De soidás morríase

                De soidás morríase
    na vila, sospirando pola aldea;
    asombrábana as casas cos seus muros,
    e asombrábana as torres e as igrexas.

        As rúas enlousadas somellábanlle,
            sin verdor nin frescura,
            cimeterio onde os mortos
    fóra andaban das tristes sepulturas.

                I as comidas sabíanlle
    a fariña sin sal i a xaramagos,
            i as poucas que tocaba,
    en vez de darlle alento a iñan matando.

        Algunha vez chegaban hastra ela,
    non sei si en ilusión se de verdade,
            uns agrestes olidos
    de leixanas ribeiras e pinares.

        Íñase estonces a sentar nun alto,
    contempraba os estensos horizontes,
    e rompendo en sospiros que a afogaban,
    ronca escramaba saloucando: !¡Eu voume!”

        ¡E íñase a présa e sin remedio…! ¡Íñase
    ca tristeza mortal que a consumía!
            Íñase a probe Rosa,
            pero… ¡para a outra vida!

Previous Post
Comments are closed.