
    O demais…; boi á libertade adoito…
    Xa sabes o refrán, meu compañeiro:
            a libertá primeiro,
    e mellor que alá broa, é aquí bizcoito.
        -Máis val aquí, coma que di, solteiro,
            que casado e con fillos
    andar alá sudando aqueles millos…
            ¡Entendo, compañeiro!
        -Que como poida se goberne Antona,
            e anque dela me doio,
    como de lonxe nada sei nin oio…
    Quen non sabe nin ve… sempre perdona.
            Cando xa vello sea,
    tornarei cos meus ósos para a aldea,
    que algo lle hei de levar á terra nosa;
    mais mentras mozo son, non pode ser,
            porque si é por mullere,
    si é que Antona está alá, teño aquí a Rosa.
                -Esa che é a nai do año,
            bon Antón de Riaño,
            pero en verdad che digo
    que as mulleres son tóda-lo enemigo,
            e xa que esto así o sea,
            antre a nosa i a allea
            máis ou menos graciosa,
    pois…, muller por muller, val máis a nosa.
        -A nosa é a que nos quer e nós queremos,
            que si falta o cariño,
    coidando que unha pomba tes no niño,
    unha cróbega tes, filla dos demos.
        -Á cróbega a cabeza se lle esmaga,
            e coa súa vida paga.
            Mais de Antona a pacencia
    ¿con que lle paga, dime, a túa conciencia?
    ¿Que cura do seu dor a fonda llaga?
        -Déixate de concencias e delores,
            que non teñen lugare
    tratando de mulleres e de amores.
    Que ela vexa, se quer, de se curare;
    e cóntalle que cando eu o tiver,
    xa lle darei con que se precurare.
    I agora, ¡adiós, hastra que Dios quixere!

Comments are closed.