Nosa señora da Barca

        "Nosa señora da Barca

ten o tellado de pedra;

ben o pudera ter de ouro

miña Virxe si quixera."

 

                I

        ¡Canta xente…, canta xente

por campiñas e por veigas!

¡Canta polo mar abaixo

vén camiño da ribeira!

¡Que lanchas tan ben portadas

con aparellos de festa!

¡Que botes tan feituquiños

con tan feituquiñas velas!

Todos cargadiños veñen

de xentiña forasteira

e de rapazas bonitas

cura de tódalas penas.

¡Cantos dengues encarnados!

¡Cantas sintas amarelas!

¡Cantas cofias pranchadiñas

dende lonxe relumbrean

cal si fosen neve pura,

cal froles da primaveira!

¡Canta maxesa nos homes!

¡Canta brancura nas nenas!

I eles semellan gallardos

pinos que os montes ourean,

i elas cogolliños novos

co orballo da mañán fresca.

 

        As de Muros, tan finiñas

que un coidara que se creban,

c’aquelas caras de virxe,

c’aqueles ollos de almendra,

c’aqueles cabelos longos

xuntados en longas trenzas,

c’aqueles cores rousados

cal si a aurora llos puñera,

pois así son de soaves

como aurora que comenza;

descendentes das airosas

fillas da pagana Grecia,

elas de negro se visten,

delgadiñas e lixeiras,

refaixo e mantelo negro,

zapato e media de seda,

negra chaqueta de raso,

mantilla da mesma peza,

con terciopelo adornado

canto enriba de si levan;

fillas de reinas parecen,

griegas estatuas semellan

si a un raio de sol poniente

repousadas se contempran;

ricos panos de Manila,

brancos e cor de sireixa,

crúzanse sobre o seu seio

con pudorosa modestia,

e por antre eles relosen

como brillantes estrelas,

aderesos e collares

de diamentes e de pelras,

pendentes de filigrana

e pechuguiñas de cera.

 

        As de Camariñas visten

cal rapaciñas gaiteiras,

saias de vivos colores

polo pescozo da perna

lucindo o negro zapato

enriba de branca media;

chambras feitas de mil raias

azuladas e vermellas,

con guarniciós que lles caen

sobre a rumbosa cadeira.

Para tocar o pandeiro

non hai coma tales nenas,

que son as camariñanas

feitas de sal e canela.

 

        As de Cé, ¡Virxe do Carme!,

¡que cariñas tan ben feitas!

Cando están coloradiñas

no ruxe-ruxe da festa,

cada mirar dos seus ollos

fire como cen saetas.

Nin hai mans tan ben cortadas,

tan branquiñas e pequenas

como as que amostran finxindo

que non queren que llas vexan.

 

        Son as de Laxe unhas mozas…

¡Vaia unhas mozas aquelas!

Sólo con velas de lonxe

quítaselles a monteira,

porque son vivas de xenio,

anque son rapazas netas.

Bailadoras… n’hai ningunhas

que con elas se entrometan,

pois por bailar bailarían

no cribo dunha peneira;

mais, en tocando a que recen,

en rezar son as pirmeiras…

Dan ó mundo o que é do mundo,

dan á igrexa o que é da igrexa.

 

        As de Noia ben se axuntan

cas graciosas rianxeiras,

polos redondos peíños,

polas cabeleiras crechas,

polos morenos lunares

e polas agudas lenguas,

que abofé que en todo pican

como si fosen pementa.

 

        Veñen dempois, recatadas

anque un pouquiño soberbias

por aquelo que elas saben

de antigüedade e nobresa

(pois por acó todos somos

tal como Dios nos fixera),

as meniñas ben compostas

dunha vila quisquilleira,

que por onde van parece

que van dicindo "¡Canela!

¿Prantamos ou non prantamos

a cantas hai nesta terra?"

Mais si prantan ou non prantan

non son eu quen o dixera,

que fora pouca cordura,

que fora farta llanesa.

Baste desir que, xuntiñas

todas na porta da igrexa,

máis bonitas parecían

que un ramiño de asucenas,

máis frescas que unha leituga,

máis sabrosiñas que fresas.

 

        Xa que fosen de Rianxo,

que fosen de Redondela,

de Camariñas ou Laxe,

de Laxe ou de Pontareas,

todas era tan bonitas

todas tan bonitas eran

que o de máis duras entrañas

dera as entrañas por elas…

Por eso se derretían,

cal si foran de manteiga,

diante delas os rapaces,

os rapaciños da festa,

os mariñeiros do mare

que donde á Virxen viñeran

porque a Virxen os salvara

de naufragar na tormenta.

Mais si salvaron no mare

non se salvarán na terra,

mariñeiros, mariñeiros,

que aquí tamén hai tormentas

que afogan corasonciños

sin que lle vallan ofertas,

que oie a Virxe ós que se afogan

do mar antre as ondas feras,

mais non oie ós namorados

que de afogarse se alegran.

 

            II

        Ramo de froles parece

Muxía das altas penas

con tanta rosa espallada

naquela branca ribeira,

con tanto caraveliño

que relose antre as arcas,

con tanta xente que corre,

que corre e se sarandea

ó son das gaitas que tocan

e da bombas que rebentan,

uns que venden limoada,

outros augua que refresca,

aqueles dulce resolio

con rosquilliñas de almendra;

os de máis alá sandías

con sabrosas sirigüelas,

mentras tanto que algún cego

ó son de alegre pandeira,

toca un carto de guitarra

para que bailen as nenas.

¡Bendita a Virxe da Barca!

¡Bendita por sempre sea

miña Virxen milagrosa

en quen tantos se recrean!

Todos van por visitala,

todos alí van por vela

na súa barca dourada,

na súa barca pequena,

donde están dous anxeliños,

dous anxeliños que reman.

Alí chegou milagrosa

nunha embarcasón de pedra.

Alí, porque Dios o quixo,

sempre adoradores teña.

A pedra, bala que bala,

sírvelle de centinela

e mentras dormen os homes

elas adorasón lle presta

con aquel son campanudo

que escoitar lonxe se deixa

e a quen o mar con bramidos

humildosos lle contesta.

Cando as campanas repican

e a música retumbea,

cal nun ceo, polas naves

da recollidiña igrexa;

cando os foguetes estalan

nos aires, e voces frescas

polo espaso cas gaitiñas

e cos tambores se mescran,

estonces a pedra bala

tan alegre e tan contenta

que anque un cento de persoas

brinca e salta enriba dela,

coma si fose mociña,

máis que unha pruma lixeira,

alegre como unhas pascuas

salta e rebrinca con elas.

Choven estonces presentes,

choven estonces ofertas

que ll
e traen os romeiros

en feitiñas carabelas

diante da Virxen bendita,

ós pés da sagrada Reina,

e por eso alí lle cantan

cando se despiden dela:

 

"Nosa Señora da Barca

ten o tellado de pedra;

ben o pudera ter de ouro

miña Virxe si quixera."

Previous Post
Comments are closed.