N’É DE MORTE

        -¿Xa estás de volta, Rosa de Anido?
    ¡Eu non coidara verte tan cedo!
    I as meigas todas contigo, Rosa,
    aló na vila seica andiveron,
    que de difunto tes a colore
    i a vista brava, i o falar seco.
        -É que de pena, da terra lonxe,
    pouquiño a pouco me iba morrendo;
    mais… colorosa me verás logo,
    que agora vivo porque te vexo.
        -¡Tola de Rosa, co que ela saie!
    ¿Inda te acordas daqueles tempos?
        -¡Se inda me acordo…! ¿Como olvidalos,
    cando tan soio sei pensar neso?
    Bebemos xuntos naquela fonte,
    xuntos pousamos naquel portelo,
    herba collemos xuntos no prado,
    e íbamos xuntos toma-lo fresco
    no mes de agosto dendes que a lúa
    branca saía tras dos outeiros.
    Estas lembranzas me consumían,
    de ti apartada, da terra lexos…
    Pero e ti, dime, ¿non te acordaches
    e non te acordas de todo aquelo?
        -¡Ti que me pides, rapaza, cando
    desmemoriado son como un deño!
    I ademais, Rosa, direicho todo
    pra que non volvas a pensar nesto.
    Bebín con outras naquela fonte,
    pousei con outras naquel portelo,
    ¡ai, e con tantas á luz da lúa
    no mes de agosto tomei o fresco…!
    Dime, meniña, si un home pode
    cargar con tantos recordos destos,
    e si non debe botalos fóra
    porque n’estorben no pensamento.
    Quíxente un día, quíxente, Rosa;
    mais di unha copra que o amor i o vento,
    desque fixeron o seu facido,
    vanse, rapaza, como viñeron.
    ¡E que lle vamos facer, Rosa,
    si aquestas cousas non tén remedio!
    ¡Adiós, prá Habana domingo embarco;
    i anque ora chores, non teñas medo,
    que mal de amores n’é mal de morte,
    i ó fin i ó cabo pasa co tempo.

Previous Post
Comments are closed.