Para a vida, para a morte

-Para a vida, para a morte
e para sempre en jamás,
pedinte a Dios, e Dios dóuteme
por toda unha eternidá.
-Para a vida, para a morte
e para sempre en jamás,
quero ser vosa, e que seades
o meu Señor natural.
-Mais a que así querer sabe
non debe ter pai n'irmán,
nin home, se é que é casada,
nin fillos, se acaso é nai.
-Espanta o que estás decindo...
mais en sinto que é verdá;
lévame, señor, que irei
onde me queiras levar...
-Pois vente... ¿Que importa o mundo
a quen tén a eternidá?
Xuntos hemos de vivir,
xuntos nos han de enterrar,
e os nosos corpos aquí,
e as nosas almas alá,
quer Dios que en unión eterna
esten pra sempre jamás...

Cal ó paxaro a serpente,
cal á pomba o gavilán,
arrincouna do seu niño
e xa nunca a el volverá.
Comments are closed.