Cantan os galos pra o día

      -Cantan os galos pra o día;
érguete, meu ben, e vaite.
      -¿Como me hei de ir, queridiña;
como me hei de ir e deixarte?

      -Deses teus olliños negros
como doas relumbrantes,
hastras as nosas maus unidas
as bágoas ardentes caen.
¿Como me hei de ir si te quero?
¿Como me hei de ir e deixarte,
si ca lengua me desbotas
e co corazón me atraes?
Nun curruncho do teu leito
cariñosa me abrigaches;
co teu manso caloriño
os fríos pés me quentastes;
e de aquí xuntos miramos
por antre o verde ramaxe
cal iba correndo a lúa
por enriba dos pinares
¿Como qures que te deixe?
¿Como, que de ti me aparte,
si máis que a mel eres dulce
e máis que as froles soave?

      -Meiguiño, meiguiño, meigo,
meigo que me namoraste,
vaite de onda min, meiguiño,
antes que o sol se levante.

      -Aínda dorme, queridiña,
antre as ondiñas do mare;
dorme por que me acariñes
e por que amante me chames,
que sólo onda ti, meniña,
podo contento folgare.

      -Xa cantan os paxariños.
Érguete, meu ben, que é tarde.

      -Deixa que canten, Marica;
Marica, deixa que canten…
Si ti sintes que me vaia,
eu relouco por quedarme.

      -Conmigo, meu queridiño,
mitá da noite pasaches.

      -Mais eu tanto ti dormías,
contenteime con mirarte,
que así, sorrindo entre soños,
coidaba que eras un ánxel,
e non con tanta pureza
ó pé dun ánxel velase.

      -Así te quero, meu ben,
como un santo dos altares;
mais fuxe…, que o sol dourado
por riba dos montes saie.

      -Irei; mais dáme un biquiño
antes que de ti me aparte,
que eses labiños de rosa
inda non sei como saben.

      -Con mil amores cho dera;
mais teño que confesarme,
e moita vergonza fora
ter un pecado tan grande.

      -Pois confésate, Marica,
que, cando casar nos casen,
non che han valer, meniña,
nin confesións nin frades.
¡Adiós, cariña de rosa!

      -¡Raparigo, Dios te garde!

Comments are closed.