Dios bendiga todo, nena

Normal
0
21

        -Dios bendiga todo, nena;

rapaza, Dios che bendiga,

xa que te dou tan graciosa,

xa que te dou tan feitiña

que, anque andiven moitas vilas,

coma ti non vin ningunha

tan redonda e tan bonita.

¡Ben haia quen te pariu!

¡Ben haia, amén, quen te cría!

 

        -Dios vos garde, miña vella;

gárdevos Santa Mariña,

que, abofé, sós falangueira,

falangueira e ben cumprida.

 

        -Meniña, por ben falada

ningunha se perdería.

Cóllense entre os paxariños

aqueles que mellor trían.

Morre afogado antre as pallas

o pitiño que non chía.

 

        -Pois si vós foras pitiño,

dígovos, miña velliña,

que dese mal non morreras;

que chiar, ben chiarías.

 

       -¡Ai! ¡Que, si non, de min fora,

miña filla, miña filla!

Sin agarimo no mundo

desde que nasín orfiña,

de porta en porta pedindo

tiven que pasar a vida.

E cando a vida se pasa

cal vida de pelegrina,

que busca pelegrinando

o pan de tódolos días,

decote en lares alleos,

decote en estrañas vilas,

hai que deprender estonces,

por non morrer, coitadiña,

ó pé dun valo tumbada

e de todos esquencida,

o chío dos paxariños,

o recramo das pombiñas,

o ben falar que comprase,

a humildá mansa que obriga.

 

        -¡Moitos sabés, miña vella,

moito de sabiduría!

¡Quen poidera correr mundo

por ser como vós sabida!

Que anque traballos se pasen

aló polas lonxes vilas,

tamén ¡que cousas se saben!,

tamén ¡que cousas se miran!

 

      -Máis val que n’as mires nunca,

que estonces te perderías:

¡o que ó sol mirar percura

logo quedará sin vista!

 

        -Dirés verdá, miña vella,

mais craras son as vosas niñas

emprestouvos hastra agora

groriosa Santa Lucía.

 

        -Moita devosón lle teño,

¡miña santiña bendita!;

mais non sempre as niñas craras

son proba de craras vistas.

Moitas eu vin como a augua

que corre antre as penas frías

gorgorexando de paso,

sereniña, sereniña,

que antre tiniebras pousaban,

que antre tiniebras vivían,

nas tiniebras dos pecados

que son as máis escondidas.

 

        -Si de pecados falades,

é pan que onde queira espiga,

en tódalas partes crese,

en todas partes se cría;

mais uns son cor de veneno,

outros de sangre runxida,

outros, como a noite negros,

medran cas lurpias dañinas

que os paren entre ouro e seda,

arrolados pola envidia,

mantidos pola luxuria,

mimados pola cobiza.

 

        -"Quen ben está, ben estea."

Déixate estar, miña filla,

nin precures correr mundo,

nin tampouco lonxes vilas,

que o mundo dá malos pagos

a que lle dá prendas finas,

e nas vilas mal fixeras

que aquí facer non farías;

que, anque ese pan balorento

en todas partes espiga,

nunhas apoucado crese,

noutras medra que adimira.

 

        -Falás como un avogado,

e calquera pensaría

que deprendestes nos libros

tan váreas palabrerías,

todiñas tan ben faladas,

todiñas tan entendidas.

E tal medo me puñeches,

que xa de aquí non saíra

sin levar santos escritos

e medalliñas benditas

nun lado do meu xustillo,

xunto dunha negra figa,

que me librasen das meigas

e mais das lurpias dañinas.

 

        -Que te libren de ti mesma,

pídelle a Dios, rapariga,

que somos nós para nós

as lurpias máis enemigas.

Mais xa vén a noite vindo

co seu manto de estreliñas;

xa recolleron o gando

que pastaba na cortiña;

xa lonxe as campanas tocan,

tocan as Ave-Marías;

cada conexo ó seu tobo,

lixeiro, lixeiro tira,

que é mal compañeiro a noite

si a compañeiro se obriga.

Mas, ¡ai!, que un non teño tobo

nin burata conocida,

nin tellado que me cruba

dos ventos da noite fría.

¡Que vida a dos probes, nena!

¡Que vida! ¡Que amarga vida!

Mais Noso Señor foi probe.

¡Que esto de alivio nos sirva!

 

        -Amén, miña vella, amén;

mais, polas almas benditas,

hoxe dormirés nun leito

feito de palliña triga,

xunta do lar que vos quente

ca borraliña encendida,

e comerés un caldiño

con patacas e nabizas.

 

        -¡Bendito sea Dios, bendito!

¡Bendita a Virxe María,

que con tanto ben me acode

por unha man compasiva!

O Señor che dé fortuna

con moitos anos de vida.

¡Vólvanseche as tellas de ouro,

as pedras de prata fina,

e cada gran seu diamante

che se volva cada día!

I agora, miña rapaza,

porque un pouco te adivirtas

bailando cas compañeiras

que garulan na cociña,

heiche de contar historias,

heiche de cantar copriñas,

heiche de tocar as cunchas,

miña carrapucheiriña.

Comments are closed.