¿Por que, miña almiña,
por que ora non queres
o que antes querías?
¿Por que, pensamento,
por que ora non vives
de amantes deseios?
¿Por que, meu esprito,
por que ora te humildas,
cando eras altivo?
¿Por que, corazón,
por que ora non falas
falares de amor?
¿Por que xa non bates
co doce batido
que calma os pesares?
¿Por que, en fin, Dios meu,
a un tempo me faltan
a terra i o ceu?
¡Ouh ti, roxa estrela
que din que comigo
naciche, poideras
por sempre apagarte,
xa que non pudeche
por sempre alumarme!…