Dende aquí vexo un camiño

        Dende aquí vexo un camiño
    que non sei adonde vai;
    polo mismo que n’o sei,
    quixera o poder andar.
    Istreitiño sarpentea
    antre prados e nabals,
    i anda ó feito, aquí escondido,
    relumbrando máis alá.
    Mais sempre, sempre tentándome
    co seu lindo crarear,
    que eu penso, non sei por que,
    nas vilas que correrá,
    nos carballos que o sombrean,
    nas fontes que o regarán.
    Camiño, camiño branco,
    non sei pra donde vas;
    mais cada vez que te vexo,
    quixera poderte andar.
    Xa collas para Santiago,
    xa collas para o Portal,
    xa en San Andrés te deteñas,
    xa chegues a San Cidrán,
    xa, en fin, te perdas… ¿quen sabe    
    en donde?, ¡que máis me dá!
    Que ojallá en ti me perdera
    pra nunca máis me atopar…
    Mais ti vas indo, vas indo,
    sempre para donde vas,
    i eu quedo encravada en onde
    arraigo ten o meu mal.
    Nin fuxo, non, que aunque fuxa
    dun lugar a outro lugar,
    de min mesma, naide, naide,
    naide me libertará.

Next Post
Comments are closed.